Mostrando entradas con la etiqueta ALFIN. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ALFIN. Mostrar todas las entradas

29/12/14

"Modestina quere saber" e quere que as nenas e os nenos saiban tamén...


Modestina é unha tartaruga lectora e vive na biblioteca do CEIP San Ramón, de Moeche (A Coruña). Modestina gusta de facerse autorretratos, "selfies", en distintos lugares do seu concello e propoñer un xogo ás familias. Trátase do concurso "Os selfies de Modestina" que anda a revolucionar á comunidade educativa do centro e consegue que as familias xoguen con ela a descubrir o lugar no que se fai o selfie e a buscar algunha información sobre o mesmo. Así se explica o xogo no blogue da biblioteca:

"Os selfies de Modestina" é o novo concurso da nosa tartaruga. Un reto apaixoante no cal podemos participar TODO O ALUMNADO coas SÚAS FAMILIAS. Consiste no seguinte: - Unha vez ao mes (máis ou menos) Modestina subirá ao blogue 2-3 imaxes dalgún lugar de Moeche ou dos arredores cercanos. O obxectivo é que cada familia atope o lugar da imaxe, realice un "selfie" no mesmo e resolva un par de preguntas relacionadas con el. Desta maneira poderemos coñecer algo mellor a nosa contorna (en relación co proxecto anual de centro) e pasar un tempo divertido en familia. (Vale tamén realizar calquera tipo de fotografía onde se vexa aos participantes no lugar solicitado).

Pero Modestina tamén propón outros xogos de buscas informativas ao alumnado do centro. Velaquí un exemplo das  "roldas de Modestina quere saber... ", un concurso no que participa o alumnado por equipos e que podemos coñecer tamén a través deste blogue.

8/5/13

Na procura do libro perdido

 
"O libro perdido" é unha actividade de dinamización destinada a que o alumnado faga buscas nos materiais informativos da biblioteca e saiba moverse con fluidez polas distintas fontes informativas. Un xogo que cómpre preparar con xeito para que a busca teña efectividade, pero que dá moi bos resultados. No IES Lucus Augusti (Lugo), as mozas e mozos de 3º curso de ESO aproveitaron a conmemoración do Día Mundial do Libro para realizar unha destas actividades, que polo que se ve, resultou moi animada. Xogar para aprender, aprender a aprender, ler para aprender, aprender xuntos... o gozo de aprender.

15/3/13

Unha biblioteca con maxia


 
Os mozos e mozas do IES As Barxas (Moaña, Vigo), con Luz, a súa profesora de Educación Plástica, e a colaboración de Romina, unha alumna de 2º de BAC, habitual colaboradora da biblioteca do centro, elaboraron esta videocreación sobre a súa biblioteca, unha biblioteca con maxia. Parabéns!!!

1/10/12

IV Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia

As IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia celebraranse os vindeiros 9 e 10 de novembro, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos). O lema destas xornadas é LER PARA VER, e van estar adicadas á alfabetización mediática e informacional, aos medios de comunicación e a lectura crítica dos contidos audiovisuais, entre outros.

27/5/11

Hora de ler.... e de escribir.


No IES Vilalonga (Sanxenxo, Pontevedra), froito da colaboración entre a Biblioteca Escolar e mais o ENDL, realizouse un ano máis o certame literario, nesta ocasión baixo o lema ABRIL DOS LIBROS E MAIO DAS LETRAS, unha convocatoria que inclúe a creación literaria pero tamén os traballos de investigación. Aumenta paulatinamente o número de alumnas e alumnos participantes, chegando este ano aos 280. + información no blogue: A beira das palabras

4/5/10

Tratamento da información e competencia dixital

O poder da imaxe... todo un discurso sobre a necesidade de implicar ás familias na educación dos nenos e nenas como usuarios da información. A publicidade lévanos anos de vantaxe á hora de comunicar...

27/1/09

A prol da competencia informacional


Rematado xa o II Seminario: Biblioteca, aprendizaje y ciudadanía. Prácticas y experiencias de alfabetización informacional, celebrado en Vilanova i la Geltrú os días 22 e 23 de xaneiro, podemos ler o seguinte apartado no documento de conclusións:


Articulación de ALFIN no contexto escolar:
1. A complexidade e sobreabundancia de información, así como os perigos dun uso incompetente desta, xustifica a necesidade de desenvolver esta competencia nas etapas educativas.
2. A biblioteca escolar é imprescindible no desenvolvemento das competencias para a aprendizaxe polo que a ALFIN debe ser parte do proxecto educativo de cada centro escolar.
3. Cómpre facer evidente que a competencia informacional facilita, contribúe e axuda na consecución das competencias básicas e o conxunto dos contidos curriculares.
4. O profesorado debe favorecer escenarios e propiciar espazos de traballo colaborativo que conduzan á aprendizaxe da competencia informacional.
5. Os plans de fomento da lectura e o traballo baseado en proxectos de investigación poden ser escenarios para a sistematización e a corresponsabilidade no proceso de aprendizaxe da competencia informacional.

Pois más claro, auga.... afortunadamente, moitos centros educativos galegos xa están "na onda". E a título de exemplo, xa en Primaria: