Mostrando entradas con la etiqueta libros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta libros. Mostrar todas las entradas

24/1/19

Títulos máis lidos nos Clubs de lectura. Curso 2017/2018

Publícanse os 50 títulos máis lidos no conxunto dos clubs de lectura adscritos o programa CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante o curso 2017/2018, en centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas). Durante o curso 2017/2018 participaron desta iniciativa un mínimo de 231 clubs de lectura (que foron os que recibiron asignación específica para o seu funcionamento).Unha lectura detallada desta relación fala da diversidade de lecturas presentes nestes grupos de lectura. 

24/11/17

De libros e pensamento crítico

Co gallo da nova de que Marilar Aleixandre vén de gañar o Premio Raíña Lupa 2017 que convoca a sección de Cultura da Deputación de A Coruña, seleccionamos para a súa difusión, unha excelente conferencia de Marilar na clausura dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, celebrados en marzo de 2017 en Compostela. Baixo o título de "Os libros como ferramenta no desenvolvemento da cidadanía crítica", a escritora aclara que é iso do pensamento crítico e como se pode desenvolver a través de prácticas de lectura de interese no ámbito educativo, sempre que se seleccionen textos dun mínimo de calidade. Pódese escoitar esta conferencia a partir do minuto 4:20 do seguinte vídeo:
Os libros como ferramenta no desenvolvemento da cidadanía crítica. from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

2/5/17

Recomendación de lectura desde Salvaterra do Miño

Recomendación de lectura que nos chega desde o CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño). 
O poder da voz para convencernos, a escolla de Dani, a actividade de alfabetización mediática... unha biblioteca en plena acción. Parabéns!!

25/4/17

Monstruobooktubers andan libres por Bergantiños

 
O CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños é unha escola de booktubers, que se preparen as "estrelas" actuais que os pequenos veñen fortes... Máis actividades arredor do Día do Libro 2017 no seu blogue.

... nun fol de acordeón: Día do Libro 2017 en Barrionovo


Na Escola de Educación Infantil Barrionovo (Arteixo, A Coruña) fixeron esta interpretación do poema de Rosalía Fernández Ríal para o Día do Libro deste abril de 2017. Oílo nas súas voces é un agasallo para tod@s. Outras accións  relacionadas co Día do Libro na biblioteca escolar deste centro, no seu blogue.

19/4/17

Día Mundial do Libro - 2017

"Mucha, mucha poesía... " Poesía para celebrarmos o Día Mundial do Libro, da man de ROSALÍA FERNÁNDEZ RÍAL, autora do poema inédito co que agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia para lembrar a maxia da palabra, do libro e da lectura. 

28/12/16

Calendario do libro e da lectura 2017

A Secretaría Xeral de Cultura edita o Calendario do Libro e da Lectura correspondente ao ano 2017. A ilustración  da "toupiña lectora" é da ilustradora Tania Solla.

21/12/16

Ler é soñar

Desde o CEIP Milladoiro, de Malpica de Bergantiños, chéganos esta felicitación de Nadal baixo o título: LER É SOÑAR. 

E que bén o pasaron!!

26/4/16

"Os libros son para valentes" na voz das nenas e dos nenos do CEIP Coirón-Dena (Meaño)



O texto cobra vida na voz das lectoras e dos lectores. Velaquí a versión de "Os libros son para valentes", de Pedro Feijoo, que fan as nenas e os nenos do CEIP Coirón-Dena (Meaño, Pontevedra).

22/4/16

Os libros son para valentes! EEI Barrionovo (Arteixo)

 
Pois as nenas e os nenos da EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) non teñen medo ningún. Abren os libros e enfróntanse a mil e un perigos... pero sobre todo, sobre todo, pásano moi ben. 

Fermoso vídeo creado a partir do texto de Pedro Feijoo para este DÍA MUNDIAL DO LIBRO 

29/12/15

Calendario do libro e da lectura 2016

Desde a Subdirección Xeral de Bibliotecas, da Secretaría Xeral de Cultura (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), edtítase un cartel co Calendario do Libro e da Lectura para o ano 2016, no que se lembran algunhas das datas máis relevantes neste ámbito para o ano que comeza. A delicadísima ilustración é de Tania Solla.

15/12/15

Guías de lectura para o Nadal - 2015

Chegan as vacacións de Nadal e as Bibliotecas Escolares Galegas teñen preparadas as súas guías de lectura, as súas recomendacións de libros, música, cine... para que as familias non teñan dúbidas á hora de pensar nos agasallos propios destas festas. Os lectores, as lectoras, teñen tamén á súa disposición un bo feixe de títulos entre os que escoller lecturas para estes "tempos fríos". 
 
Estas seleccións, feitas con coidado, coñecemento e dedicación, son unha contribución do profesorado dos equipos de biblioteca á formación lectora dos distintos membros da comunidade educativa e un recurso valioso para calquera persoa mediadora en materia de lectura. 

9/6/15

Agustín Fernández Paz e a mediación en materia de lectura.


Un breve pero intenso discurso de Agustín Fernández Paz en resposta á entrega do Premio dos clubs de lectura 2015, que lle foi concedido por ser o autor galego máis lido polos clubs de lectura o pasado curso 2013/204, e que se entregou na pasada VIII Xornada dos Clubs de Lectura. O escritor revisa cuestións fundamentais do labor dos mediadores en materia de fomento da lectura, especificamente, do traballo do profesorado que mantén clubs de lectura en centros de ensino secundario espallados por todo o páis. 

Lembremos que contan con club de lectura (que maioritariamente integran varios grupos de lectura) 238 centros de ensino secundario de Galicia e que as lectoras e os lectores que participan destes "círculos de interese" se reúnen fóra do horario lectivo (en recreos e tempos non lectivos). Os clubs de lectura constitúe unha das experiencias máis interesantes, vinculadas ás bibliotecas escolares, e integradas nas propostas para o fomento da lectura que os centros deseñan nos seus Proxectos lectores de centro desde o ano 2007. Esta iniciativa está integrada, á súa  vez, no programa HORA DE LER para o fomento da lectura no contexto escolar, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

8/5/15

Curiconsellos lectores desde Ponte Caldelas



Desde o CEIP Manuel Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, chéganos este pequeno vídeo gravado polo alumnado colaborador da biblioteca escolar, con recomendacións lectoras de nenas e nenos do centro. A actividade da biblioteca con este pequeno vídeo vai máis aló e resulta unha práctica ben interesante de integración da cultura impresa e a cultura dixital. Así nolo explica o responsable desta biblioteca:  

No noso centro, de cara á semana do libro, propuxémoslles aos/ás colaboradores/as que gravaran ao alumnado que quixera participar, recomendando os libros que máis lles gustaron da nosa biblioteca. Subimos os vídeos ao blog da biblioteca e creamos uns códigos QR que pegamos nos libros recomendados, de xeito que cando alguén os leve a casa poida enlazar co vídeo dende un smartphone ou dende unha tablet.
Toda a información AQUÍ 

5/5/15

"Opino sobre o que leo"

"Opino sobre o que leo" é unha actividade que nos chega desde a biblioteca do IES Marqués de Sargadelos (Cervo, Lugo). En palabras do responsable da biblioteca: é o título dunha experiencia sinxela que empezou na aula. O alumnado de 1º de Bacharelato elaborou unha exposición escrita sobre a historia persoal de cadaquén como lectores; dende os primeiros libros infantís pasando ás lecturas máis avanzadas e chegando ás actuais. Tamén tiñan que exponer a súa perspectiva como lectores do futuro; se serán bos lectores, se lerán máis ou menos do que len agora e que lecturas, autores e libros están aí agardando por eles. Trala realización por escrito destes traballos na aula, a corrección dos mesmos polo profesor e a posta en común na aula chegou o momento de elaborar un coloquio na biblioteca por parte dun grupo de alumnos que voluntariamente aceptaron participar. Resumimos o coloquio nun vídeo sinxelo que se pode ver no blog da biblioteca. En realidade, o coloquio deu moito máis de si có que pode reflectir o vídeo. Foi unha experiencia enriquecedora que serviu para reflexionar sobre a evolución persoal como lectores, recordar e recuperar libros que xa espertan a nostalxia, serviu para practicar a expresión e creación escrita e desenvolver a linguaxe oral.

Agradecémoslle a estas rapazas, a este rapaz, que nos deixen asomarnos ao coloquio que mantiveron. Demostra, entre outras cousas, que cando os libros foron ben escolleitos, e lidos nun ambiente "amigable", deixan pouso. Tamén demostra que cando se ofrecen oportunidades para falar dos libros lidos, agroman sensacións, experiencias, sentimentos, que reforzan a autoimaxe como persoa lectora e o vínculo coa lectura. 

Unha vez máis, a práctica de "falar de libros"  amosa a súa efectividade. Parabéns!!!

23/4/15

Día Mundial do Libro 2015


Día do Libro 2015 from bibliototem on Vimeo.

Unha das moitas actividades organizadas desde as bibliotecas escolares dos centros públicos galegos por mor do Día Mundial do Libro 2015. Neste vídeo podemos ver a Viaxe ao centro dos libros, organizada no IES A Xunqueira II de Pontevedra. 

25/3/15

Libros para comer

https://www.pinterest.com/colesteiro/libros-de-coci%C3%B1a-para-compartir-en-familia-bolsas-/ 
Desde a biblioteca do CEIP Esteiro (Ferrol) chéganos esta selección de libros de cociña, dispoñibles para o alumnado e que chegan ás famillias a través das súas particulares mochilas viaxeiras. 

24/2/15

Falardlibros, nova actividade no IES Fontexería (Muros)

Darlle voz aos lectores e ás lectoras da comunidade educativa e facilitar que poidan compartir a súa experiencia lectora co alumnado  é unha fórmula interesante para contaxiar o gusto pola lectura. A biblioteca do IES Fontexería, de Muros, pon en marcha unha nova actividade, Falardlibros, a través da cal convida a persoas da comunidade educativa que por calquera razón se sinten vinculadas a un libro que lles resulta especial, para que comparta esa experiencia de lectura co alumnado do centro. O lugar: a biblioteca. O tempo: un recreo. Destinatarios: o alumnado do centro. Protagonista: calquera membro da comunidade educativa e o libro por el ou ela escollido. 

Na imaxe vemos a primeira convocatoria desta actividade na que Antón Díaz, profesor de Tecnoloxía no centro falará sobre un libro de Oliver Sacks: El tío Tungsteno.

18/12/14

Formación de usuarios de bibliotecas... e de librarías!



 Desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, chéganos esta crónica da visita dos alumnos e alumnas a unha libraría co fin de elixir e adquirir libros e películar para a biblioteca. Os "compradores" son membros do club de lectua e alumnado que acostuma participar nas actividades propostas pola biblioteca. é unha actividade "de premio" pero é tamén unha actividade educativa, planificada e útil. Así nolo conta o responsable da biblioteca, Santiago Dans:

Un ano máis os nosos alumnas e alumnos participaron na adquisición de fondos para a biblioteca. 
O pasado martes 16 fixemos un excursión ao Fnac da Coruña onde os nosos alumnos e alumnas puideron curiosear, comentar, elixir e mercar libros e películas para a nosa biblioteca. Esta actividade está dirixida ó alumnado que participa máis nas actividades da biblioteca e no club de lectura.

Escollemos unha librería grande, con bastante fondo e con espazo para podernos reunir a comentar as compras realizadas. Cada alumna dispón do mesmo presuposto para adquirir libros. Con el poden mercar un libro ou  varios, poden se xuntar cun compañeiro se non lles chega. Unha vez seleccionados os libros as rapazas terán que explicar diante de todos o motivo da súa elección, a utilidade que pode ter para os demais, etc. Trátase así de que reflexionen sobre o material que é mais axeitado para unha biblioteca  escolar e  para os seus compañeiros. Despois, xa de volta no instituto e na biblioteca cada un catalogará os libros que escolleu e poderá facer unha dedicatoria para todos os lectores. A actividade ten todos os anos unha moi boa acollida por parte do alumnado e cremos que contribúe de maneira notable a estreitar a súa vinculación coa biblioteca e os libros.

Obxectivos da actividade
  • Dotar a biblioteca de libros axeitados ó gosto dos usuarios
  • O noso centro está nunha zona rural na que non hai moitas librerías, e unha boa parte dos nosos alumnos non van nunca ou case nunca a mercarlibros, salvo os obrigatorios para as clases. Non teñen costume de ir  mirar, buscar, curiosear nunha librería e escoller libremente o que máis lles interesa. Así que este xa e de por si un obxectivo da actividade
  • Forzar ó alumnado a reflexionar sobre as razóns polas que lles atrae un libro, sobre si este pode ser interesante para os seus compañeiros, axeitado para unha biblioteca escolar…, Os alumnos terán que argumentar a súa selección ante os demais compañeiros.
  • Mellorar a formación do alumando como usuario, permitindo que participen no proceso que segue o libro dende a súa adquisición ata que o teñen á súa disposición nos andeis
  • Comprometer ó alumnado co coidado dos fondos da biblioteca.
  • Premiar a quen máis libros len e participan máis nas actividades da biblioteca: membros do club de lectura, equipo colaborador, etc

+ información no blogue da biblioteca:

17/12/14

Seica as mozas e os mozos non len... pois hai que animalos!!

Guía de lectura do IES  A Pontepedrinha (Santiago de Compostela) 
Van chegando aos poucos as guías de lectura que as bibliotecas escolares galegas recomendan aos integrantes das súas comunidades educativas para este período vacacional do Nadal 2014. Recollemos aquí unha presadiña de recomendacións elaboradas por bibliotecas de centros de ensino secundario. O preconcepto asentado nos medios de comunicación acríticos que falan continuamente de que "as mozas e os mozos non len"   perde pé cando se coñece de preto a realidade dos institutos de ensino secundario de Galicia onde as bibliotecas están activas e manteñen unha programación anual de calidade, na que destaca habitualmente a presenza de grupos de lectura de distintos niveis e intereses integrados no "clubs de lectura" do centro. Botar unha ollada a estas guías de lectura, a estas recomendacións, dá unha idea do que pasa nas bibliotecas dos centros a moitos niveis (coidado nas seleccións, dignidade dos materiais que se elaboran para poñer na man dos rapaces...), tamén no referente aos estímulos pola lectura en galego, esa asignatura pendente.