17/9/12

De zona de paso... a recuncho de lectura



 
Desde o IES Poeta Añón (Outes, A Coruña), chéganos este vídeo que documenta o proceso de transformación dunha zona de paso nun espléndido recuncho de lectura, coa colaboración da rapazada e do Departamento de Plástica do centro: un orzamento mínimo, algún moble reciclado e unha gran dose de imaxinación e ghanas... Gañar espazos para a lectura, unha forma de "mediar" e facilitar que os rapaces e rapazas se sintan a gusto nesa actividade, que é a única forma de habituarse á lectura...  Parabéns por esta iniciativa e grazas por compartila!!

13/9/12

10 propósitos para o novo curso, compartidos


Non se podería resumir mellor...  velaquí unha presentación con 10 propósitos para o novo curso, atopada en Gramática Parda, do profesor andaluz  Aitor Lázpita,

12/9/12

Unha vida entre libros. Ana María Machado



Conferencia de Ana María Machado, na apertura do Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y La Cultura - IV Congreso Leer.es (Salamanca, 5, 6 e 7 de Setembro de 2012)

Hora de ler, un programa para o fomento da lectura.

Salamanca acolleu os pasados 5, 6 e 7 de setembro o Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y la Cultura - IV Congreso Leer.es, organizado conxuntamente pola OEI (Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura) e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. A lectura e os lectores estiveron moi presentes en mesas redondas, conferencias e comunicacións. A páxina do congreso está dando acceso a todos os materiais. As bibliotecas escolares galegas estiveron presentes, entre outras, a través das persoas responsables da Asesoría de bibliotecas escolares, que presentaron dúas comunicacións: Bibliotecas Escolares de Galicia, aceleradores de innovación, e estoutra, máis centrada nas accións que para o fomento da lectura se levan a cabo nos centros escolares, co apoio da Consellería de Educación, a través do programa HORA DE LER:

4/9/12

Convocatoria de axudas para Clubs de Lectura. Curso 2012/2013

Club de lectura. IES Pedra da Aguia. Ponte do Porto-Camariñas

Ata o 15 de outubro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de axuda para o funcionamento de clubs de lectura no curso 2012/2013, para centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. Hoxe, 4 de setembro, publícase no Portal Educativo a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que regula a concesión destas axudas.

No curso 2011/2012 houbo un total de 217 centros que tiveron clubs de lectura en funcionamento, con apoio desta iniciativa da consellería, encadrada no programa HORA DE LER para o fomento da lectura en centros de ensino.