27/5/13

"Compartindo contos", unha experiencia desde o IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz)

As mozas e mozos do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (Lugo) están embarcados desde hai varios cursos nunha actividade que ten moito de voluntariado cultural, pero que sobre todo supón unha experiencia persoal enriquecedora e unha iniciativa educativa de gran alcance. Así nolo conta Santiago Dans, o responsable da biblioteca escolar

O día 3 acudimos, como nos  anos anteriores, ós colexios de Lagostelle, Parga e A Castellana para celebrar o día do libro. Case 100 alumnos  do insti (case o 70% do alumnado de secundaria) prestáronse a compartir un rato de lectura e diversión cos pequenos de infantil e primeiro ciclo de primaria. Na biblioteca estamos moi satisfeitos da resposta do noso alumnado e do seu traballo.  Durante a semana anterior estivemos, con moita ilusión,  preparando as lecturas, ensaiando en casa e en clase. A xornada foi estupenda; grandes e pequenos disfrutaron xuntos da lectura. Uns días antes escribimos unhas cartas a cada un dos pequenos lectores para contarlles o que íamos facer. Agora esperamos, con máis ilusión aínda, as súas respostas, as súas cartas ou debuxos. Nuns días teremos un vídeo resumo da actividade.

20/5/13

16/5/13

"El lector ha cambiado". Gemma LLuch

Mozas e mozos do club de lectura do IES de Meaño, os primeiros do centro en disfrutar dos lectores electrónicos recén incorporados á biblioteca. 

Os lectores están cambiando. Esta afirmación xunta con outras igual de contundentes realízaas a experta en literatura infantil e xuvenil, e estudosa do fenómeno da lectura entre os máis novos, Gemma LLuch, nun artigo publicado no blogue Conectados, da editorial SM

"El lector ha cambiado. Han cambiado sus costumbres, sus formas de leer y sobre todo la manera de relacionarse con la lectura. Ahora son adolescentes capaces de crear contextos lectores."
 
Recomendamos a lectura do artigo 

Gemma LLuch abrirá a VI Xornada dos Clubs de lectura, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 31 de maio, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura que funcionan neste curso 2012/2013 en 222 centros de ensino secundario de Galicia.

15/5/13

Lecturas no patio


No CEIP A Rúa, de Cangas (Pontevedra) celebraron o Día do Libro, no pasado mes de abril, de moitas maneiras, pero unha delas foi a lectura silenciosa no patio... porque, que ben se le ao aire libre nestes días de primavera!!! + imaxes e información no blogue da biblioteca

13/5/13

O mellor agasallo... un conto!!


 
As nenas e nenos de primeiro curso de Primaria do CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense), prepararon uns contos para contarllelos aos máis pequenos de Infantil do seu colexio. E velaquí o ben que os len. Hai máis exemplos nesta entrada do blogue da biblioteca escolar.

10/5/13

Nenas e nenos do CEIP Saco e Arce que gustan de ler

 
Desde o CEIP Saco e Arce, de Toén (Ourense) chéganos este vídeo coas recomendacións de lectura de nenos e nenas de 2º e 3º ciclo de Primaria. Dá xenio escoitar a estes nenos, a estas nenas, falar dos seus libros en galego (aínda que moitos deles foran lidos en castelán). Parabéns! E parabéns tamén por esta iniciativa que serve para reforzar a expresión oral do alumnado.

Bibliotecas activas que activan o centro

Un bo exemplo da actividade cultural e pedagóxica que xenera unha biblioteca escolar que se "activa" é esta información que nos chega desde o IES A Paralaia (Moaña, Pontevedra). DÍAS DE POESÍA E LIBROS é a crónica de dous meses no instituto, os días que van desde o 8 de Marzo, e o Día da Poesía (21 de marzo), ata  finais de abril, coa conmemoración do Día do Libro: exposicións, recitais, investigacións, contacontos, coa participación de alumnado de diferentes niveis do centro e profesorado de diferentes áreas.

8/5/13

Na procura do libro perdido

 
"O libro perdido" é unha actividade de dinamización destinada a que o alumnado faga buscas nos materiais informativos da biblioteca e saiba moverse con fluidez polas distintas fontes informativas. Un xogo que cómpre preparar con xeito para que a busca teña efectividade, pero que dá moi bos resultados. No IES Lucus Augusti (Lugo), as mozas e mozos de 3º curso de ESO aproveitaron a conmemoración do Día Mundial do Libro para realizar unha destas actividades, que polo que se ve, resultou moi animada. Xogar para aprender, aprender a aprender, ler para aprender, aprender xuntos... o gozo de aprender.

6/5/13

Galería de lectores e lectoras


Presentación de diapositivas: Galería de lectores - Diapositivas
Lectoras e lectores do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra) recomendando libros no pasado mes de abril (tan próximo aínda).

Lectoras e lectores do CRA Amencer (Ribadavia)

As nenas e nedos do CRA Amencer (Ribadavia, Ourense) posan cos seus libros favoritos na casa, no cuarto, na cociña, na sala, no xardín, na escola; sós, acompañados; de pé, sentados, deitados... ou sexa, amosan as mil e unha formas de ler e de gustar do pracer da lectura.

Gústame o que leo!!!


Photocall do Día do Libro2013 no CEIP VÍCTOR SÁENZ from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.

No CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos (A Coruña) celebraron o Día do Libro de mil formas, pero unha das máis divertidas foi posar no photocall preparado para ese día: Leo porque me gusta e gústame o que leo!!!!

2/5/13

Enredando Versos... desde Sanxenxo



Enredando Versos é unha experiencia de traballo colaborativo arredor da poesía que veñen poñendo en práctica, durante o curso 2012/2013, varios centros da zona sur de Pontevedra: IES Sanxenxo (Sanxenxo), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES de Poio (Poio), IES A Sangriña (A Guarda) e CEIP A Lama. 
O 2 de maio xúntanse no Pazo da Cultura de Sanxenxo para ter un encontro poético, cunha excelente programación (encontro no que participan tamén o IES San Paio de Tui, o IES Vilalonga, de Sanxenxo, o IES Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro e o CEIP A Florida de Sanxenxo.  Pódese seguir en directo desde o seu blogue e desde as redes sociais. Ver aquí: