7/7/14

Colaboro na biblioteca e o que máis me gusta é...


Xornada de convivencia do programa "Voluntarios de lectura-A" no CRD da Coruña (26-30 de maio de 2014) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Unha das experiencias más satisfactorias do pasado curso 2013/2014 foi o programa "Voluntariado de lectura-A" no que participaron 44 centros co alumnado de 3º Ciclo de Primaria.  A valoración das memorias de actividades presentadas puxo de manifesto o importante labor que estes nenos e nenas realizan nos seus centros, colaborando na xestión e dinamización da biblioteca escolar, pero tamén organizando actividades de lectura compartida, dentro e fóra do seu centro. Agora ben, un dos resultados máis interesantes do programa é comprobar que o alumnado que participa nestas actividades gana en autonomía, desenvolve habilidades de traballo colaborativo, mellora a súa competencia comunicativa, valora os bens comúns e o traballo en beneficio de outros, asume responsabilidades e, en definitiva, vai desenvolvendo competencias que lle han servir para a súa vida persoal, académica e social. 

Un dos momentos máis gratificantes da "xornada de convivencia" que viviron os rapaces dos centros gañadores no CRD da Coruña, entre o 26 e o 30 de maio, foi o martes á tarde, na presentación das súas actividades como voluntarios e voluntarias na biblioteca escolar. E ao final, pasaron polo "fotocol" para, xogando, amosar algunha das cousas que máis lles gusta facer como colaboradores da biblioteca. 

Os 48 rapaces asistentes, xunto cos seus profesores, a esta xornada de convivencia  procedían dos centros: 
  • CEIP José María Lage (Ortigueira, A Coruña)
  • CEIP de Covas (Viveiro, Lugo)
  • CEIP Filomena Dato (Barbadás, Ourense)
  • CEIP Manuel Sieiro (Crecente, Pontevedra) 
Durante a semana acudiron a obradoiros de diverso tipo (xogos cooperativos, lingua de signos, danzas do mundo, narración oral, lectura expresiva, cociña solidaria, xogos cantados, club de lectura) e asistiron aos locais da Cruz Vermella e  a biblioteca Ágora de A Coruña. todas as actividades estaban relacionadas co traballo colaborativo, o voluntariado de todo tipo e a lectura.