No CPI de Panxón (Nigrán, Pontevedra) veñen de inaugurar este Punto de lectura para as familias, un espazo creado con moito gusto, con respecto e dignidade. A invitación non pode ser máis clara: "se ti les, eles len". Ademais, a información chega a todas as casas a través da Guía de lecturas Nadal 2011
21/12/11
Punto de lectura para nais e pais
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
familias,
fomento da lectura
12/12/11
Unha oportunidade para a formación dos lectores e das lectoras

Nos primeiros días de decembro, a cidade de Pontevedra acolleu a Feira das Industrias Culturais de Galicia, CULTURGAL, e o profesorado responsable da biblioteca do IES Sánchez Cantón, desta cidade, aproveitou para realizar unha experiencia de formación de lectores visitando a feira e participando en varias actividades, ao tempo que se entrevistaban con libreiros alí presentes. O alumnado participante foron os membros do club de lectura TINTA VIVA, que levaban un tempo preparando esta iniciativa.
No seu blogue podemos coñecer a experiencia de forma máis detallada.
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
clubs de lectura,
fomento da lectura
10 decembro: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
colaboración interbibliotecaria
7/12/11
Lecturas compatidas no CEIP de Andrade

No blog RAIOTECA, da biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), podemos coñecer unha experiencia de participación das familias en actividades de fomento da lectura e de formación dos novos lectores. "Lecturas compartidas" é unha fórmula moi probada xa en moitos centros escolares, e tal como nola contan aquí, pode ser vir para seguir animando a outros centros a poñela en práctica.
A implicación das familias é imprescindible, pero tamén hai que facilitala, vehiculizala, favorecela... creando espazos e tempos que a fagan posible.
A implicación das familias é imprescindible, pero tamén hai que facilitala, vehiculizala, favorecela... creando espazos e tempos que a fagan posible.
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
familias,
fomento da lectura,
Hora de ler
Suscribirse a:
Entradas (Atom)