Mostrando entradas con la etiqueta ilustración. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ilustración. Mostrar todas las entradas

20/9/19

Poesía e ilustración para imaxinar e crear

    
Bechopoemas e outras bestas é un fantástico bestiario e un bestiario fantástico.

Leire Bilbao agasalla aos lectores e lectoras máis pequenos con poemas inmediatos e potentes, de gran valor metafórico e imaxinativo. Versos nos que os animais voan, nadan, reptan e ruxen.

Maite Mutuberria pon imaxe, coas súas ilustracións, a estes animais con letras, recortes, manchas, pegadas ... ofrecéndonos a oportunidade de traballar co noso alumnado a creatividade a partir da palabra, de aprender xuntos a mirar e ver o que unha ilustración pode ofrecer máis aló de apoiar un texto.

Para non perder, a tradución de Isaac Xubín que traslada o eúscaro ás nosas singularidades.

29/1/14

Día da Ilustración en Galicia 2014, da man de Miguelanxo Prado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluíu por primeira vez, no calendario da lectura de 2014, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, coincidindo coa data de nacemento de Castelao, e celebrando así unha das facetas desta importante figura da historia e da cultura galega. E a estrea é de luxo pois vén acompañada dun cartel deseñado por Miguelanxo Prado, un dos máximos representantes do mundo da ilustración galega. Este cartel serve para publicitar unha programación específica sobre o mundo da ilustración nas bibliotecas nodais de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo) así como a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Compostela.

28/9/11

Cartaz de Bibliotecas Escolares de Galicia 2011-2012

Emma Ríos, ilustradora galega do mundo da banda deseñada, interpreta o lema escollido para este curso 2011/2012: Biblioteca escolar, última xeración.
Este cartaz chegará aos centros nos primeiros días de outubro, co fin de difundir a biblioteca escolar entre os distintos sectores da comunidade educativa.

+ información sobre Emma Ríos en Banda Deseñada, o portal do Consello da Cultura Galega dedicado ao cómic galego e aos seus autores.

9/10/09

Biblioteca escolar, espazo de lecturaS

Un ano máis, a Asesoría de bibliotecas escolares busca a compaña e a complicidade dos ilustradores galegos para poñer en valor a lectura. Nesta ocasión, e co gallo da celebración do Mes Internacional da Biblioteca Escolar, segundo a convocatoria da IASL (International Associatio of School Libraries), e o Día da Biblioteca (24 de outubro), estase a difundir o cartel realizado por Miguelanxo Prado.

Biblioteca escolar, espazo de lecturaS, con S maiúsculo, por ser lecturas plurais e diversificadas, en soporte papel ou electrónico, de texto ou de imaxe, de ficción ou de información, en soidade ou en compañía, en silencio ou en alta voz... con finalidades diversas, con obxectivos comúns ou individuais, por obriga (porque hai obrigas e obrigas!!) e por motivación propia, polo pracer de ler ou porque nos cómpre, lectura liviá ou profunda, lectura entre liñas..... porque a formación dos lectores competentes vaise construíndo día a día en espazos abertos (e pechados, pero só no físico), en entornos saudables e con adultos conscientes e entregados á súa función de educadores e de mediadores.

30/7/09

Sobre a lectura



Coñecemos grazas a unha bibliotecaria escolar o traballo de Juan Berrio e este preciosísimo vídeo seu sobre a lectura, entre outras delicadezas. A disfrutar del!!!

13/6/08

Hora de ler... un exemplo

Os materiais do programa de fomento da lectura, Hora de Ler, están sendo utilizados nos centros escolares a criterio do profesorado, con distintos resultados en función, especialmente, da implicación destes mediadores e do carácter innovador e activo das prácticas pedagóxicas cotiás nas que integran estes materiais. Un exemplo é o que publica no seu blogue Pasa Páxina, a biblioteca do CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña: un percorrido fotográfico polas ilustracións dos libros lidos, realizadas no seu "caderno de debuxo" os lectores e lectoras de educación infantil. As nenas e os nenos len, e len moito, e agasállanos cunha visión particular dos seus personaxes preferidos, eses que forman parte xa do noso imaxinario colectivo: Elmer, a toupiña, Frederick...
Recomendable tamén a información no mesmo blogue sobre a participación de pais e nais na biblioteca, compartindo lecturas... implicándose.

10/9/07

Lectura e publicidade


Pode ser un instrumento de gran interese para a formación de lectores críticos: La Historia de la publicidad contada desde el principio, que coñecemos a través do blog Tíscar. Contén unha galería de imaxes.

30/6/07

Ler imaxes

Cando falamos de lectura na sociedade actual estamos falando de lectura de todo tipo de textos, en todo tipo de soportes, con todo tipo de finalidades. Aprender a ler, a ler imaxes, é fundamental para se mover cunha bagaxe mínima polo mundo da información. Porque como moi ben di Daniel Cassany:
"Sempre é imprescindible ler con perspectiva crítica. O que fai Internet é incrementar esa necesidade, ao multiplicar o número e a diversidade de discursos aos que potencialmente podemos acceder."

Benvidos documentos coma este para o noso labor de mediadores:

A túa sinatura vale máis do que pensas
Anuncio de Amnistía Internacional que logró un León de Oro en el Festival de Cannes 2007.

17/4/07

Campaña de lectura HORA DE LER




En abril de 2006, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria iniciaba a difusión dunha campaña de fomento da lectura en centros escolares, baixo o lema HORA DE LER.

HORA DE LER ten como obxectivo fundamental facer visible as bibliotecas no espazo educativo e poñer en valor o libro e a lectura entre os máis novos.

Na primeira fase da campaña remitíronse aos centros carteis motivadores e distribuíronse entre os nenos e nenas de educación infantil, primaria e 1º ciclo de secundaria, marcapáxinas e adhesivos "ex libris" con motivos extraídos do cartel. O profesorado, pola súa parte, recibía a axenda do mediador, especialmente pensada para motivar a súa función como modelo de lectura entre o alumnado.

Para o deseño e elaboración dos materiais creouse un grupo de traballo, denominado Acatrotintas, formado por catro docentes con experiencia nos distintos niveis educativos aos que van destinados (Mayte Leis, Cristina Novoa, Magdalena de Rojas e Juana Vázquez); todas as imaxes son da autoría do ilustrador galego Óscar Villán.