4/7/12

Unha gándara de libros

"Existe un libro de maxia titula "O Ciprianillo" no que se din os lugares de toda Galicia onde os mouros deixaron enterrados os seus tesouros, algúns son grandes tesouros e outros teñen menos valor. E nese libro dise o seguinte: "Deixamos un tesouro de pouco valor na quebradas das Gándaras. As pedras que a cercan cheiran a xofre". Pois ben, o que non sabía Cipriano ao escribir isto é que moitos anos máis tarde nas Gándaras, que soen ser terreos baixos, areentos e pouco produtivos onde só medra a maleza... nese lugar infértil agóchase agora outro tesouro, un tesouro moi valioso: só hai que entrar no Colexio, abrir unha porta ao fondo dun corredor e aló poderase ver un tesouro custodiado pola maga Sara e os seus e as súas axudantes. Cada libro fala de ti. Cada libro é unha parte do teu tesouro. Felicidades a todos e a todas por facer dun terreo infértil unha gándara de vida, unha gándara de libros". Olga Novo

Texto extraído do discurso da poeta Olga Novo na inauguración da Biblioteca do colexio CEIP A Gándara, en Monforte de Lemos, o 31 de maio de 2012.

"Ler non é clandestino"

 
Desde a biblioteca do IES Chano Piñeiro, de Forcarei (Pontevedra) chéganos esta versión afortunada do tema de Manu Chao, "Clandestino". LER NON É CLANDESTINO anuncian os mozos e mozas deste instituto de ensino público do rural galego. Parabéns pola idea, pola versión e pola edición deste vídeo. Parabéns tamén polo traballo que hai detrás a prol da lectura. .