Mostrando entradas con la etiqueta mediadores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mediadores. Mostrar todas las entradas

28/06/08

Mediadores e clubs de lectura

Son docentes, traballan en centros de ensino secundario dispersos por Galicia adiante, moitos deles integran ou coordinan os equipos de biblioteca escolar dos seus centros, reúnense periódicamente cun grupo de alumnos e alumnas, ás veces con outros profesores, pais e nais, persoal non docente... para falar de libros e de experiencia lectora en clubs de lectura de carácter voluntario para os participantes. Son mediadores de lectura, educadores, cidadáns preocupados pola construción dunha sociedade lectora... e predican co exemplo e co traballo cotián... Reuníronse o pasado 25 de xuño en Santiago de Compostela, convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de bibliotecas escolares), nunha Xornada de Clubs de Lectura.

24/06/08

Lecturas recomendadas para o verán

Tempo de vacacións... as bibliotecas escolares publican as súas recomendacións de lectura para este verán. Os mediadores seleccionan títulos novos e non tan novos, pero necesarios, e os ofrecen con pequenas reseñas ás veces, con gana sempre de contaxiar o gusto polos libros. Exercen, pois, unha das súas funcións: a de orientar para unha viaxe máis segura polo bosque dos excesos que é hoxe o panorama editorial. Unha visita polo blogues das diferentes bibliotecas escolares amplía o acceso a guías de lectura e listados por idades. Boas lecturas!

13/06/08

Hora de ler... un exemplo

Os materiais do programa de fomento da lectura, Hora de Ler, están sendo utilizados nos centros escolares a criterio do profesorado, con distintos resultados en función, especialmente, da implicación destes mediadores e do carácter innovador e activo das prácticas pedagóxicas cotiás nas que integran estes materiais. Un exemplo é o que publica no seu blogue Pasa Páxina, a biblioteca do CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña: un percorrido fotográfico polas ilustracións dos libros lidos, realizadas no seu "caderno de debuxo" os lectores e lectoras de educación infantil. As nenas e os nenos len, e len moito, e agasállanos cunha visión particular dos seus personaxes preferidos, eses que forman parte xa do noso imaxinario colectivo: Elmer, a toupiña, Frederick...
Recomendable tamén a información no mesmo blogue sobre a participación de pais e nais na biblioteca, compartindo lecturas... implicándose.

5/06/08

Libros escollidos


A Fundación Germán Sánchez Ruipérez é unha referencia fundamental para os mediadores pero, sobre todo, é unha referencia útil.
Vén de publicar unha selección de títulos de literatura infantil e xuvenil, editados no periodo 2006-2007, escollidos con criterios de calidade pola Red de Selección de Libros Infantiles y Juveniles, un grupo de expertos relacionados con este tipo de literatura nas catro linguas do Estado.

16/04/08

Unha curta sobre libros e lecturas, sobre lectores...



A través do blogue O Segrel do Penedo, da biblioteca do IES de Fene, tivemos o pracer de coñecer esta curta realmente exquisita que só puido facer alguén que ame realmente os libros, alguén que teña unha grata experiencia lectora... "La segunda estrella a la derecha", do escritor e director Pablo Bullejos.

5/04/08

Proba superada! Vídeos no taller

Xosé Luis Barreiro e Xosé Leonardo Fariña, falando de "Ferramentas na Rede", e "culpables" de que a idea da retransmisión puidese chegar a ser unha realidade.
Parece que a proba saíu ben... próximamente poderanse ver aquí e tamén aquí os relatorios de Laura Borràs e Miguel Bragado, e con toda seguridade, tamén outros momentos "estelares" dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 07/08.

2/04/08

Probando, probando...

Os días 3 e 4 de abril, celébranse os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 07/08. Reúnense responsables ou membros dos equipos de biblioteca dos centros integrados nesta rede. Vaise facer unha proba de restransmisión en directo dalgunha das conferencias.
Se todo vai ben, poderase seguir en directo aos seguintes relatores que accederon a formar parte deste "experimento":
- Xoves, 3, ás 16,00h: Manuel Bragado, que falará de "A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs".
- Venres, 4, ás 16,15 h.: Laura Borràs Castanyer, que falará de "Fomento da lectura en contornos dixitais".

Agardamos que todo vaia ben. En calquera caso, estes e outros documentos estarán posteriormente dispoñibles a través deste medio e da páxina de Bibliotecas Escolares
.


26/03/08

Contan moito neste conto...


As familias contan, e moito, no labor de formación dos novos lectores. Entre os materiais do programa de fomento da lectura en centros escolares, HORA DE LER, distribuídos pola Consellería de Educación, pódense atopar uns caderniños deseñados específicamente para traballar xunto coas familias na creación e consolidación de hábitos de lectura desde as primeiras idades. Tódalas carpetas destinadas ás nenas e nenos de educación infantil, baixo o lema ¡CONTAMOS MOITO! incluían, ademais dos materiais para os pequenos lectores, 7 folletos sobre a lectura e unha proposta destinada ao profesorado para a súa utilización.

17/03/08

Mochilas viaxeiras... ou como implicar ás familias

A experiencia das mochilas viaxeiras (maletas viaxeiras, o saco dos libros....) ten dado moi bo resultados nos centros nos que se levou a cabo; permite achegar ás familias materiais de lectura e recursos audiovisuais a través do propio alumnado, que exerce de "mediador" entre a escola e a casa, presenta os libros que leva na mochila destinados a todos os membros da familia e reafírmase como lector con esta actividade. As bibliotecas escolares adaptan esta actividade ao seu alumnado e ao seu medio social e cultural, e elaboran materiais específicos para dinamizala. Algúns exemplos pódense ver neste enlace: As mochilas xa están a viaxar

9/11/07

Incentivos a Clubs de Lectura en centros educativos de secundaria


A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación publica unha convocatoria pola que se incentiva a creación de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas especiais. Os proxectos que se seleccionen recibirán contías destinadas á cubrir os costes derivados da posta en marcha e o funcionamento do club de lectura e pretende apoiar ao profesorado que escolle esta estratexia para o fomento da lectura entre o alumnado adolescente, podendo participar tamén outros membros da comunidade escolar.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de novembro.

3/11/07

Outras formas de ler

Porque diso se trata... de non seguir o camiño trillado que xa sabemos a onde nos leva (a crear resistencias nos rapaces con respecto á lectura, a que abandonen o hábito cando xa parecía que o tiñan ben pillado, a perdelos como lectores...). Ler para coñecer. Ler para poder recomendar. Perder o medo a xogar, a inventar, a crear... propoñer outros autores, outros xéneros, outros temas... axudar a entrar nos clásicos doutra forma (e non a pelo), modificar prácticas tediosas, falar de libros, falarlles dos nosos libros, crear clubs de lectura, escoitar as súas preferencias... escoitalos... abrir fronteiras e deixar que entre o aire e a vida nas aulas, nas clases de literatura... que entre a literatura... facerlle caso a Steiner cando nos di:

O que necesitamos son lugares; por exemplo, unha mesa e unhas cadeiras arredor onde poidamos volver a aprender a ler, a ler xuntos.
George Steiner

11/10/07

A lectura convoca vontades


Son máis de 1400 solicitudes as que chegaron á Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación para participaren nas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007, que se van celebrar en Santiago os días 19 e 20 de outubro. Se todas estas vontades se xuntan, máis aló da asistencia a unha actividade de formación do profesorado (que ten o seu atractivo nun programa de manifesta calidade, sen adobíos, e baixo o lema LER AO DEREITO. O DEREITO A LER...) algo ten que mudar nas escolas galegas... E de feito xa está a mudar grazas ao traballo calado e constante de profesores e profesoras atentos ás novas necesidades educativas, coñecedores da importancia do seu traballo como mediadores entre nenos e libros, lectores que contaxian entre o seu alumnado o gusto pola lectura.

10/09/07

Ler ao dereito. O dereito a ler

"Non é un luxo poder pensar a propia vida con axuda de obras de ficción ou de testemuños que atinxen ao máis profundo da experiencia humana. De obras que lle aprenden a un moito sobre si mesmo, e moito sobre outras vidas, outros países, outras épocas. Paréceme incluso que é un dereito elemental, unha cuestión de dignidade."
A lectura non é un deber de ninguén. É un dereito, si, de todo cidadán, e por el temos que loitar, loita que si constitúe un deber.

15/06/07

Os libros, obxectos perigosos

Vía Rede de bibliotecas escolares portuguesas

11/06/07

¿Quen le?

As nenas e os nenos poden ser lectores por conta allea se outro le para eles: a nai, o pai, a avoa, o avó, a irmá máis vella, o curmán que vive arriba, a amiga da mamá que veu de visita, o bibliotecario, os profes na escola, calquera persoa do seu medio...
Porque se é bo ler sós, é moi importante ler en compañía nos comezos da vida lectora.
Colectivo Acatrotintas
Os materiais ¡Contamos moito! inclúen 7 folletos dedicados aos mediadores, son as Sete cuestións sobre a lectura, arredor das cales se pode argallar unha conversa cos pais e coas nais do alumnado, co fin de gañar a súa complicidade para traballar xuntos, escola e familia, pola adquisición do hábito lector.

5/06/07

Libro dos meus libros

A experiencia lectora comeza cos primeiros arrolos, cos primeiros cantos, cos primeiros contos, cos primeiros libros... Libro dos meus libros é un soporte para ir gardando lembranzas deses contos que os pequenos lectores "por conta allea" queren que lles lean unha vez e outra máis, dese libro que vai canda eles para a cama, deses libros cos que medran.... que len na casa e na escola, na escola e na casa... lembranzas tamén das persoas "que contan moito" para eles porque lles len e lles narran, porque lles falan de libros e os acompañan na súa vivencia da lectura.

Porque establecer un vínculo afectivo cos libros e o feito de ler é unha das tácticas que garante a consolidación do hábito lector... a campaña de lectura ¡CONTAMOS MOITO! incorpora este diario de lecturas para os máis pequenos, na procura da complicidade entre a escola e a familia no espertar do gusto pola lectura.

31/05/07

¡Contamos moito!

O alumnado de educación infantil está a recibir as carpetas ¡Contamos moito!, con materiais para eles e as súas familias... porque as nais, os pais, os avós, os irmáns..., contan moito á hora de contaxiar o gusto pola lectura aos máis pequechos da casa.

28/05/07

Títulos para non perderse


Guía de lectura sobre viaxes para lectoras e lectores de 12 anos en diante (1º ciclo da ESO): libros, música, películas... pare ler sós ou en compañía, para viaxar á aventura ou en viaxes guiadas: son títulos para non perderse.
A guía de lectura, incluída no Caderno de viaxe e na Guía do profesorado de 1º Ciclo da ESO, recolle tamén recursos para os mediadores.

24/05/07

Con billete de ida e volta


Viaxes de ida e volta nunha guía de lectura para Ler o mundo: libros, películas e discos coa temática das viaxes como elemento común.

Esta guía de lectura, axeitada para lectores e lectoras expertos (a partir dos 10 anos), recolle textos en lingua galega e castelá, con distinto nivel de dificultade. Para orientar o profesorado, no seu labor de mediadores, e tamén o alumnado na súa busca persoal de lecturas, sinálanse cun asterisco os libros "para viaxes organizadas", aqueles textos que polas súas características, esixen unha certa experiencia lectora e, se é o caso, motivación e apoio por parte doutros lectores, compañeiros ou adultos.

Inclúense recursos impresos e electrónicos para mediadores.
Ler o mundo. 3º C. Primaria. Guía para o profesorado.

27/04/07

A persoa mediadora tamén xoga


O papel da persoa mediadora será guiar a sesión, de maneira que sirva para afianzar actitudes de xogo cooperativo. Seguindo a marcha do xogo nos diversos grupos, pode ir introducindo suxestións que leven os nenos e as nenas a reparar nos tramos entre oca e oca nos que se agachan varios contos, incitando á súa lectura. Isto pode facerse seguindo a orde dos contos, tal e como van aparecendo no taboleiro, ou doutras formas (contos asociados ás casas especiais, por decisión do grupo de xogadores, repartindo os contos entre os distintos grupos, etc.)

O profesorado pode, previamente, facer unha selección dos contos do xogo da oca e poñelos ao alcance do grupo, ben na biblioteca da aula, ben na biblioteca escolar. Outra opción é que os nenos e nenas fagan esta busca de forma autónoma, logo dunha conveniente motivación que o propio xogo favorece.

Nestas sesións tamén poden introducirse algunhas actividades para a análise e o coñecemento da estrutura do conto tradicional, a creación de novos contos, etc.

Colectivo Acatrotintas