Mostrando entradas con la etiqueta lectores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lectores. Mostrar todas las entradas

25/06/08

Xornada dos Clubs de lectura en Santiago

Hoxe, 25 de xuño, estase a celebrar na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, unha Xornada de Clubs de lectura, que reúne aos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura presentes en 104 centros de ensino secundario de toda Galicia.
Esta actividade, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), pretende ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e iniciativas, un espazo para a reflexión conxunta sobre as potencialidades desta fórmula de fomento da lectura entre os adolescentes e as comunidades educativas dos institutos de ensino secundario. É tamén un tempo para celebrar o éxito dunha convocatoria que soubo recoller as inquedanzas dun bo número de docentes implicados e apoiar as súas iniciativas.
O programa conta coa presenza de dúas persoas de referencia no panorama español: Blanca Calvo, directora da Biblioteca Pública do Estado de Guadalajara, unha das fundadoras do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil desa cidade, impulsora do Maratón de los cuentos, unha das citas ineludibles do ámbito do fomento da lectura no Estado; Pep Bruno, escritor, narrador e impulsor de clubs de lectura e de escritura con mozos e mozas, tamén estára presente nas sesións da tarde. Complétase a xornada con dúas mesas de experiencias: pola mañá de clubs de lectura nos que só participa alumnado e profesorado implicado, e pola tarde, de clubs de lectura abertos ao resto da comunidade escolar, pais, profesorado, ex-alumnos e persoal non docente.
Será unha xornada dedicada aos libros e a lectura. Se contamos con que cada profesor implicado pode representar, como mínimo, a unha media de 15 alumnos/as, as 120 persoas implicadas representan unha incipiente (o no tanto) "masa crítica" do que é hoxe a lectura por propia vontade en Galicia, a que paga a pena porque é libre, a que crea sociedade lectora, a que merca libros nas librerías das súas respectivas localidades e demanda e xestiona bibliotecas escolares activas que mercan libros, tamén, nas mesmas librerías para manter actualizadas as súas coleccións....

13/06/08

Hora de ler... un exemplo

Os materiais do programa de fomento da lectura, Hora de Ler, están sendo utilizados nos centros escolares a criterio do profesorado, con distintos resultados en función, especialmente, da implicación destes mediadores e do carácter innovador e activo das prácticas pedagóxicas cotiás nas que integran estes materiais. Un exemplo é o que publica no seu blogue Pasa Páxina, a biblioteca do CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña: un percorrido fotográfico polas ilustracións dos libros lidos, realizadas no seu "caderno de debuxo" os lectores e lectoras de educación infantil. As nenas e os nenos len, e len moito, e agasállanos cunha visión particular dos seus personaxes preferidos, eses que forman parte xa do noso imaxinario colectivo: Elmer, a toupiña, Frederick...
Recomendable tamén a información no mesmo blogue sobre a participación de pais e nais na biblioteca, compartindo lecturas... implicándose.

29/05/08

A lúa anda por Malpica....


As nenas de nenos de 1º curso de Primaria do CEIP Milladoiro, de Malpica (A Coruña) len contos a eito..... e debuxan a lúa que dá xenio vela..... Velaquí o vídeo que fixeron cos seus debuxos e as súas voces sobre o texto ¿A que sabe a lúa?, de Michael Grejniec, texto publicado en galego por Kalandraka.
Máis información sobre estas e outras actividades arredor da lectura que se levan a cabo neste centro, pódese ver no blogue da biblioteca escolar: Biblioteca.Milladoiro.Malpica




24/05/08

Ler debía ser prohibido

Na Lusofonía Blogueira haiche moito que ver... velaí un pequeno vídeo para a promoción da lectura, atopado no blogue de Alcameh, compañeira desta pequena rede social que imos tecendo arredor do libro e a lectura...
"Ler poder tornar ás persoas perigosamente máis humanas"


Campanha de incentivo à leitura idealizada e produzida por: Deborah Toniolo, Marina Xavier, Julia Brasileiro, Igor Melo, Jader Félix, João Paulo Moura, Luciano Midlej, Marcos Diniz, Paulo Diniz, Filipe Bezerra. (Alunos do 2ºano - turma pp02/2003 - do curso de Publicidade e Propaganda da UNIFACS - Universidade Salvador).

6/05/08

Hábitos de lectura - 1º trimestre 2008



A Federación de Gremios de Editores de España publica a Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros, correspondente ao primeiro trimestre do 2008. Inclúe un apartado referido a lectoras e lectores do tramo 10-13 anos, que se consolida como o sector de idade máis lector: 9 de cada 10 nen@s (91%) considéranse lectores; entre eles, o 78,8% afirma ler libros diaria ou semanalmente.

O 65,2% deste pequenos lectores afirma ler por elección propia e porque lles gusta, o 19,3% le por obriga ou por estudos, e un 15,5% le porque llelo recomendaron e lles gusta.

A relación de títulos máis lidos desanima un pouco (para esta viaxe, tantas alforxas....) pero tamén se pode tomar como reto: cómpre insistir en empregar criterios de calidade á hora de seleccionar os materiais que se adquiren para as bibliotecas escolares... sen desbotar as "lecturas xeracionais", como táctica.

Tamén sería bo non galear en exceso os datos referidos á poboación adulta: se se miran ben as estatísticas, só o 41,6% de persoas maiores de 14 anos considérase lector frecuente, é dicir, le libros diaria ou semanalmente. O resto, ese 13,7% que se di lector ocasional... ¿habería que telo en conta? E desde logo... o máis preocupante: hai un 44,7% da poboación que di, con tranquilidade, que non le, e un 28,6%, non le nunca. Pois iso... deixémonos de lerias e de consellos á rapazada... e practiquemos co exemplo.