26/11/12

#recitandoacelsoemilio


Deitado frente ao mar I from Seso Durán on Vimeo.
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística lanzou hai un tempiño unha proposta aos centros para rematar o "ano Celso Emilio Ferreiro", no que se cumpren os cen anos do nacemento do poeta de Celanova. 

Segundo esta iniciativa, o día 12 do 12 ás 12, os centros que se sumen a ela lembrarán o poeta recitando un dos seus textos máis coñecidos, tamén máis actual na súa mensaxe: Deitado frente ao mar

Desde o IES As Barxas (Moaña, Pontevedra) colaboran ademais cun vídeo para a promoción desta iniciativa, que dá conta do nivel que acadan as producións audiovisuais que se están a facer nos centros.

A biblioteca do IES Concepción Arenal (Ferrol) achega un material moi completo sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro.

"Un lector". Blogue de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz é un dos autores máis lidos por nenos e nenas, mozas e mozos deste país e de algúns outros aos que chegan as traducións dos seus libros. É un privilexio poder contar coa súa presenza tamén na Rede. Impecable a súa páxina: http://agustinfernandezpaz.eu/ na que podemos acceder a datos biográficos, relación das súas obras, textos diversos sobre lingua, lectura ou bibliotecas (na sección de "ensaios") e noticias sobre el e a súa obra na prensa, como o recente nomeamento como Doutor Honoris Causa que lle concede a Universidade de Vigo, un máis dos múltiples recoñecementos que este autor está a recibir por todo o país. 
Desde esta páxina, tamén podemos acceder ao blogue de Agustín, ao que titula UN LECTOR e no que vai achegando textos belísimos sobre cousas que lle interesan moito: os libros, os cómics e o cinema. A última entrada neste blogue está dedicada a un libro e a unha película ben especiais: O festín de Babette

Outro espazo de acceso á obra de Agustín Fernández Paz é a páxina que lle dedica a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, na sección de Literatura Infantil y Juvenil: http://www.cervantesvirtual.com/portales/fernandez_paz/