30/4/14

Adictos e adictas á lectura na "Quinta dos libros"

 
A biblioteca "A Quinta dos libros", do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, organizou unha actividade para celebrar o Día do Libro na que participaron alumnas e alumnos do Club de lectura do centro, e tamén persoas lectoras da comunidade escolar e do pobo, como unha libreira, unha enfermeira, unha limpadora do centro, o director da  Banda de Música e  Inspector de Educación da zona, entre outros. Velaquí as imaxes, algunha das voces e o bo ambiente lector que se vive no centro. Parabéns!!!

28/4/14

Hora de ler no CPI A Cañiza

Fala por sí só  este vídeo gravado coa colaboración do alumnado de 1º de ESO do CPI A Cañíza (A Cañiza, Pontevedra), co gallo do Día do Libro, e a modo de promoción da Hora de Ler que se leva a cabo no centro desde o curso 2010/2011,  con bos resultados, segundo afirman os responsables da biblioteca: 

"Dende o curso 2010-2011 e co obxectivo de crear ambientes lectores, empezamos con este tempo de vinte minutos diarios de lectura libre e silenciosa en horario lectivo.

Despois de tres anos, é unha actividade tan asumida e consolidada que xa nin nos cuestionamos, e que reporta uns beneficios incalculables na adquisición das competencias do noso alumnado."

+ apadriñamentos lectores para celebrar o Día do Libro


Apadrinhamentos Lectores from bemilladoiro on Vimeo.
A fórmula dos apadriñamentos lectores, das lecturas compartidas, segue a proporcionar imaxes fermosísimas para quen amamos a educación e a lectura. Pero aínda ha de profundizarse e ver a forma de sistematizar actividades como estas, que facilitan a adquisición de habilidades de lectura, pero tamén de escoita, e axudan a crear lazos afectivos entre o alumnado e os libros. 

As lecturas compartidas son acitividades para incorporar á vida cotía dos centros, e han de avaliarse sen medo porque provocan aprendizaxes, especialmente cando están coidadas polos mediadores en todos os seus detalles pedagóxicos, e cómpre que estas cuestións tamén se midan e se poñan en valor como "outras formas de aprender" máis aló dos libros de texto. 
No vídeo podemos ver ás nenas e nenos do CEIP Milladoiro, de Malpica, un dos centros que xa ten feito traballo neste sentido, por moito que o Día do Libro sexa unha ocasión tamén para as lecturas compartidas. 
Outros centros celebraron tamén o Día do Libro compartindo lecturas:
CEIP A Picota (Mazaricos, A Coruña)
- CEIP de Cervo (Cervo, Lugo) 
- CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense)
- CEIP Vales Villamarín (Betanzos, A Coruña) 
- CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela, Lugo) 

24/4/14

Día do Libro, libros e lecturas

Son moitas as actividades que organizaron as bibliotecas escolares para celebrar o Día do Libro neste curso 2014, e das que podemos ver algúns exemplos nesta ligazón, pero os apadriñamentos lectores seguen a sistematizarse como ferramenta para vincular afectivamente os nenos e as nenas á lectura. Os beneficios son tanto para os que len como para os que escoitan e as habilidades de lectura van mellorando en todas e cada unha das ocasións en que se reúnen para ler e escoitar. Nesta ocasión, desde a biblioteca do CEIP de CERVO (Cervo, Lugo), achégannos unhas imaxes que dan boa fe da oportunidade que supón para as nenas e os nenos este tipo de actividades de lectura compartida.

14/4/14

Día Mundial do Libro 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica un ano máis o marcapáxinas polo día Mundial do Libro, cun texto inédito, agasallo dun autor ou autora ás Bibliotecas Escolares de Galicia. Nesta ocasión, o texto é da autoría de Paco Martín, escritor galego que no 1984, hai agora trinta anos, recibira o premio Barco de Vapor (Edit. SM), polo seu libro As cousas de Ramón Lamote. Un "Ramón Lamote" que posteriormente fora galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986), entre outros recoñecementos, sendo o primeiro libro en galego que recebe esta distintción. 

O texto que Paco Martín adica ao libro neste ano 2014 é unha evocación das posibilidades que os libros ofrecen ás lectoras e aos lectores ávidos de coñecemento e imaxinación, con anceios de viaxe e aventura.

"A estribeira na que pousar o pé para cabalgar o airoso alazán de galope tendido cara ao horizonte promisorio"


7/4/14

O libro infantil na EEI Barrionovo


DIA DO LIBRO 14 from Aida DG on Vimeo.

O Día Internacional do Libro Infantil na Escola de Educación Infantil de Barrionovo (Arteixo, A Coruña), un espazo alegre para aprendizaxes gratas e duradeiras.A música é de Pablo Díaz

"Tui lee"

Xuntar máis dun milleiro de nenos e nenas de todas as idades e niveis de ensinanza non universitaria para participar nunha festa da lectura, é xa unha realidade nun concello galego. Velaquí o caso de Tui (Pontevedra), que baixo o lema TUI LEE, leva xa cinco anos aglutinando esforzos, imaxinación e vontades arredor dos libros e da lectura. 

As bibliotecas dos centros educativos de Tui, xunto coa Biblioteca Pública Municipal, organizaron unha vez máis o encontro de lectura TUI LEE, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil,  desta vez no Claustro gótico da catedral de Tui onde os participantes, o seu profesorado e algúns avós, compartiron lecturas, recitais, música, danza e dramatización. No blogue da biblioteca do IES SAN PAIO, un dos organizadores, podemos ler unha pequena crónica deste día. 

Ademais da Biblioteca Pública Municipal, participaron alumnado dos seguintes centros: CEIP nº 1, CEIP Nº 2, CEIP Pazos, CEIP Randufe, CEIP Guillarei, CRA Mestra Clara Torres, CEIP Rebordáns,IES San Paio, IES Indalecio Pérez, Seminario de Tui e Colexio dos Maristas. 

2/4/14

2 de abril, un día con significado

O 2 de abril ten un significado moi marcado para os mediadores do libro e da lectura, ao conmemorarse o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen. O Día Internacional do Libro Infantil está xa moi presente nas programacións de bibliotecas e centros escolares. Pero é tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, recoñecido así pola Asemblea das Nacións Unidas en 2008. 

"O autismo é unha discapacidade permanente do desenvolvemento que se manifesta nos tres primeiros anos de idade. A taxa do autismo en todas as rexións do mundo é alta e ten un terrible impacto nos nenos, as súas familias, as comunidades e a sociedade", podemos ler na páxina web da ONU.

As bibliotecas escolares, atentas á realidade dos centros e das nenas e nenos que lles dan vida, van incorporando nas súas programacións algunhas actividades para dar resposta e cobertura en materia de lectura aos nenos e ás nenasque presentan esta discapacidade (tamén ás súas familias), poñendo así en práctica esa "atención á diversidade" tan difícil ás veces de concretar en feitos. Vemos algúns exemplos
  • Na biblioteca do IES Ribeira do Louro (O Porriño) están adquirindo materiais destinados ao alumnado con trastorno do espectro autista e ás súas familias. Velaquí unha guía dos materiais cos que conta a biblioteca, elaborada en colaboración cunha nai implicada: Pinterest sobre neurodiversidade (a imaxe desta entrada corresponde a este material)
  • A biblioteca do CEIP Frián-Teis (Vigo) propón unha serie de recursos para coñecer mellor este trastorno que presentan algúns alumnos e alumnas do centro. e que pode resultar útil a calquera docente. Así mesmo, esta entrada do seu blogue recolle exemplos de materiais que poden favorecer a lectura a este alumnado. 
  • No blogue da biblioteca do IES Pazo da Mercé (As Neves) lembran tamén esta data e achegan materiais relacionados cun caso concreto de autismo, "A canción de Manuel"

1/4/14

"Adiós rios, adiós fontes..." en lingua de signos

 
As bibliotecas escolares non deixan de sorprender... Velaquí unha actividade para o Día de Rosalía na biblioteca do CEIP de Santo Paio de Abaixo (Redondela, Pontevedra): un recitado colectivo do poema de Rosalía de Castro "Adiós ríos, adiós fontes" en lingua de signos. Parabéns ao profesorado que está detrás desta forma de "facer escola", que é unha forma clara de construír cidadanía.