24/1/11

Xogar e ler en Educación Infantil

Un bo exemplo de como o alumnado de ensino infantil vai adquirido autonomía persoal na súa selección de lecturas, de como é quen de facer os seguemento das súas lecturas... O documento procede da Escola de Educación Infantil Barrionovo-Pastoriza, de A Coruña.




20/1/11

Ler matemáticas

As bibliotecas escolares apoian ao profesorado de todas as áreas de aprendizaxe no seu labor de formar lectores competentes. Tamén cómpre aprender a ler e a escribir en matemáticas. Un bo exemplo é este da biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra) que convoca, xunto co Departamento de Matemáticas e no contexto do Plan Anual de Lectura, o II Concurso Matemático, un certame de resolucións de problemas matemáticos de enunciados "longos", que cómpre ler con estratexia e atención. Xúntase este ano unha nova iniciativa: un concurso de relato matemático. Toda a información no blog da Biblioteca IES Alexandre Bóveda.

17/1/11

Miguel Hernández, unha experiencia de lectura compartida



Nas bibliotecas escolares galegas pasan cousas coma estas. CPI O Progreso (Catoira, A Coruña): unha actividade de fomento da lectura da que son protagonistas os rapaces e rapazas de 4º Curso da ESO e as nenas e nenos de Infantil. Os grandes len a Miguel Hernández, os pequenos escoitan e debuxan... O que cada quen leva consigo desta experiencia ¿quen o contabiliza? Pero hai alguén que se atreva a dicir que "non pasa nada"???? Experiencia de lectura para outros, experiencia de atención que se dá e se recibe, intercambio de palabras, de imaxes e de afectos, vínculo... ou sexa... formación lectora. Parabéns ao profesorado implicado por esta iniciativa e a tod@s @s nen@s participantes.

O soldadiño de chumbo


Velaquí unha adaptación do conto de Andersen aos novos formatos dixitais levada a cabo por Xabier Senín a partir da multipremiada curtametraxe animada feita por Continental Producciones e Algarabía Animación. Os deseños son de Alfonso Costa, a música de Emilio Aragón e as voces de Manuel Manquiña e Luis Piedrahita. A ambientación está feita no Museo do Xoguete de Allariz.