19/5/14

As nais e os pais contan moito!


CONTANDO CONTOS by Slidely Slideshow

Contamos moito! foi o lema dunha das primeiras campañas do programa HORA DE LER, que aló polo ano 2007 achegou materiais para o profesorado e o alumnado de Educación Infantil a todos os centros educativos de Galicia. Que os pais e que as nais "conta moito" é algo fundamental á hora de enfrontar a formación dos lectores. Así o entenden os moitos centros que buscan a complicidade das familias á hora de organizar actividades arredor da narración, a lectura, os contos... Velaquí un fermoso exemplo desde o CEIP Santiago Apóstolo (Franza-Mugardos, A Coruña)

16/5/14

Lecturas ao patio!!

No CEIP Coirón-Dena  (Meaño, Pontevedra) comezaron este curso unha nova actividade de lectura compartida, que promete excelentes resultados: Lecturas ao patio! As nenas e nenos de 5º de Primaria van ler no recreo aos alumnos e alumnnas do 1º Ciclo. As imaxes da entrada no blogue da biblioteca que informa desta actividade, podemos apreciar a atención con que escoitan os destinatarios, o que supón xa en sí un gran valor para esta acción dos "voluntarios de lectura".

I Quedada Literaria en Vigo

Segundo nos informar desde o CEIP Frián-Teis (Vigo), algúns centros da comarca xuntáronse no Parque de Castrelos, de Vigo, na I Quedada Literaria: un encontro arredor da lingua, os libros e a lectura, nunha celebración previa do Día das Letras Galegas. 

Participaron, ademáis do Frián-Teis, o CEIP O Chouzo, o CEIP A Carrasqueira, o CEIP Ría de Vigo e o CEIP O Pombal, de Vigo: tamén o CEIP Santa Mariña, de Redondela. Asistiron alumnos e alumnas de dous centros de secundaria, o  IES do Castro (Vigo) e o IES Pino Manso, de O Porriño. A organización correu a cargo dun profesor do CIFP Manuel Antonio, integrante do equipo de biblioteca, e contaron coa participación do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Parabéns!!!
Ver vídeo da TVG (minuto 11)

6/5/14

Libros á rúa!!

O IES Chamoso Lamas do Carballiño (Ourense) despregou os seus tenderetes na praza da vila para ofrecer lecturas aos veciños, nunha das súas moitas actividades arredor do Día do Libro. Podemos ver un resume de todas elas, e moitas máis imaxes, nesta entrada do seu blogue.
Para coñecer exemplos da diversidade de actividades que xeran as bibliotecas escolares galegas arredor desta data, entrar AQUÍ