Mostrando entradas con la etiqueta poesía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poesía. Mostrar todas las entradas

20/9/19

Poesía e ilustración para imaxinar e crear

    
Bechopoemas e outras bestas é un fantástico bestiario e un bestiario fantástico.

Leire Bilbao agasalla aos lectores e lectoras máis pequenos con poemas inmediatos e potentes, de gran valor metafórico e imaxinativo. Versos nos que os animais voan, nadan, reptan e ruxen.

Maite Mutuberria pon imaxe, coas súas ilustracións, a estes animais con letras, recortes, manchas, pegadas ... ofrecéndonos a oportunidade de traballar co noso alumnado a creatividade a partir da palabra, de aprender xuntos a mirar e ver o que unha ilustración pode ofrecer máis aló de apoiar un texto.

Para non perder, a tradución de Isaac Xubín que traslada o eúscaro ás nosas singularidades.

26/6/18

Radio Balea, desde o CEIP Milladoiro, de Malpica, e o poeta Antonio García Teijeiro

RADIO BALEA, a emisora de radio do CEIP Milladoiro, de Malpica, un dos 20 centros integrados no programa RADIO NA BIBLIO, que comezou a andar neste curso 2017/2018, está xa a pleno rendimento. Un dos exemplos é esta entrevista ao poeta ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO que visitou a biblioteca e mantivo unha conversa cos nenos e as nenas. Excelente documento sonoro que fala do bo facer do profesorado no seu traballo a favor da formación en medios de comunicación do alumnado, pero tamén da xenerosidade de Antonio, poeta, mestre e gran coñecedor do mundo da lectura e das bibliotecas escolares. E sobre todo, fala das habilidades comunicativas deste alumnado que ten, na súa biblioteca, un recurso poderoso para unha formación acorde ás súas necesidades como cidadáns que son do século XXI.



Pódense escoitar outras producións sonoras nesta ligazón: https://www.ivoox.com/podcast-radio-balea-2017-2018_sq_f1553640_1.html

25/4/17

... nun fol de acordeón: Día do Libro 2017 en Barrionovo


Na Escola de Educación Infantil Barrionovo (Arteixo, A Coruña) fixeron esta interpretación do poema de Rosalía Fernández Ríal para o Día do Libro deste abril de 2017. Oílo nas súas voces é un agasallo para tod@s. Outras accións  relacionadas co Día do Libro na biblioteca escolar deste centro, no seu blogue.

19/4/17

Día Mundial do Libro - 2017

"Mucha, mucha poesía... " Poesía para celebrarmos o Día Mundial do Libro, da man de ROSALÍA FERNÁNDEZ RÍAL, autora do poema inédito co que agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia para lembrar a maxia da palabra, do libro e da lectura. 

16/4/15

Un xardín poético no CEIP Pepe de Xan Baña

Para celebrar o Día da Poesía, o 21 de marzo, no CEIP Pepe de Xan Baña (Santa Comba), crearon este Xardín Poético no que as nenas e os nenos dan voz aos poemas, nunha "intervención" festiva, luminosa e alegre. Lembran tamén que o nome do centro é nome de poeta.

1/4/14

"Adiós rios, adiós fontes..." en lingua de signos

 
As bibliotecas escolares non deixan de sorprender... Velaquí unha actividade para o Día de Rosalía na biblioteca do CEIP de Santo Paio de Abaixo (Redondela, Pontevedra): un recitado colectivo do poema de Rosalía de Castro "Adiós ríos, adiós fontes" en lingua de signos. Parabéns ao profesorado que está detrás desta forma de "facer escola", que é unha forma clara de construír cidadanía.

10/3/14

Versos de mulleres que falan de mulleres

Selección poética desde a biblioteca do IES de Poio (Poio, Pnotevedra), co gallo da conmemoriación do Día Internacional da Muller, o pasado 8 de marzo.

12/2/14

Amor ás palabras, palabras de amor


O mes de febreiro trae unha data motivadora para traballar a poesía e as bibliotecas escolares aprovéitana ben. Velaquí algúns exemplos: 

30/1/14

Paz e poesía...

Paz, poesía e moita creatividade no IES de Poio (Poio, Pontevedra). Velaquí os traballos do alumnado de 4º da ESO para o Día da Paz e a Non Violencia:

 

2/5/13

Enredando Versos... desde Sanxenxo



Enredando Versos é unha experiencia de traballo colaborativo arredor da poesía que veñen poñendo en práctica, durante o curso 2012/2013, varios centros da zona sur de Pontevedra: IES Sanxenxo (Sanxenxo), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES de Poio (Poio), IES A Sangriña (A Guarda) e CEIP A Lama. 
O 2 de maio xúntanse no Pazo da Cultura de Sanxenxo para ter un encontro poético, cunha excelente programación (encontro no que participan tamén o IES San Paio de Tui, o IES Vilalonga, de Sanxenxo, o IES Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro e o CEIP A Florida de Sanxenxo.  Pódese seguir en directo desde o seu blogue e desde as redes sociais. Ver aquí: 

13/3/13

Muller e poesía, 8 de marzo e Rosalía


Presentación elaborada por Anxos Rial, da biblioteca do IES de Poio, co gallo do 8 de marzo e o 150 aniversario de Cantares Gallegos: acentos, intencións, vontades que se unen atravesando a xeografía para render homenaxe á Rosalía de Castro.

Rimas de amor, ou as familias contan... e riman!

Desde o CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra), chéganos esta recompilación de rimas amorosas, de rimas creadas por nais e pais para as súas crianzas, a proposta da biblioteca. Unha biblioteca escolar que ten moi claro desde hai tempo que só coa complicidade das familias podemos medrar como lectores, que as familias forman parte desa comunidade educativa á que a biblioteca escolar ha dar apoio, orientación, recursos e oportunidades de lectura, de aprendizaxe e de convivencia. E que os froitos, inda que tarden, aparecen... 

26/2/13

Lector grande, lector pequeno... a propósito de Rosalía

Son moitas as actividades de colaboración entre distintos centros educativos que se están a poñer en marcha tendo a lectura e os libros como nexo de unión. A ningún docente se lle escapa o potencial educativo que gardan este tipo de iniciativas, e só as resistencias organizativas, as dificultades que conleva o traslado nun país coma o noso, ou a rixidez pedagóxica aínda tan estendida, impiden maior número de experiencias. Pero tamén é certo que a difusión deste tipo de actividades dá paso a novas iniciativas. Nesta ocasión, o alumnado da Escola de Educación Infantil de VIDE (As Neves, Pontevedra) e os mozos e mozas do IES Pazo da Mercé (As Neves, Pontevedra) compartiron espazo e palabra. A palabra, os versos de Rosalía de Castro, para festexar á escritora no seu 176 aniversario, e para lembrar os 150 anos do seu libro CANTARES GALLEGOS. Velaquí a súa crónicas: EEI DE VIDE

14/1/13

Poesía de inverno na biblioteca

Tema sinxelo, recursos escasos pero suficientes, traballo cotiá de aprendizaxe da lectura... entramos na biblioteca da EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña), para asistir a esta sesión de "poesía de inverno".

2/4/12

Rosca con poesía

Desde o CRA de Ribadumia, un Centro Rural Agrupado da localidade de Ribadumia (Pontevedra), chéganos unha proposta ben intereseante, dirixida aos padriños e madriñas para estas datas nas que se acostuma agasallar aos pequenos con doces de Pascua. Desde a biblioteca deste centro convidan a incorporar a poesía no agasallo e fanno a través da súa guía de lectura, ROSCA CON POESÍA, unha selección de títulos que chaman a compartir versos e descubirir o ritmo e a musicalidade das palabras.

29/4/11

Lecturas en abril en centros de ensino galegos.





Lectura continuada de poesía, para facer vivir a Palabra, un 14 de abril, no IES Ribeira do Louro (O Porriño, Pontevedra).

Pola súa parte, os nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) marcharon con Ulises rumbo a Ítaca, nunha lectura continuada da Odisea para celebrar o Día do Libro. Velaquí a súa crónica desta viaxe: "Chegamos a Ítaca"

13/4/11

O lugar da lectura: Día Mundial do Libro

Achégase paseniño o 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos dereitos de Autor, en declaración da UNESCO. As bibliotecas escolares galegas celébrano reivindicando os espazos para a lectura, condición imprescindible para facilitar esta actividade, que precisa sosego, tempo, calma, libros e lectores activos.

"O lugar da lectura" é tamén un fermoso texto que o poeta Carlos Negro escribiu para as Bibliotecas Escolares de Galicia. Con este texto, e imaxes da Asesoría de Bibliotecas, vén de editarse un marcapáxinas especial co fin de celebrar este Día Mundial do Libro.


MARCAPÁXINAS

4/5/10

Os mozos non len poesía...

Ese é un dos tópicos máis comúns cando se fala de lectura e de xente nova... tópico que se esnaquiza cando se bota unha ollada ás bibliotecas escolares galegas, nas que a poesía está presente un día si e outro tamén. Velaquí un poeta, Carlos Negro e velaquí os mozos e mozas do club de lectura A árbore vermella, do IES Xesús Taboada Chivite, de Verín (Ourense). Un encontro grato coa poesía, mediadores sensibles e eficaces, bos libros e tempo para disfrutalos. Espazos e tempos para a lectura, tamén de poesía, nos centros educativos. Convidamos a ver a crónica deste encontro: Visitounos Carlos Negro.

18/3/10

Poesía nas bibliotecas... que falta fai...

A Palabra poética está presente sempre nas Bibliotecas Escolares galegas, pero estes días de marzo xoga nos beizos da rapazada e anda libre polos recunchos todos... palabra recitada, palabra cantada, palabra "rapeada", dita ás agachadas, bisbada... debuxada, pintada, fotografada... pero Palabra, en fin, a espertar conciencias e sensibilidades.
E por textos poéticos, que non sexa: velaquí unha selección realizada por REDE LECTURA, entre o máis interesante dos poemarios de literatura infantil e xuvenil publicados nos últimos anos.