Mostrando entradas con la etiqueta medios audiovisuais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta medios audiovisuais. Mostrar todas las entradas

12/6/17

A praia das Catedrais, Augas Santas, na literatura galega

Fermosísimo documento  o que nos chega desde a biblioteca do IES Ribadeo Dionisio Gamallo (Ribadeo, Lugo), como resultado dun proxecto do alumnado da materia "Literatura galega e sociedade", unha selección de testos literarios que teñen a actual praia das Catedrais como escenario e dos que nos chegan pequenos anacos nas voces da rapazada. Un documento para facer lectores e que ben pode suxerir lecturas agora que vén o tempo de mar, auga, sol e lecer. Parabéns pola inciativa!

31/5/17

Algo pasa en Guitiriz


IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz, Lugo): un instituto de ensino secundario, un obradoiro audiovisual, unha biblioteca, lectoras, lectores, un centro que le, un centro que aprende, un centro con vida, con sentido do humor, unha biblioteca activa... Parabéns!!

27/4/17

Lectura e alfabetización mediática

Desde a biblioteca do CEE Terral de Ferrol chéganos este traballo realizado polo alumnado do Programa de FP Básica de Xardinería e Restauración, a partir da lectura dun texto de Sechu Sende, "Curtametraxe". Literatura e alfabetización mediática únense neste produto audiovisual polo que cómpre parabenizar ao alumnado e ao profesorado responsable. No blogue do centro pódese ver o proceso de elaboración da curta e toda a información.

29/12/14

"Modestina quere saber" e quere que as nenas e os nenos saiban tamén...


Modestina é unha tartaruga lectora e vive na biblioteca do CEIP San Ramón, de Moeche (A Coruña). Modestina gusta de facerse autorretratos, "selfies", en distintos lugares do seu concello e propoñer un xogo ás familias. Trátase do concurso "Os selfies de Modestina" que anda a revolucionar á comunidade educativa do centro e consegue que as familias xoguen con ela a descubrir o lugar no que se fai o selfie e a buscar algunha información sobre o mesmo. Así se explica o xogo no blogue da biblioteca:

"Os selfies de Modestina" é o novo concurso da nosa tartaruga. Un reto apaixoante no cal podemos participar TODO O ALUMNADO coas SÚAS FAMILIAS. Consiste no seguinte: - Unha vez ao mes (máis ou menos) Modestina subirá ao blogue 2-3 imaxes dalgún lugar de Moeche ou dos arredores cercanos. O obxectivo é que cada familia atope o lugar da imaxe, realice un "selfie" no mesmo e resolva un par de preguntas relacionadas con el. Desta maneira poderemos coñecer algo mellor a nosa contorna (en relación co proxecto anual de centro) e pasar un tempo divertido en familia. (Vale tamén realizar calquera tipo de fotografía onde se vexa aos participantes no lugar solicitado).

Pero Modestina tamén propón outros xogos de buscas informativas ao alumnado do centro. Velaquí un exemplo das  "roldas de Modestina quere saber... ", un concurso no que participa o alumnado por equipos e que podemos coñecer tamén a través deste blogue.

25/11/14

Cine matemático

http://bibliofortexnvilas.blogspot.com.es/search/label/CINE%20E%20MATEM%C3%81TICAS
Desde o CPI Antonio Orza Couto, de Boqueixón chéganos esta selección de cine relacionado dalgunha forma con matemáticas, neste ano no que as bibliotecas enfocan parte da súa actividade a fomentar a lectura de textos matemáticos, a descubrir a matemática na vida cotiá.

Así mesmo, esta biblioteca propón á súa comunidade educativa un reto: 12 meses, 12 libros... relacionados coas matemáticas.

20/6/14

A biblioteca cerra por vacacións ??!!!

 
A biblioteca do IES Fontem Albei, de A Fonsagrada (Lugo), pecha por vacacións pero...  os seus libros non queren quedar encerrados todo o verán... Breve pero estupendo vídeo que nos chega desde este centro, onde xa levan algún tempo traballando pola alfabetización mediática do seu alumnado e que atopan na biblioteca un excelente tema para elaborar os seus guións audiovisuais.

4/12/13

Por que ler?

 
Impresionante vídeo de animación á lectura realizado por un alumno do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo. Sebastián é tamén o autor dun blogue sobre libros e lectura: El coleccionista de Mundos. Sen palabras que nos deixou!!

15/10/13

"Falamos de ler"

 
Desde o CEIP San Marcos, de Abegondo (A Coruña), chéganos este vídeo, aloxado no blogue do Club de Lectura do colexio,  no que o alumnado de 4º de primaria realiza entrevistas a outros nenos e outras nenas e aos adultos presentes no centro, arredor do libro e a lectura. Impagable como documento no ámbito da sociolingüïstica. Un traballo estupendo da rapazada. Parabéns!

30/4/13

Cine e libros, libros e cine...

Co gallo do Día Mundial do Libro, o programa dedicado ao cine da TV2 "Días de cine" emitiu unha reportaxe sobre as relacións entre cine e libros. Agradecemos á biblioteca do IES Pazo da Mercé (As Neves), esta achega. 

23/4/13

Sherezade conta contos no Leirado


As nenas e nenos de 3º Ciclo do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra), traballaron coa súa profesora de Música na creación dunha curta de animación, arredor da música de Rimsky Korsakov e as historias de Sherezade. E hoxe, Día do Libro, fan a presentación ao resto de compañeiras e compañeiros... Parabéns por este estupendo traballo.

15/4/13

Ler e facer, ler e interpretar, ler e crear... a propósito de "Fantasmas de luz"

Facer lectoras, facer lectores, é hoxe algo diferente ao que se supuña que era hai uns anos. A sociedade é diferente, os mozos e mozas teñen intereses distintos e traspasados pola cultura audiovisual e, en definitiva, a lectura é outra cousa, é unha lectura "transmedia" e unha experiencia individual, pero que precisa ser compartida para medrar. Ou entendemos iso, en tanto que mediadores, ou  será difícil que academos resultados co sector en maior risco de perderse como lectores: os adolescentes e xoves.

Unhas mozas do IES de Poio, trala lectura de FANTASMAS DE LUZ, de Agustín Fernández Paz, puxeron mans á obra: seleccionaron unha escena, fixeron a ficha técnica e acabaron producindo unha curta que, a pesar da súa brevidade, resulta ben interesante.
Pódese ver esta curta no blogue da biblioteca do centro, AS ZOCAS FALADORAS.
Do blogue do club de lectura do mesmo centro, obtemos este saúdo de Agustín aos mozos e mozas que van ler o libro, animando á súa lectura, que fala ben da mestría de Fernández Paz, e da súa boa maneira de facer lectores. 

15/3/13

Unha biblioteca con maxia


 
Os mozos e mozas do IES As Barxas (Moaña, Vigo), con Luz, a súa profesora de Educación Plástica, e a colaboración de Romina, unha alumna de 2º de BAC, habitual colaboradora da biblioteca do centro, elaboraron esta videocreación sobre a súa biblioteca, unha biblioteca con maxia. Parabéns!!!

1/10/12

IV Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia

As IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia celebraranse os vindeiros 9 e 10 de novembro, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos). O lema destas xornadas é LER PARA VER, e van estar adicadas á alfabetización mediática e informacional, aos medios de comunicación e a lectura crítica dos contidos audiovisuais, entre outros.

27/3/12

Owly & Wormy


Unha historia que salta do papel ao soporte audiovisual e que, como mínimo, fará aflorar algún sorriso... inda que pode espertar moitas máis cousas...

4/12/08

Cando a lectura é noticia

Ten que vir a ministra a Galicia, se cadra, para que a lectura sexa noticia nos telexornais. O pasado 24 de novembro, co gallo da presenza da ministra de Educación en Galicia e da súa defensa das bibliotecas escolares e da lectura presente en todos os medios, a tve acudía a Monforte de Lemos, ao IES Río Cabe, para dar testemuña do que alí ocorre: a existencia dun club de lectura, BALBORDO, que xunta a grandes e pequenos arredor dos libros.
Pasaron uns días xa e non foi ata hoxe que editaron un pequeno vídeo como resultado da súa visita ao centro. Como ben se di nesta pequena grabación, en Galicia hai un cento de clubs de lectura funcionando en centros de ensino secundario... e vai haber máis!!!

5/4/08

Proba superada! Vídeos no taller

Xosé Luis Barreiro e Xosé Leonardo Fariña, falando de "Ferramentas na Rede", e "culpables" de que a idea da retransmisión puidese chegar a ser unha realidade.
Parece que a proba saíu ben... próximamente poderanse ver aquí e tamén aquí os relatorios de Laura Borràs e Miguel Bragado, e con toda seguridade, tamén outros momentos "estelares" dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 07/08.

2/4/08

Probando, probando...

Os días 3 e 4 de abril, celébranse os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 07/08. Reúnense responsables ou membros dos equipos de biblioteca dos centros integrados nesta rede. Vaise facer unha proba de restransmisión en directo dalgunha das conferencias.
Se todo vai ben, poderase seguir en directo aos seguintes relatores que accederon a formar parte deste "experimento":
- Xoves, 3, ás 16,00h: Manuel Bragado, que falará de "A lectura en galego no marco da nova literacidade: o caso dos blogs".
- Venres, 4, ás 16,15 h.: Laura Borràs Castanyer, que falará de "Fomento da lectura en contornos dixitais".

Agardamos que todo vaia ben. En calquera caso, estes e outros documentos estarán posteriormente dispoñibles a través deste medio e da páxina de Bibliotecas Escolares
.


28/3/08

O carteiro de Bagdad: "book trailer" que esperta fames de lectura


Grazas a Brétemas coñecemos este fermoso book trailer publicado pola editorial Edelvives para publicitar o libro de Marcos S. Calveiro, O carteiro de Bagdad... nada cambia en Bagdad.... pero algo está a mudar no mundo dos libros que non debemos deixar de aproveitar.

12/12/07

Tipografía animada

Un exemplo do que se pode atopar pola Rede e que pode ser empregado, pola súa calidade, para estimular determinadas aprendizaxes, máis aló do disfrute inmediato: lingua e linguaxes, mestizaxe de xéneros, tipografía, imaxe, posibilidades do audiovisual, lectura, literacidade... Gracias a Tíscar e A Nosa Biblioteca por este descubrimento.

2/11/07

"A galega" faise eco dos blogs das bibliotecas escolares


O programa Libro Aberto, da televisión galega, na súa emisión do 29 de outubro presentou unha breve reportaxe sobre o fenómeno dos blogs nas bibliotecas escolares de Galicia. O programa entrevista a Antonio Alonso, unha das persoas que iniciou esta andaina dende A Nosa biblioteca, o blog da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos.