30/6/07

Ler imaxes

Cando falamos de lectura na sociedade actual estamos falando de lectura de todo tipo de textos, en todo tipo de soportes, con todo tipo de finalidades. Aprender a ler, a ler imaxes, é fundamental para se mover cunha bagaxe mínima polo mundo da información. Porque como moi ben di Daniel Cassany:
"Sempre é imprescindible ler con perspectiva crítica. O que fai Internet é incrementar esa necesidade, ao multiplicar o número e a diversidade de discursos aos que potencialmente podemos acceder."

Benvidos documentos coma este para o noso labor de mediadores:

A túa sinatura vale máis do que pensas
Anuncio de Amnistía Internacional que logró un León de Oro en el Festival de Cannes 2007.

26/6/07

LIX que ule a mar

Novo número da revista galega de Literatura Infantil e Xuvenil FADAMORGANA, nesta ocasión dedicado á presenza do mar na tradición oral e na literatura de autores actuais.

11/6/07

¿Quen le?

As nenas e os nenos poden ser lectores por conta allea se outro le para eles: a nai, o pai, a avoa, o avó, a irmá máis vella, o curmán que vive arriba, a amiga da mamá que veu de visita, o bibliotecario, os profes na escola, calquera persoa do seu medio...
Porque se é bo ler sós, é moi importante ler en compañía nos comezos da vida lectora.
Colectivo Acatrotintas
Os materiais ¡Contamos moito! inclúen 7 folletos dedicados aos mediadores, son as Sete cuestións sobre a lectura, arredor das cales se pode argallar unha conversa cos pais e coas nais do alumnado, co fin de gañar a súa complicidade para traballar xuntos, escola e familia, pola adquisición do hábito lector.

5/6/07

Libro dos meus libros

A experiencia lectora comeza cos primeiros arrolos, cos primeiros cantos, cos primeiros contos, cos primeiros libros... Libro dos meus libros é un soporte para ir gardando lembranzas deses contos que os pequenos lectores "por conta allea" queren que lles lean unha vez e outra máis, dese libro que vai canda eles para a cama, deses libros cos que medran.... que len na casa e na escola, na escola e na casa... lembranzas tamén das persoas "que contan moito" para eles porque lles len e lles narran, porque lles falan de libros e os acompañan na súa vivencia da lectura.

Porque establecer un vínculo afectivo cos libros e o feito de ler é unha das tácticas que garante a consolidación do hábito lector... a campaña de lectura ¡CONTAMOS MOITO! incorpora este diario de lecturas para os máis pequenos, na procura da complicidade entre a escola e a familia no espertar do gusto pola lectura.