11/5/15

O refraneiro de Cervo a Viveiro

Desde o CEIP de Cervo informánnos que esta semana teremos en Viveiro a exposición de traballos dos centros da Microrrede de BE de A Mariña.

O tema deste curso foron os refráns. As familias elixiron un refrán e fixeron un traballo plástico sobre el. Estiveron expostos  nos centros e agora toca mostralos todos xuntos en Viveiro.

A inauguración da exposición será o martes e durante toda a semana haberá diversas actuacións dos colexios e institutos participantes. Estará aberta dende o martes 12 ata o venres 15, en horario de seis a oito da tarde.

Un bo motivo para pasarse por Viveiro!

A continuación queda o enlace ao blog do CEIP de Cervo onde se poden ver este traballo sobre os refráns.

http://bibliocervo.blogspot.com.es/2015/05/o-refraneiro-de-cervo-viveiro.html


8/5/15

Curiconsellos lectores desde Ponte Caldelas



Desde o CEIP Manuel Cordo Boullosa, de Ponte Caldelas, chéganos este pequeno vídeo gravado polo alumnado colaborador da biblioteca escolar, con recomendacións lectoras de nenas e nenos do centro. A actividade da biblioteca con este pequeno vídeo vai máis aló e resulta unha práctica ben interesante de integración da cultura impresa e a cultura dixital. Así nolo explica o responsable desta biblioteca:  

No noso centro, de cara á semana do libro, propuxémoslles aos/ás colaboradores/as que gravaran ao alumnado que quixera participar, recomendando os libros que máis lles gustaron da nosa biblioteca. Subimos os vídeos ao blog da biblioteca e creamos uns códigos QR que pegamos nos libros recomendados, de xeito que cando alguén os leve a casa poida enlazar co vídeo dende un smartphone ou dende unha tablet.
Toda a información AQUÍ 

5/5/15

"Opino sobre o que leo"

"Opino sobre o que leo" é unha actividade que nos chega desde a biblioteca do IES Marqués de Sargadelos (Cervo, Lugo). En palabras do responsable da biblioteca: é o título dunha experiencia sinxela que empezou na aula. O alumnado de 1º de Bacharelato elaborou unha exposición escrita sobre a historia persoal de cadaquén como lectores; dende os primeiros libros infantís pasando ás lecturas máis avanzadas e chegando ás actuais. Tamén tiñan que exponer a súa perspectiva como lectores do futuro; se serán bos lectores, se lerán máis ou menos do que len agora e que lecturas, autores e libros están aí agardando por eles. Trala realización por escrito destes traballos na aula, a corrección dos mesmos polo profesor e a posta en común na aula chegou o momento de elaborar un coloquio na biblioteca por parte dun grupo de alumnos que voluntariamente aceptaron participar. Resumimos o coloquio nun vídeo sinxelo que se pode ver no blog da biblioteca. En realidade, o coloquio deu moito máis de si có que pode reflectir o vídeo. Foi unha experiencia enriquecedora que serviu para reflexionar sobre a evolución persoal como lectores, recordar e recuperar libros que xa espertan a nostalxia, serviu para practicar a expresión e creación escrita e desenvolver a linguaxe oral.

Agradecémoslle a estas rapazas, a este rapaz, que nos deixen asomarnos ao coloquio que mantiveron. Demostra, entre outras cousas, que cando os libros foron ben escolleitos, e lidos nun ambiente "amigable", deixan pouso. Tamén demostra que cando se ofrecen oportunidades para falar dos libros lidos, agroman sensacións, experiencias, sentimentos, que reforzan a autoimaxe como persoa lectora e o vínculo coa lectura. 

Unha vez máis, a práctica de "falar de libros"  amosa a súa efectividade. Parabéns!!!