Mostrando entradas con la etiqueta libros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta libros. Mostrar todas las entradas

24/06/08

Lecturas recomendadas para o verán

Tempo de vacacións... as bibliotecas escolares publican as súas recomendacións de lectura para este verán. Os mediadores seleccionan títulos novos e non tan novos, pero necesarios, e os ofrecen con pequenas reseñas ás veces, con gana sempre de contaxiar o gusto polos libros. Exercen, pois, unha das súas funcións: a de orientar para unha viaxe máis segura polo bosque dos excesos que é hoxe o panorama editorial. Unha visita polo blogues das diferentes bibliotecas escolares amplía o acceso a guías de lectura e listados por idades. Boas lecturas!

5/06/08

Libros escollidos


A Fundación Germán Sánchez Ruipérez é unha referencia fundamental para os mediadores pero, sobre todo, é unha referencia útil.
Vén de publicar unha selección de títulos de literatura infantil e xuvenil, editados no periodo 2006-2007, escollidos con criterios de calidade pola Red de Selección de Libros Infantiles y Juveniles, un grupo de expertos relacionados con este tipo de literatura nas catro linguas do Estado.

23/04/08

Día do Libro falando de libros e de lectura

Falamos de libros co presidente. Día Internacional do Libro. Mupega
O Día Internacional do Libro serviu de escusa en moitos centros educativos galegos para reforzar o gusto pola lectura. Múltiples actividades, cada vez máis participativas, xuntaron vontades, esforzos e experiencia lectora (e boa cultura pedagóxica, tamén), e plasmáronse en recitais, encontros, xogos de animación á lectura, conversas, intercambio de libros... Pódense ver algunhas destas actividades asomándose ás bibliotecas escolares a través dos seus blogues, presentes na páxina da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Un acto moi especial foi o que se levou a cabo no Museo Pedagóxico de Galicia, coa presencia da conselleira de Educación e do presidente do goberno galego. Baixo o lema, Falamos de libros co presidente, xuntáronse rapaces do CEP Marcos da Portela (Pontevedra), CEIP de Pazos (Ferrol), CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP de Sigüeiro (Oroso), CEIP Humberto Juanes (Nigrán), CEIP Pepe de Xan Baña (Sta. Comba), así como algúns membros do club de lectura Balbordo, do IES Río Cabe (Monforte). A través de videoconferencia, desde os seus centros, participaron tamén nenas e nenos do CEIP A Ponte (Lugo) e CEIP Amaro Refojo (Verin).
Falouse de libros e de lectura: dos libros preferidos, dos que están a ler, do moito que lles gusta ler, dos personaxes dos libros, da Hora de ler, das mochilas viaxeiras, dos clubs de lectura... Estas nenas, estos nenos, eran unha pequena representación dos moitos alumnos e alumnas galegos que, día a día, medran como lectores a través de todas e cada unha das pequenas actividades que se botan a andar nas aulas e nas bibliotecas escolares. Pódese apreciar neste pequeno vídeo da Axencia Galega de Noticias o ambiente que alí se viviu: simplemente, no Día do Libro, falamos de libros. Tamén nesta noticia da tvg

21/04/08

O texto de Carlo Frabetti, O Liberespazo, serve de escusa para lembrar, no Día Internacional do Libro, a urxencia por permitir e favorecer desde os centros educativos o descubrimento da literatura, non como materia escolar, non como un catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo.
Agradecemos ao autor este agasallo e convidamos á súa lectura.

16/04/08

Unha curta sobre libros e lecturas, sobre lectores...



A través do blogue O Segrel do Penedo, da biblioteca do IES de Fene, tivemos o pracer de coñecer esta curta realmente exquisita que só puido facer alguén que ame realmente os libros, alguén que teña unha grata experiencia lectora... "La segunda estrella a la derecha", do escritor e director Pablo Bullejos.

28/03/08

O carteiro de Bagdad: "book trailer" que esperta fames de lectura


Grazas a Brétemas coñecemos este fermoso book trailer publicado pola editorial Edelvives para publicitar o libro de Marcos S. Calveiro, O carteiro de Bagdad... nada cambia en Bagdad.... pero algo está a mudar no mundo dos libros que non debemos deixar de aproveitar.

17/03/08

Mochilas viaxeiras... ou como implicar ás familias

A experiencia das mochilas viaxeiras (maletas viaxeiras, o saco dos libros....) ten dado moi bo resultados nos centros nos que se levou a cabo; permite achegar ás familias materiais de lectura e recursos audiovisuais a través do propio alumnado, que exerce de "mediador" entre a escola e a casa, presenta os libros que leva na mochila destinados a todos os membros da familia e reafírmase como lector con esta actividade. As bibliotecas escolares adaptan esta actividade ao seu alumnado e ao seu medio social e cultural, e elaboran materiais específicos para dinamizala. Algúns exemplos pódense ver neste enlace: As mochilas xa están a viaxar

12/03/08

Guías de lectura ou mapas para orientarse

As bibliotecas escolares galegas elaboran excelentes guías de lectura, seleccións de libros e outros materiais, de carácter temático ou de contido diverso, destinado a facilitar a escolla de lecturas ao profesorado e ao alumnado do centro. Algunhas destas seleccións están destinadas tamén ás familias, para favorecer a súa función como mediadores na creación de hábitos de lectura. A páxina Bibliotecas Escolares de Galicia difunde estes materiais de gran interese para o profesorado.

27/02/08

Feira do Libro da Habana... ou cando ler é unha festa

Camiñar entre as xentes que acoden en tropel á Feira do Libro da Habana é unha experiencia inesquecible... hai imaxes imborrables que agochan historias de amor e libros, de penuria material , de escaseza da palabra que nós, desde aquí, nin imaxinamos. A cámara, ás veces, resístese... porque hai un certo pudor que impide roubar imaxes de tanta intimidade entre lector e libro. Aínda así... algunhas destas imaxes viaxaron ata Galicia, nunha mochila impresionada, e desde aquí se comparte xunto coas palabras do filósofo Emilio Lledó, no seu artigo La mirada de los libros (Palabras por la lectura, 2007):

"Con los libros no sólo tendemos los brazos hacia la memoria de otros seres, hacia su experiencia y su vida, sino que entramos en nosotros mismos. El sorprendente fenómeno de la lectura implica un diálogo que rompe el solitario murmullo de nuestra, tantas veces, clausurada y pobre o empobrecida experiencia. "



31/12/07

Anda revolto o mundo dos libros...

O final do ano é sempre tempo de mirar atrás, pero resulta indispensable mirar para adiante... e neso andan no mundo editorial: na contradición entre a fascinación que producen os novos soportes para a lectura e o medo que provocan os cambios que se aveciñan... haberá un tempo de transición pero a porta está aberta e o vento pode arrastrar a librerías e editoriais que non saiban adaptarse. Recomendables dous artigos do diario El País de hoxe, 31 de decembro: a Tribuna de Javier Celaya, Otras tecnologías para otros lectores e a reportaxe asinada por Jesús Ruíz Mantilla, ¿Estamos preparados para Kindle? Nuevas formas de leer, nuevas formas de editar. Tamén atinxe todo isto aos mediadores que no mundo somos e estamos a procurar lectores. Ánimo, compañeir@s!!!

18/11/07

Algo máis que alimentar a imaxinación, que tamén.

"Hai un terreo no que, para eles, o libro é máis importante que o audiovisual: o terreo no que permite acceder á ensoñación e no que permite construírse a si mesmo. A lectura pode mesmo resultar vital cando teñen a impresión de que algo os singulariza: unha dificultade afectiva, a soidade, unha hipersensibilidade, todas estas situacións que comparte moita xente, pero que moi a miúdo se negan. Os libros se ofrecen a eles, en maior medida a elas, cando todo semella estar pechado: as súas feridas e as súas esperanzas secretas outros souberon dicilas, con palabras que os liberan, que desvelan a aquel ou aquela que non sabían que eran".

Michèle Petit: Nuevos acercamientos a los jóvenes y la lectura.

4/11/07

Novembro soleado, tempo de ler ao aire libre

Ler..., ler nos parques, no xardín, no balcón, na praia, á sombra das árbores... Buscar o sosego, a soidade, o silencio, os espazos necesarios para por en práctica,como lectores, o que propoñemos a outros en tanto que mediadores... Axudar a neutralizar co noso silencio tanto ruído e tanta troula baleira e anonadante...

29/10/07

Nenas e nenos entre 10 e 13 anos: os que máis len

Son os que máis len, especialmente elas. Así o asegura o Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros, correspondente ao 3º trimestre de 2007 que vén de publicar a Federación de Gremios de Editores de España.
O 88,2% das nenas e nenos de entre 10 e 13 anos le fronte ao 57% da poboación adulta. O estudo sinala que nos fogares destes lectores máis novos, un 73,4% dos pais le de forma frecuente e un 80,7% mercou ou agasallou con libros aos seus fillos no último ano, o que vén a reforzar a importancia do papel da familia como espazo de contaxio do hábito lector.

26/10/07

Rede Lectura


A Asesoría de Bibliotecas Escolares puxo a disposición do profesorado galego, que exerce o seu labor de mediación, unha ferramenta para compartir textos de interese para as actividades de fomento da lectura: o blog REDE LECTURA, un espazo para seguir colaborando e aproveitar o tempo e os esforzos de todos.

22/10/07

Aquí lese!!!!

Celebráronse en Santiago, os días 19 e 20 de outubro, as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007. Recibiron ao milleiro de profesores e profesoras participantes os membros da compañía PISTA CATRO cun sketch da súa obra actualmente en cartel, KAMIKAZE, unha chiscadela aos mediadores no fomento da lectura alí presentes, un xogo sobre a lectura para entrar en materia.
O resto das sesións, menos lúdicas, pero igualmente necesarias e, polo que se puxo de manifesto a través dos rostros dos participantes, e das súas palabras... igualmente satisfactorias. As conclusións definitivas, difundiranse en datas próximas (unha vez recollidas as valoracións persoais do profesorado asistente), na páxina da Asesoría de bibliotecas escolares.

9/10/07

Busca de libros en Google

Guía breve para buscar libros e referencias bibliográficas no Google.


Vía Libros&Tecnología

2/10/07

Hábitos e prácticas culturais en España-2006/2007


O Ministerio de Cultura presenta o estudo "Hábitos y prácticas culturales en España 2006-2007", como resultado dunha enquisa realizada entre a poboación maior de 15 anos, en colaboración co Instituto Nacional de Estadística.

O capítulo 3 das táboas de resultados está dedicado ás prácticas de lectura e o uso das bibliotecas. Resulta de gran interese unha visita pormenorizada a este estudo, especialmente para os profesionais de ámbitos educativos e culturais, e especificamente para quen deseña e propón proxectos para a promoción da lectura, a calquera escala e dende calquera instancia.

29/08/07

Sobre a lectura


"A lectura é a ximnasia do “eu”, da identidade personal. Os medios estimulan o noso abandono, buscan fascinarnos, que abramos os ouvidos, os ollos, a boca... A nosa entrega total, quere que nos disolvamos, que deixemos de ser. A lectura en cambio é esixente, quere que sexamos, que esteamos aí, máis ou menos atentos. Lendo entramos no texto mais nunca é un labirinto do que non poidamos saír, sempre hai un camiño de volta e sempre mantemos a conciencia. A lectura respecta á nosa intelixencia e integridade, e lendo respectámonos."

(Do texto de Suso de Toro para o pregón inaugural da Feira do Libro de A Coruña, agosto 2007. Recollido en Brétemas"

26/07/07

Libros censurados máis aló de H.P.



Pablo Cruz escribe un interesante artigo publicado na revista dixital BABAR, baixo o título: Caza de brujas: la censura en la literatura infantil.
Ocórrensenos algúnhas cousas interesantes que se poderían facer nunha biblioteca escolar a partir deste listado, e das reflexións que o autor avanza no seu artigo. O curso chega axiña e seguro que a palabra censura vai estar moi presente no imaxinario recente de todos, tamén dos máis novos... sería un bo momento para quitarlle o pó, por exemplo, A marabillosa medicina de George...

21/07/07

Ler libros podería ser así


Anda pola rede dando voltas, especialmente en blogs de xentes preocupadas polo futuro do libro, a lectura e a edición, un vídeo de ficción que moi pronto podería estar superado, ao ritmo que van as cousas. Editis propónnos a través desta curta en lingua francesa titulada Possible... ou probable?, algunhas das posibilidades que a tecnoloxía podería depararnos nun curtísimo prazo.