25/6/08

Xornada dos Clubs de lectura en Santiago

Hoxe, 25 de xuño, estase a celebrar na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, unha Xornada de Clubs de lectura, que reúne aos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura presentes en 104 centros de ensino secundario de toda Galicia.
Esta actividade, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), pretende ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e iniciativas, un espazo para a reflexión conxunta sobre as potencialidades desta fórmula de fomento da lectura entre os adolescentes e as comunidades educativas dos institutos de ensino secundario. É tamén un tempo para celebrar o éxito dunha convocatoria que soubo recoller as inquedanzas dun bo número de docentes implicados e apoiar as súas iniciativas.
O programa conta coa presenza de dúas persoas de referencia no panorama español: Blanca Calvo, directora da Biblioteca Pública do Estado de Guadalajara, unha das fundadoras do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil desa cidade, impulsora do Maratón de los cuentos, unha das citas ineludibles do ámbito do fomento da lectura no Estado; Pep Bruno, escritor, narrador e impulsor de clubs de lectura e de escritura con mozos e mozas, tamén estára presente nas sesións da tarde. Complétase a xornada con dúas mesas de experiencias: pola mañá de clubs de lectura nos que só participa alumnado e profesorado implicado, e pola tarde, de clubs de lectura abertos ao resto da comunidade escolar, pais, profesorado, ex-alumnos e persoal non docente.
Será unha xornada dedicada aos libros e a lectura. Se contamos con que cada profesor implicado pode representar, como mínimo, a unha media de 15 alumnos/as, as 120 persoas implicadas representan unha incipiente (o no tanto) "masa crítica" do que é hoxe a lectura por propia vontade en Galicia, a que paga a pena porque é libre, a que crea sociedade lectora, a que merca libros nas librerías das súas respectivas localidades e demanda e xestiona bibliotecas escolares activas que mercan libros, tamén, nas mesmas librerías para manter actualizadas as súas coleccións....

No hay comentarios: