Modestina é unha tartaruga lectora e vive na biblioteca do CEIP San Ramón, de Moeche (A Coruña). Modestina gusta de facerse autorretratos, "selfies", en distintos lugares do seu concello e propoñer un xogo ás familias. Trátase do concurso "Os selfies de Modestina" que anda a revolucionar á comunidade educativa do centro e consegue que as familias xoguen con ela a descubrir o lugar no que se fai o selfie e a buscar algunha información sobre o mesmo. Así se explica o xogo no blogue da biblioteca:
"Os selfies de Modestina" é o novo concurso da nosa tartaruga. Un reto apaixoante no cal podemos participar TODO O ALUMNADO coas SÚAS FAMILIAS. Consiste no seguinte:
- Unha vez ao mes (máis ou menos) Modestina subirá ao blogue 2-3 imaxes
dalgún lugar de Moeche ou dos arredores cercanos. O obxectivo é que cada
familia atope o lugar da imaxe, realice un "selfie" no mesmo e resolva
un par de preguntas relacionadas con el. Desta maneira poderemos coñecer
algo mellor a nosa contorna (en relación co proxecto anual de centro) e
pasar un tempo divertido en familia. (Vale tamén realizar calquera tipo
de fotografía onde se vexa aos participantes no lugar solicitado).
Pero Modestina tamén propón outros xogos de buscas informativas ao alumnado do centro. Velaquí un exemplo das "roldas de Modestina quere saber... ", un concurso no que participa o alumnado por equipos e que podemos coñecer tamén a través deste blogue.