28/6/13

VI Xornada dos Clubs de Lectura: vídeo resume


VI Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Este vídeo achéganos o ambiente dos participantes, e as impresións dos relatores  e dalgúns asistentes á VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013. Esta actividade intégrase no programa HORA DE LER, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e vense realizando desde o curso 200//2008, data da primeira convocatoria de axudas para clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro ano, no que se crearon 102 clubs de lectura, foron aumentando progresivamente o número de centros que contan con grupos de lectura de alumnado, e tamén de grupos de lectura de adultos, ata chegar aos 222 centros neste curso 2012/2013. Arredor desta iniciativa dos clubs de lectura nos centros de ensino secundario móvense en Galicia unhas 7.000 persoas, entre alumnado, profesorado, persoal non docente e familias, que comparten experiencia lectora e actividades culturais arredor dos libros e da lectura, fóra do horario lectivo. 

ACCESO AOS VÍDEOS DAS DIFERENTES SESIÓNS

25/6/13

Ler a Rossini: Ópera no IES Alexandre Bóveda.


Desde o blogue da biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) podemos acceder á representación da opera de Rossini, O Conde Ory, que levaron  a cabo alumnado de 4º de ESO e de bacharelato do centro, logo dun intenso traballo durante todo o curso escolar. Ópera en galego nunhas voces excelentes, cun traballo xenial por parte de todos os participantes. Parabéns ao profesorado e ao alumnado. O ensino público pon de manifesto unha vez máis que é quen de achegar o patrimonio cultural a todas e todos (dereito non sempre respectado), e de facilitar que todo o alumnado poida participar en actividades de creación e non ficar só como espectadores.

18/6/13

Os libros máis lidos na biblioteca do IES Torrente Ballester (Pontevedra)

Á hora de facer recomendacións de lecturas para o verán, o equipo de biblioteca do IES Torrente Ballester, de Pontevedra, optou por facer visibles os  libros máis lidos durante o curso 2012/2013 no centro, fóra dos libros de obrigada lectura por razóns curriculares. Segundo o responsable da biblioteca, aínda que os libros máis prestados seguen a ser as recomendacións "de obrigada lectura" que realizan os diversos departamentos, vai gañando terreo tamén esa outra selección que realiza o alumnado en función das novidades, das lecturas "xeracionais", do boca-orella, das recomendacións da biblioteca... Cómpre tempo, estabilidade, persistencia e insistencia para que as cousas vaian callando, que son moitas as resistencias a vencer. Pârabéns!!

15/6/13

Criterios de selección de lecturas para adolescentes. Gemma Lluch


Gemma Lluch - Criterios para seleccionar libros para adolescentes from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Unha conferencia imprescindible para mediadores de lectura. Gemma Lluch imparte, con este contido,  a conferencia inicial da VI Xornada dos Clubs de Lectura, en Compostela, o pasado 31 de maio de 2013, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 222 centros de ensino secundario de Galicia, ademais doutros centros de ensino primario.