23/4/07

Sete contos e unha oca


Para se perder no bosque só hai que pechar os ollos e pensar un anaco nos contos da infancia. Axiña aparecerá unha carapucha vermella nunha encrucillada e un rastro de migallas de pan reseso marcando o camiño entre as sombras das árbores. Máis tarde virá un mundo de paxaros a peteirar nelas e unhas botas de sete leguas deixarán marcadas as súas inmensas pegadas na poeira, mentre un gato con botas vai e vén todo apurado. Cando a noite borre o carreiro, aparecerá o reino do claro do bosque. Dende alí emprenderá o seu camiño cara ao palacio do príncipe a comitiva do cadaleito de cristal. De cristal era o zapato que non estaba feito para pisar nos camiños e de cristal semellaba o reflexo dun cisne naquel lago camiño da primavera.

Pero a memoria non é tan fráxil coma o cristal e ten ben gardado este camiño de conto. Unha ruta con atrancos, dificultades, prisións e labirintos, pero que tamén conta con pontes, obxectos máxicos e benfeitores que axudan a chegar á meta do "conto contado".


Colectivo Acatrotintas

No hay comentarios: