Mostrando entradas con la etiqueta club de lectores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta club de lectores. Mostrar todas las entradas

28/06/08

Mediadores e clubs de lectura

Son docentes, traballan en centros de ensino secundario dispersos por Galicia adiante, moitos deles integran ou coordinan os equipos de biblioteca escolar dos seus centros, reúnense periódicamente cun grupo de alumnos e alumnas, ás veces con outros profesores, pais e nais, persoal non docente... para falar de libros e de experiencia lectora en clubs de lectura de carácter voluntario para os participantes. Son mediadores de lectura, educadores, cidadáns preocupados pola construción dunha sociedade lectora... e predican co exemplo e co traballo cotián... Reuníronse o pasado 25 de xuño en Santiago de Compostela, convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de bibliotecas escolares), nunha Xornada de Clubs de Lectura.

25/06/08

Xornada dos Clubs de lectura en Santiago

Hoxe, 25 de xuño, estase a celebrar na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, unha Xornada de Clubs de lectura, que reúne aos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura presentes en 104 centros de ensino secundario de toda Galicia.
Esta actividade, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), pretende ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e iniciativas, un espazo para a reflexión conxunta sobre as potencialidades desta fórmula de fomento da lectura entre os adolescentes e as comunidades educativas dos institutos de ensino secundario. É tamén un tempo para celebrar o éxito dunha convocatoria que soubo recoller as inquedanzas dun bo número de docentes implicados e apoiar as súas iniciativas.
O programa conta coa presenza de dúas persoas de referencia no panorama español: Blanca Calvo, directora da Biblioteca Pública do Estado de Guadalajara, unha das fundadoras do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil desa cidade, impulsora do Maratón de los cuentos, unha das citas ineludibles do ámbito do fomento da lectura no Estado; Pep Bruno, escritor, narrador e impulsor de clubs de lectura e de escritura con mozos e mozas, tamén estára presente nas sesións da tarde. Complétase a xornada con dúas mesas de experiencias: pola mañá de clubs de lectura nos que só participa alumnado e profesorado implicado, e pola tarde, de clubs de lectura abertos ao resto da comunidade escolar, pais, profesorado, ex-alumnos e persoal non docente.
Será unha xornada dedicada aos libros e a lectura. Se contamos con que cada profesor implicado pode representar, como mínimo, a unha media de 15 alumnos/as, as 120 persoas implicadas representan unha incipiente (o no tanto) "masa crítica" do que é hoxe a lectura por propia vontade en Galicia, a que paga a pena porque é libre, a que crea sociedade lectora, a que merca libros nas librerías das súas respectivas localidades e demanda e xestiona bibliotecas escolares activas que mercan libros, tamén, nas mesmas librerías para manter actualizadas as súas coleccións....

2/06/08

Xornada dos Clubs deLectura

O 25 de xuño terá lugar en Santiago de Compostela unha Xornada dos Clubs de Lectura, destinado ao profesorado que coordina os clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario e que foran seleccionados na convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para incentivar e apoiar estas iniciativas, no presente curso 2007/2008. Hai un total de 104 clubs de lectura en funcionamento, algúns deles con varios grupos e participación dos distintos sectores da comunidade educativa.
Nesta xornada poderánse coñecer algunhas destas experiencias, tal e como recolle o programa.

6/02/08

Clubs de lectura tamén en Primaria


Tamén os lectores máis novos poden participar dun club de lectura... E para mostra, o Club de lectura no CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas (Pontevedra), que xa iniciaron a súa andaina, mesmo no mundo virtual.
Outro club de lectura con algúns meses de funcionamento é o do CEIP Quintela de Moaña (Pontevedra), que conta cun apartado específico no blogue da biblioteca, e no que podemos atopar comentarios interesantes sobre libros e lecturas.

18/01/08

Clubs de lectura en centros de ensino secundario

En novembro de 2007, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, fixo pública unha convocatoria de clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, no contexto das actuacións destinadas a fomentar a lectura nos centros escolares. Esta iniciativa foi moi ben acollida polo profesorado, presentándose un total de 106 proxectos, correspondentes a 106 centros educativos (institutos e escolas oficiais de idiomas na meirande parte). Algúns dos clubs de lectura presentados xa viñan funcionando, pero na súa maioría trátase de proxectos novos. Con data 26 de decembro se publicaba no Portal Educativo a resolución desta convocatoria, coa asignación de contías destinadas a apoiar o desenvolvemento destes clubs de lectura.
Se se ten en conta que en Galicia hai un total de 259 institutos de ensino sencundario e que reciben apoio un total de 104 destes centros, pódese dicir que en un de cada tres institutos hai, cando menos, un docente e un grupo de rapaces e rapazas que, cunha periodicidade establecida e uns obxectivos concretos, se reúnen para falar de libros e lectura, para compartir a súa experiencia lectora e medrar así en tanto que lectores.
Cómpre ter en conta, así mesmo, que varios destes clubs de lectura prevén o funcionamento de varios grupos, debido ao número de lectores implicados e, tamén, que nalgúns casos se abriron á participacion doutros membros da comunidade educativa (nais, pais, ex-alumnos e persoal non docente).
A maioría destes clubs de lectura pretenden, así mesmo, poñer en marcha un blogue como complemento e soporte dixital da actividade. Varios destes xa están en marcha. Velaquí unha mostra:
Na Estrada 525
(IES Manuel García Barros)
Club de lectura Arredor de si (IES de Arzúa)
Club de lectura do IES Alexandre Bóveda
Club de lectura O Segrel (IES de Fene)
As Mariñas Lectoras (IES As Mariñas, de Betanzos)
Club de lectura virtual IES Auga da Laxe

+información

9/11/07

Incentivos a Clubs de Lectura en centros educativos de secundaria


A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación publica unha convocatoria pola que se incentiva a creación de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas especiais. Os proxectos que se seleccionen recibirán contías destinadas á cubrir os costes derivados da posta en marcha e o funcionamento do club de lectura e pretende apoiar ao profesorado que escolle esta estratexia para o fomento da lectura entre o alumnado adolescente, podendo participar tamén outros membros da comunidade escolar.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de novembro.

26/10/07

Rede Lectura


A Asesoría de Bibliotecas Escolares puxo a disposición do profesorado galego, que exerce o seu labor de mediación, unha ferramenta para compartir textos de interese para as actividades de fomento da lectura: o blog REDE LECTURA, un espazo para seguir colaborando e aproveitar o tempo e os esforzos de todos.

21/05/07

Clubs de lectura

O colectivo Acatrotintas propón, na Guía do profesorado Ler o mundo - 1º C. ESO, a creación de clubs de lectura nas bibliotecas escolares, con diversas modalidades, segundo o contexto:

Formar un club de lectura na biblioteca consiste, basicamente, en atraer un grupo de rapaces e rapazas que desexen compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso. O espazo natural para ao club de lectores será a biblioteca escolar, e os tempos axeitados para a súa celebración dependen das posibilidades de cada grupo (recreos, tempos non lectivos). O número de integrantes non debe ser excesivo: entre cinco e quince lectores, como máximo.

O elemento vertebrador do club de lectores é a persoa mediadora. Indiscutiblemente, ten que ser unha persoa lectora, que estea disposta a ocupar parte do seu tempo en promover unha actividade deste tipo. Non ten por qué ser un profesor das áreas de lingua, nin tampouco o responsable da biblioteca. A súa función inclúe dende a selección dos títulos para ler, a elección da mellor forma para conseguir os exemplares destes títulos, a organización das sesións, a publicidade desta proposta, a oportunidade das diversas convocatorias, o control dos tempos, a moderación dos participantes e a difusión das achegas do grupo, se é o caso. Debe, ademais, facerse permeable ás opinións e preferencias dos participantes, integrando os seus gustos e propoñendo, á vez, temáticas e autores que lles pemitan avanzar como lectores.
(...) Pero nun centro educativo poderían poñerse en xogo outra fórmulas máis abertas: por exemplo, propoñer dende a biblioteca, e coa participación dos lectores que así o decidan, unha serie de títulos para ler ao longo dun período escolar, normalmente, un título por mes, difundir a través de todos os medios (taboleiro, páxina web, panfletos, blog...) o "título do mes" e posibilitar o acceso aos exemplares propostos. As persoas máis implicadas (equipo da biblioteca, persoa coordinadora, lectores, máis interesados) motivarán comentarios sobre a obra lida nos espazos e tempos informais (cafetería, corredores, patio...), integrando no posible a toda a comunidade escolar. Deste xeito, irase creando un ambiente proclive ao feito lector, polos elementos afectivos e de vínculo que se poñen en xogo. simultaneamente, a biblioteca proporcionará soportes (impresos, electrónicos, radiofónicos...) para a comunicación de opinións, comentarios, e recomendacións sobre os libros lidos. Esta forma aberta de club de lectores funciona con éxito nalgúns centros escolares.
Colectivo Acatrotintas