29/12/14

"Modestina quere saber" e quere que as nenas e os nenos saiban tamén...


Modestina é unha tartaruga lectora e vive na biblioteca do CEIP San Ramón, de Moeche (A Coruña). Modestina gusta de facerse autorretratos, "selfies", en distintos lugares do seu concello e propoñer un xogo ás familias. Trátase do concurso "Os selfies de Modestina" que anda a revolucionar á comunidade educativa do centro e consegue que as familias xoguen con ela a descubrir o lugar no que se fai o selfie e a buscar algunha información sobre o mesmo. Así se explica o xogo no blogue da biblioteca:

"Os selfies de Modestina" é o novo concurso da nosa tartaruga. Un reto apaixoante no cal podemos participar TODO O ALUMNADO coas SÚAS FAMILIAS. Consiste no seguinte: - Unha vez ao mes (máis ou menos) Modestina subirá ao blogue 2-3 imaxes dalgún lugar de Moeche ou dos arredores cercanos. O obxectivo é que cada familia atope o lugar da imaxe, realice un "selfie" no mesmo e resolva un par de preguntas relacionadas con el. Desta maneira poderemos coñecer algo mellor a nosa contorna (en relación co proxecto anual de centro) e pasar un tempo divertido en familia. (Vale tamén realizar calquera tipo de fotografía onde se vexa aos participantes no lugar solicitado).

Pero Modestina tamén propón outros xogos de buscas informativas ao alumnado do centro. Velaquí un exemplo das  "roldas de Modestina quere saber... ", un concurso no que participa o alumnado por equipos e que podemos coñecer tamén a través deste blogue.

18/12/14

Formación de usuarios de bibliotecas... e de librarías!



 Desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, chéganos esta crónica da visita dos alumnos e alumnas a unha libraría co fin de elixir e adquirir libros e películar para a biblioteca. Os "compradores" son membros do club de lectua e alumnado que acostuma participar nas actividades propostas pola biblioteca. é unha actividade "de premio" pero é tamén unha actividade educativa, planificada e útil. Así nolo conta o responsable da biblioteca, Santiago Dans:

Un ano máis os nosos alumnas e alumnos participaron na adquisición de fondos para a biblioteca. 
O pasado martes 16 fixemos un excursión ao Fnac da Coruña onde os nosos alumnos e alumnas puideron curiosear, comentar, elixir e mercar libros e películas para a nosa biblioteca. Esta actividade está dirixida ó alumnado que participa máis nas actividades da biblioteca e no club de lectura.

Escollemos unha librería grande, con bastante fondo e con espazo para podernos reunir a comentar as compras realizadas. Cada alumna dispón do mesmo presuposto para adquirir libros. Con el poden mercar un libro ou  varios, poden se xuntar cun compañeiro se non lles chega. Unha vez seleccionados os libros as rapazas terán que explicar diante de todos o motivo da súa elección, a utilidade que pode ter para os demais, etc. Trátase así de que reflexionen sobre o material que é mais axeitado para unha biblioteca  escolar e  para os seus compañeiros. Despois, xa de volta no instituto e na biblioteca cada un catalogará os libros que escolleu e poderá facer unha dedicatoria para todos os lectores. A actividade ten todos os anos unha moi boa acollida por parte do alumnado e cremos que contribúe de maneira notable a estreitar a súa vinculación coa biblioteca e os libros.

Obxectivos da actividade
  • Dotar a biblioteca de libros axeitados ó gosto dos usuarios
  • O noso centro está nunha zona rural na que non hai moitas librerías, e unha boa parte dos nosos alumnos non van nunca ou case nunca a mercarlibros, salvo os obrigatorios para as clases. Non teñen costume de ir  mirar, buscar, curiosear nunha librería e escoller libremente o que máis lles interesa. Así que este xa e de por si un obxectivo da actividade
  • Forzar ó alumnado a reflexionar sobre as razóns polas que lles atrae un libro, sobre si este pode ser interesante para os seus compañeiros, axeitado para unha biblioteca escolar…, Os alumnos terán que argumentar a súa selección ante os demais compañeiros.
  • Mellorar a formación do alumando como usuario, permitindo que participen no proceso que segue o libro dende a súa adquisición ata que o teñen á súa disposición nos andeis
  • Comprometer ó alumnado co coidado dos fondos da biblioteca.
  • Premiar a quen máis libros len e participan máis nas actividades da biblioteca: membros do club de lectura, equipo colaborador, etc

+ información no blogue da biblioteca:

17/12/14

Seica as mozas e os mozos non len... pois hai que animalos!!

Guía de lectura do IES  A Pontepedrinha (Santiago de Compostela) 
Van chegando aos poucos as guías de lectura que as bibliotecas escolares galegas recomendan aos integrantes das súas comunidades educativas para este período vacacional do Nadal 2014. Recollemos aquí unha presadiña de recomendacións elaboradas por bibliotecas de centros de ensino secundario. O preconcepto asentado nos medios de comunicación acríticos que falan continuamente de que "as mozas e os mozos non len"   perde pé cando se coñece de preto a realidade dos institutos de ensino secundario de Galicia onde as bibliotecas están activas e manteñen unha programación anual de calidade, na que destaca habitualmente a presenza de grupos de lectura de distintos niveis e intereses integrados no "clubs de lectura" do centro. Botar unha ollada a estas guías de lectura, a estas recomendacións, dá unha idea do que pasa nas bibliotecas dos centros a moitos niveis (coidado nas seleccións, dignidade dos materiais que se elaboran para poñer na man dos rapaces...), tamén no referente aos estímulos pola lectura en galego, esa asignatura pendente.

12/12/14

De lecturas e encontros con autores a través das TICs


As nenas e nenos do Club de lectura de 6º de primaria do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) leron un libro de Ramón Caride e prepararon conxuntamente unha entrevista que remitiron ao autor por correo electrónico. Polo mesmo medio, o escritor respostou ás súas preguntas, e agora podemos ler todos o resultado no blogue da biblioteca

Hai mil fórumulas para conseguir vincular aos nenos e ás nenas á lectura. Os enfoques comunicativos na aprendizaxe das linguas e as tecnoloxías presentes nos centros (e a dispoñibilidade e xenerosidade da meirande parte dos autores e autoras), posibilitan actividades moi diversas... e velaquí un exemplo sinxelo pero de gran interese pedagóxico. 

3/12/14

Lecturas e recursos web sobre matemáticas

O lema Biblioteca escolar... matemático! está xerando moitas actividades nas bibliotecas escolares galegas e un importante número de excelentes recursos como esta Guía de suxestións de lecturas e recursos web para secundaria, realizada polo CPI de San Sadurniño (San Sadurniño, A Coruña). Unha excelente recompilación, coidada  na presentación e accesible na rede. Parabéns! 

1/12/14

Calendario do libro e da lectura 2015

http://rbgalicia.xunta.es/descargas/1417160145.jpg

A Secretaría Xeral de Cultura vén de facer público o Calendario do libro e da lectura para o ano 2015 que, entre outras novidades, recolle o tan reclamado  (e festexado nos centros escolares) 24 DE MARZO, Aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO.

Ler ciencia en galego?

http://www.pinterest.com/bescolaresgal/ciencia-en-galego-nas-bibliotecas-libros-informati/
Hai suficientes libros de ciencia en galego, libros informativos de ciencia en galego, para poñer nas mans de nenas e nenos, de mozos e mozas???  Non resulta doado, pero case todo o que hai está aquí recollido, neste taboleiro de Pinterest creado pola Asesoría de bibliotecas escolares (Consellería de Educación- Xunta de Galicia) co gallo do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2014. Tras cada un dos títulos reseñados hai unha referencia a outros títulos da colección, así como a editorial que os publica. 

Os centros educativos seguen a demandar da industria editorial  materiais en lingua galega para traballar en todas as áreas de coñecemento, para poder ofrecer unha colección equilibrada en contido, integradora, normalizada e que responda ás necesidades dos usuarios.

As mochilas viaxeiras no CEIP Isaac Peral

As mochilas viaxeiras son unha excelente fórmula para conseguir a implicación das familias na formación lectoras de nenas e nenos, pero precisan dedicación, tempo e recursos. O éxito depende, na meirande parte dos casos, dunha axeitada selección dos materiais que nelas se introducen. Non vale enviar ás familias calquera cousa. Cómpre elixir ben en función dos distintos niveis de lectura, dos distintos intereses que pode haber nun núcleo familiar. Nalgúns centros son os propios nenos os que, coa axuda do profesorado da biblioteca, elixe o tipo de materiais que máis lle pode interesar á súa familia. En calquera caso, canto máis personalizada estea a mochila maior vai ser a eficacia desta iniciativa. 

No CEIP Isaac Peral, de Ferrol, botan a andar as mochilas viaxeiras neste curso 2014/2015 e anúnciano a bombo e platillo no seu blog, con todo tipo de información.