30/4/12

Os mozos e mozas do IES Poeta Díaz Castro de Guuitiriz van ler polas escolas próximas...

 
Un  ano máis, os mozos e mozas de ESO do IES Poeta Díaz Castro (Guitirz, Lugo) aproveitan o Día do Libro para visitar colexios próximos (Lagostelle, Parga, A Castellana) e facer unha intervención lectora coas nenas e nenos de Infantil e 1º Ciclo de Primaria. No seu blogue podemos ler o proceso de preparación, ver un vídeo sobre a actividade e moitas fotografías.
 
Outro ano máis celebramos o día do libro compartindo contos e lecturas cos pequenos dos colexios de Lagostelle, Parga e A Castellana. Escollemos, coa axuda dos profesores dos colexios, unha serie de contos axeitados para cada nivel (infantil e 1º ciclo de primario) e distribuímos os contos entre os nosos alumnos. Durante a semana anterior cada lector preparou o seu conto tendo en conta a idade á dos nenos que o ían escoitar. Nos colexios organizamos os pequenos en grupos de tres de xeito que cada un dos lectores foi pasando por diferentes grupos e lendo o seu conto. Cremos que non resultou mal e que foi unha boa experiencia para os nosos alumnos.
 
 Parabéns por esta iniciativa.

Recomendacións musicais no IES Pino Manso, de O Porriño

 
Libros na Aula de Música, música na Biblioteca... Mozas e mozos do IES Pino Manso (O Porriño, Pontevedra) recomendan (á súa maneira) libros de ópera que veñen de ler coa guía do profesorado de Música. Esta iniciativa exemplifica unha nova vía de colaboración entre áreas de aprendizaxe e biblioteca, cando se traballa para a mellora das competencias básicas do alumnado. 
A expresión oral é unha das habilidades nas que cómpre incidir co alumnado actual, neste momento en que a linguaxe correcta non é un valor en alza nos medios de comunicación nin nos grupos sociais nos que acostuman a moverse. Bó é que o centro educativo poña toda a súa imaxinación e todos os seus medios para enfrentar un aspecto básico da competencia en comunicación lingüística. Os libros, en toda a súa variedade, poden ser bos instrumentos para traballar neste ámbito.

27/4/12

As familias e a biblioteca escolar, unha colaboración afortunada.

A importancia da implicación das familias na formación dos novos lectores e da novas lectoras é unha cuestión incontestable. Xa en 2007 a, daquela, Consellería de Educación e O.U., editaba uns materiais destinados á busar a complicidade de pais e nais nesta fermosa tarefa de contaxiar o hábito da lectura aos máis pequenos, cuns materiais incluídos no programa HORA DE LER baixo o lema ¡CONTAMOS MOITO!

Co desenvolvemento dos Proxectos Lectores de Centro nos últimos anos, son moitas as bibliotecas escolares que inclúen actividades destinadas directamente ás familias ou nas que estas teñen total protagonismo. Nestes días, e co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, chégannos noticias de varias destas actividades, que pola súa diversidade e polo seu interese, salientamos aquí: 


24/4/12

Lecturas compartidas, apadriñamentos/amadriñamentos lectores...


Unha forma de celebrar o Día do Libro: compartindo lectura. O CEIP de CERVO (Cervo, Lugo) leva xa algúns cursos poñendo en práctica unha experiencia que canto más se práctica, máis engancha nos rapaces: as lecturas compartidas, os apadriñamentos lectores,. Os grandes len para os pequenos e así, ademais de mellorar as súas competencias comunicativas, vincúlanse aos outros, practican iso tan necesario que é o coidado do máis feble, e medran como cidadáns (ou cando menos inténtase, que xa é algo).

Son moitos os centros educativos galegos que realizan este tipo de actividades, cada vez máis. Iremos engadindo testemuñas disto, pero polo pronto, velaquí os rostros dunhas nenas, duns nenos, que se acompañan na lectura. Non hai moito que explicar. Parabéns á comunidade educativa por estas iniciativas, educación de calidade no ensino público, sen paliativos.

Tamén houbo lecturas compartidas en:

"Para un ambiente de lectura na escola"

Os mediadores de lectura, o profesorado e as familias que acompañan aos novos lectores na súa formación como tales, son imprescindibles. Tamén o é o papel da biblioteca escolar en canto fornecedora de recursos, pero tamén como xeneradora de actividades que permiten esa lectura "acompañada", que vincula aos libros e ao feito lector. A imaxe amósanos a un grupo de mozos e mozas do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo, nunha sesión do club de lectura do seu centro. Un bo exemplo do que reclama o texto "Para un ambiente de lectura na escola", que se vén movendo estes días pola rede e nos medios escritos, a instancias de Luis Arizaleta (Navarra), persoa comprometida persoal e profesionalmente coa difusión dos beneficios da lectura, desde hai xa moitos anos. Engadimos aquí o enlace á tradución realizado por Emilio Roca, do IES Pedra da Aguia, de Camariñas.

23/4/12

Día Mundial do Libro 2012

"Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundo e outras vidas".

Así comeza o texto OS RÍOS DA VIDA co que Agustín Fernández Paz agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia, co gallo do Día Mundial do Libro, e que se publica nun marcapáxinas para conmemorar esta data no ano 2012.

Son moitas as actividades que se están a programar estes días nas bibliotecas escolares de todo o país. Neste enlace pódense consultar e confirmar así a variedade de propostas que se realizan, coa participación dos distintos sectores da comunidade educativa.  

16/4/12

"Os meus contos favoritos"

 
As nenas e os nenos de 1º de Primaria, do CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra) recomendan o seu libro favorito. Unha actividade que pretende non só fomentar a lectura, senón tamén traballar a expresión oral. O profesorado valora a necesidade de seguir traballando este aspecto, e a oportunidade de seguir ofrecendo libros de calidade, a pesar de que ás veces, non se correspondan as recomendacións da biblioteca cos "favoritos" dos lectores.

2/4/12

Rosca con poesía

Desde o CRA de Ribadumia, un Centro Rural Agrupado da localidade de Ribadumia (Pontevedra), chéganos unha proposta ben intereseante, dirixida aos padriños e madriñas para estas datas nas que se acostuma agasallar aos pequenos con doces de Pascua. Desde a biblioteca deste centro convidan a incorporar a poesía no agasallo e fanno a través da súa guía de lectura, ROSCA CON POESÍA, unha selección de títulos que chaman a compartir versos e descubirir o ritmo e a musicalidade das palabras.