28/10/09

Clubs de lectura en marcha


Xa están os clubs de lectura dos centros de ensino en plena efervescencia... e como mostra, esta información no Segrel do Penedo, o blogue da biblioteca escolar do IES de Fene (Fene, A Coruña).

A formación de persoas lectoras esixe o compromiso dos adultos, pais, nais e profesorado que, en contextos distintos, exercen a súa función de mediadores. A onda de actividade lectora que se move por Galicia adiante a través dos clubs de lectura en centros de ensinanza primaria e secundaria, integrados nas bibliotecas escolares dos seus centros, é un sinal (para quen queira velo) de que algo se está a construír: unha rede de persoas que len e que disfrutan coa lectura, que comparten a súa experiencia e crean vínculos de afecto; unha rede de cidadanía, unha sociedade lectora.

21/10/09

Bibliotecas escolares, con humor, un ano despois....

Un ano despois, e cando xa imos celebrar a nova cita anual das bibliotecas escolares galegas, atopamos perdido no youtube un vídeo que algún dos asistentes aos II encontros de bibliotecas escolares de Galicia (outubro de 2008) subiu á Rede... sen que tivésemos noticia. Pero como as risas sempre se agradecen, velaí vai, quentando motores xa para as xornadas do venres....

13/10/09

Familias, lectura e bibliotecas

Nestes inicios de curso, bo é retomar os materiais que a Consellería de Educación editara no ano 2006, dirixidos ás familias do alumnado de infantil, coa finalidade de poñer en valor o seu papel no proceso de formación das persoas lectoras, desde os inicios. Estes caderniños poden ser empregados nas primeiras reunións coas familias, para iniciar conversa e reflexión sobre a necesidade de crear na casa un ambiente favorecedor dos hábitos de lectura.
Pódense ver e descargar aquí

9/10/09

Biblioteca escolar, espazo de lecturaS

Un ano máis, a Asesoría de bibliotecas escolares busca a compaña e a complicidade dos ilustradores galegos para poñer en valor a lectura. Nesta ocasión, e co gallo da celebración do Mes Internacional da Biblioteca Escolar, segundo a convocatoria da IASL (International Associatio of School Libraries), e o Día da Biblioteca (24 de outubro), estase a difundir o cartel realizado por Miguelanxo Prado.

Biblioteca escolar, espazo de lecturaS, con S maiúsculo, por ser lecturas plurais e diversificadas, en soporte papel ou electrónico, de texto ou de imaxe, de ficción ou de información, en soidade ou en compañía, en silencio ou en alta voz... con finalidades diversas, con obxectivos comúns ou individuais, por obriga (porque hai obrigas e obrigas!!) e por motivación propia, polo pracer de ler ou porque nos cómpre, lectura liviá ou profunda, lectura entre liñas..... porque a formación dos lectores competentes vaise construíndo día a día en espazos abertos (e pechados, pero só no físico), en entornos saudables e con adultos conscientes e entregados á súa función de educadores e de mediadores.

2/10/09

"ESTE ENSINO PROMETE UN EXCELENTE FUTURO"


No mes de abril, co gallo da semana cultural, a escritora Mª Xosé Queizán visitou a biblioteca escolar do IES de Ponteceso. Unha biblioteca que hai que ver e que conta -entre outras actividades- cun dinámico club de lectura. Algo debeu "notar" a coñecida autora e feminista, cando poucos días despois publicou o seguinte artigo no xornal A Nosa Terra.


"Os centros de ensino son lugares que poñen o saber ao servizo da sociedade. O pensamento, a arte e a ciencia son a mellor garantía para o progreso da humanidade. O ensino público é o nivelador social, o gran logro da democracia porque facilita os coñecementos para toda a poboación, á parte do sexo ou da clase social. A calidade do ensino público nun país asegura un futuro de benestar e unha cidadanía consciente, culta e feliz. Por iso quero mostrar a miña satisfacción ante a mellora dos centros de ensino en Galicia. Estou dando conferencias en diversos institutos que me deron optimismo. Encontrei centros ben dotados, limpos, con plantas, e falei para un alumnado de Bacharelato atento, correcto, cun comportamento cívico que bota abaixo esa idea dunha mocidade actual maleducada e díscola. O nivel de educación non só depende dos investimentos económicos, que tamén, senón das actividades humanas, dunha dirección adecuada e dun profesorado dedicado, culto e imaxinativo. Falo, por exemplo do IES de Ponteceso onde reflexionei sobre a Guerra e Paz para un auditorio xa sensibilizado. Fixéronme unha entrevista nunha radio “pirata” que manexa un estudante de 3º de ESO. Obsequiáronme con dúas unidades didácticas sobre a cultura da paz e a convivencia, elaboradas por un amplo sector do profesorado, con fotografías nas que o propio alumnado reproduce escenas de tortura, de mutilación por minas, de violencia de xénero, de éxodo de refuxiadas, acoso escolar, da homofobia. Non aprenden de oídas; implícanse, métense na pel da xente que sofre. Este ensino promete un excelente futuro."


María Xosé Queizán