Mostrando entradas con la etiqueta clubs de lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta clubs de lectura. Mostrar todas las entradas

4/3/20

Clubs de lectura con familias

Vannos chegando novas das actividades dos clubs de lectura con familias nos centros de educación infantil e primaria. Outra das actividades que permiten a integración das familias na biblioteca escolar facéndoas protagonistas. No CEIP Salgado Torres e no CEIP Raquel Camacho de A Coruña, estso clubs reciben a visita de autoras para falar de relatos e cómic: Emma Pedreira e Bea Lema compartiron unha tarde de historias e lecturas en familia.






 

18/12/19

Booktubers Librionesxs

Na biblioteca escolar do IES de Brión o alumnado do club de lectura fala sobre libros e comparte as súas lecturas a través do vídeo e da radio.
          

24/1/19

Títulos máis lidos nos Clubs de lectura. Curso 2017/2018

Publícanse os 50 títulos máis lidos no conxunto dos clubs de lectura adscritos o programa CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante o curso 2017/2018, en centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas). Durante o curso 2017/2018 participaron desta iniciativa un mínimo de 231 clubs de lectura (que foron os que recibiron asignación específica para o seu funcionamento).Unha lectura detallada desta relación fala da diversidade de lecturas presentes nestes grupos de lectura. 

3/7/18

Freddy Gonçalves da Silva: "Ler para pertencer? Eses xoves que aínda len na actualidade"

Na pasada XI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o pasado 1 de xuño, Freddy Gonçalves ofreceu esta conferencia sobre lectura e adolescentes, que recomendamos ver na súa totalidade:

 
 Este vídeo e outros materiais desta actividade formativa, están dispoñibles en RedeBE

21/6/17

Lectura é empoderamento

Un libro é un arma cargada, segundo Ray Bradbury... e un profesor consciente do seu papel como mediador de lectura é quen de aprender ao seu alumnado a forma de usala en beneficio propio e de toda a sociedade. Lectura é empoderamento e iso demostrárono os mozos e mozas que ateigaron o pasado sábado o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela na X Xornada dos Clubs de lectura; demostrárono tamén as mozas e o mozo que colaboraron con Óscar López (Página 2) no taller "Libros e TV: como facer un programa piloto sobre libros e lectura", no que colaboraron tamén Ledicia Costas e Violeta Moon, unha moza booktuber, de orixe galega, e un cámarda de cine que aportou as orientacións técnicas (mejores planos, iluminación...).

+ información sobre esta xornada de lectoras e lectores, AQUÍ  e AQUÍ

10/5/17

"A miña obra favorita de Carlos Casares"

Alumnas do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), no seu traballo de investigación sobre Carlos Casares, recolleron "a lectura favorita" dalgunhas persoas de referencia no ámbito literario galego. Velaquí as súas escollas:

4/1/17

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2016/2017

O Portal Educativo vén de publicarResolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan as contías destinadas ao funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario de titularidade da Consellería.
Neste curso 2016/2017 recibirán axuda un total de 243 centros que poñen en marcha un club de lectura con un ou varios grupos de lectores e lectoras de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

Na imaxe, alumnado do Club de Lectura do IES San Mamede, de Maceda (Ourense). 


9/6/15

Agustín Fernández Paz e a mediación en materia de lectura.


Un breve pero intenso discurso de Agustín Fernández Paz en resposta á entrega do Premio dos clubs de lectura 2015, que lle foi concedido por ser o autor galego máis lido polos clubs de lectura o pasado curso 2013/204, e que se entregou na pasada VIII Xornada dos Clubs de Lectura. O escritor revisa cuestións fundamentais do labor dos mediadores en materia de fomento da lectura, especificamente, do traballo do profesorado que mantén clubs de lectura en centros de ensino secundario espallados por todo o páis. 

Lembremos que contan con club de lectura (que maioritariamente integran varios grupos de lectura) 238 centros de ensino secundario de Galicia e que as lectoras e os lectores que participan destes "círculos de interese" se reúnen fóra do horario lectivo (en recreos e tempos non lectivos). Os clubs de lectura constitúe unha das experiencias máis interesantes, vinculadas ás bibliotecas escolares, e integradas nas propostas para o fomento da lectura que os centros deseñan nos seus Proxectos lectores de centro desde o ano 2007. Esta iniciativa está integrada, á súa  vez, no programa HORA DE LER para o fomento da lectura no contexto escolar, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

18/12/14

Formación de usuarios de bibliotecas... e de librarías!



 Desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, chéganos esta crónica da visita dos alumnos e alumnas a unha libraría co fin de elixir e adquirir libros e películar para a biblioteca. Os "compradores" son membros do club de lectua e alumnado que acostuma participar nas actividades propostas pola biblioteca. é unha actividade "de premio" pero é tamén unha actividade educativa, planificada e útil. Así nolo conta o responsable da biblioteca, Santiago Dans:

Un ano máis os nosos alumnas e alumnos participaron na adquisición de fondos para a biblioteca. 
O pasado martes 16 fixemos un excursión ao Fnac da Coruña onde os nosos alumnos e alumnas puideron curiosear, comentar, elixir e mercar libros e películas para a nosa biblioteca. Esta actividade está dirixida ó alumnado que participa máis nas actividades da biblioteca e no club de lectura.

Escollemos unha librería grande, con bastante fondo e con espazo para podernos reunir a comentar as compras realizadas. Cada alumna dispón do mesmo presuposto para adquirir libros. Con el poden mercar un libro ou  varios, poden se xuntar cun compañeiro se non lles chega. Unha vez seleccionados os libros as rapazas terán que explicar diante de todos o motivo da súa elección, a utilidade que pode ter para os demais, etc. Trátase así de que reflexionen sobre o material que é mais axeitado para unha biblioteca  escolar e  para os seus compañeiros. Despois, xa de volta no instituto e na biblioteca cada un catalogará os libros que escolleu e poderá facer unha dedicatoria para todos os lectores. A actividade ten todos os anos unha moi boa acollida por parte do alumnado e cremos que contribúe de maneira notable a estreitar a súa vinculación coa biblioteca e os libros.

Obxectivos da actividade
  • Dotar a biblioteca de libros axeitados ó gosto dos usuarios
  • O noso centro está nunha zona rural na que non hai moitas librerías, e unha boa parte dos nosos alumnos non van nunca ou case nunca a mercarlibros, salvo os obrigatorios para as clases. Non teñen costume de ir  mirar, buscar, curiosear nunha librería e escoller libremente o que máis lles interesa. Así que este xa e de por si un obxectivo da actividade
  • Forzar ó alumnado a reflexionar sobre as razóns polas que lles atrae un libro, sobre si este pode ser interesante para os seus compañeiros, axeitado para unha biblioteca escolar…, Os alumnos terán que argumentar a súa selección ante os demais compañeiros.
  • Mellorar a formación do alumando como usuario, permitindo que participen no proceso que segue o libro dende a súa adquisición ata que o teñen á súa disposición nos andeis
  • Comprometer ó alumnado co coidado dos fondos da biblioteca.
  • Premiar a quen máis libros len e participan máis nas actividades da biblioteca: membros do club de lectura, equipo colaborador, etc

+ información no blogue da biblioteca:

12/12/14

De lecturas e encontros con autores a través das TICs


As nenas e nenos do Club de lectura de 6º de primaria do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) leron un libro de Ramón Caride e prepararon conxuntamente unha entrevista que remitiron ao autor por correo electrónico. Polo mesmo medio, o escritor respostou ás súas preguntas, e agora podemos ler todos o resultado no blogue da biblioteca

Hai mil fórumulas para conseguir vincular aos nenos e ás nenas á lectura. Os enfoques comunicativos na aprendizaxe das linguas e as tecnoloxías presentes nos centros (e a dispoñibilidade e xenerosidade da meirande parte dos autores e autoras), posibilitan actividades moi diversas... e velaquí un exemplo sinxelo pero de gran interese pedagóxico. 

23/9/14

Convocatoria en apoio dos clubs de lectura para o curso 2014/2015

Desde o 15 de setembro de 2014 está aberto o prazo de presentación de solicitudes de asignacións específicas para o funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino público de Galicia, de titularidade da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (escolas de idiomas, ensinanzas artísticas, conservatorios de música ou ensinanzas de persoas adultas). Cada centro debe presentar unha única solicitude aínda que o club de lectura integre a varios grupos de lectura, incluídos os grupos de lectura de adultos ou mixtos. O prazo remata o 10 de outubro. 
Esta iniciativa encádrase no programa Hora de ler para o fomento da lectura nos centros de ensino. 

16/5/14

I Quedada Literaria en Vigo

Segundo nos informar desde o CEIP Frián-Teis (Vigo), algúns centros da comarca xuntáronse no Parque de Castrelos, de Vigo, na I Quedada Literaria: un encontro arredor da lingua, os libros e a lectura, nunha celebración previa do Día das Letras Galegas. 

Participaron, ademáis do Frián-Teis, o CEIP O Chouzo, o CEIP A Carrasqueira, o CEIP Ría de Vigo e o CEIP O Pombal, de Vigo: tamén o CEIP Santa Mariña, de Redondela. Asistiron alumnos e alumnas de dous centros de secundaria, o  IES do Castro (Vigo) e o IES Pino Manso, de O Porriño. A organización correu a cargo dun profesor do CIFP Manuel Antonio, integrante do equipo de biblioteca, e contaron coa participación do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Parabéns!!!
Ver vídeo da TVG (minuto 11)

15/10/13

"Falamos de ler"

 
Desde o CEIP San Marcos, de Abegondo (A Coruña), chéganos este vídeo, aloxado no blogue do Club de Lectura do colexio,  no que o alumnado de 4º de primaria realiza entrevistas a outros nenos e outras nenas e aos adultos presentes no centro, arredor do libro e a lectura. Impagable como documento no ámbito da sociolingüïstica. Un traballo estupendo da rapazada. Parabéns!

10/9/13

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2013/2014

Publicada no Portal Educativo a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en apoio do funcionamento de clubs de lectura, para o curso 2013/2014. Poden presentar solicitude de axuda os centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas e de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas). O prazo de presentación de solicitudes remara o vindeiro 11 de outubro de 2013

Durante o curso 2012/2013 recibiron axuda para o funcionamento do club de lectura un total de 222 centros públicos galegos. Cómpre detallar que na meirande parte destes centros funcionan varios grupos de lectura, en función de idade e intereses. Da mesma forma, aproximadamente un 25% destes centros conta cun grupo de lectura de adultos. En total, unhas 7.000 persoas, entre profesorado, alumnado, persoal non docente e familias, compartindo experiencia lectora.... construíndo sociedade lectora.

3/7/13

Viaxe de ida e volta, ou "o amigo invisible virtual"

 
Velaquí unha recomendación de lectura orixinal. O vídeo é o resultado dunha colaboración entre os mozos e mozas do IES Chano Piñeiro, de Forcarei, e os do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, que organizaron unha caste de "amigo invisible" virtual. Lectura en galego para o verán, recomendada directamente polas lectoras, polos lectores. Parabéns polo traballo. 
+ información AQUÍ  

28/6/13

VI Xornada dos Clubs de Lectura: vídeo resume


VI Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Este vídeo achéganos o ambiente dos participantes, e as impresións dos relatores  e dalgúns asistentes á VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013. Esta actividade intégrase no programa HORA DE LER, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e vense realizando desde o curso 200//2008, data da primeira convocatoria de axudas para clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro ano, no que se crearon 102 clubs de lectura, foron aumentando progresivamente o número de centros que contan con grupos de lectura de alumnado, e tamén de grupos de lectura de adultos, ata chegar aos 222 centros neste curso 2012/2013. Arredor desta iniciativa dos clubs de lectura nos centros de ensino secundario móvense en Galicia unhas 7.000 persoas, entre alumnado, profesorado, persoal non docente e familias, que comparten experiencia lectora e actividades culturais arredor dos libros e da lectura, fóra do horario lectivo. 

ACCESO AOS VÍDEOS DAS DIFERENTES SESIÓNS

15/6/13

Criterios de selección de lecturas para adolescentes. Gemma Lluch


Gemma Lluch - Criterios para seleccionar libros para adolescentes from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Unha conferencia imprescindible para mediadores de lectura. Gemma Lluch imparte, con este contido,  a conferencia inicial da VI Xornada dos Clubs de Lectura, en Compostela, o pasado 31 de maio de 2013, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 222 centros de ensino secundario de Galicia, ademais doutros centros de ensino primario. 

16/5/13

"El lector ha cambiado". Gemma LLuch

Mozas e mozos do club de lectura do IES de Meaño, os primeiros do centro en disfrutar dos lectores electrónicos recén incorporados á biblioteca. 

Os lectores están cambiando. Esta afirmación xunta con outras igual de contundentes realízaas a experta en literatura infantil e xuvenil, e estudosa do fenómeno da lectura entre os máis novos, Gemma LLuch, nun artigo publicado no blogue Conectados, da editorial SM

"El lector ha cambiado. Han cambiado sus costumbres, sus formas de leer y sobre todo la manera de relacionarse con la lectura. Ahora son adolescentes capaces de crear contextos lectores."
 
Recomendamos a lectura do artigo 

Gemma LLuch abrirá a VI Xornada dos Clubs de lectura, que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 31 de maio, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura que funcionan neste curso 2012/2013 en 222 centros de ensino secundario de Galicia.

2/5/13

Enredando Versos... desde Sanxenxo



Enredando Versos é unha experiencia de traballo colaborativo arredor da poesía que veñen poñendo en práctica, durante o curso 2012/2013, varios centros da zona sur de Pontevedra: IES Sanxenxo (Sanxenxo), IES Ribeira do Louro (O Porriño), IES de Poio (Poio), IES A Sangriña (A Guarda) e CEIP A Lama. 
O 2 de maio xúntanse no Pazo da Cultura de Sanxenxo para ter un encontro poético, cunha excelente programación (encontro no que participan tamén o IES San Paio de Tui, o IES Vilalonga, de Sanxenxo, o IES Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro e o CEIP A Florida de Sanxenxo.  Pódese seguir en directo desde o seu blogue e desde as redes sociais. Ver aquí: 

4/9/12

Convocatoria de axudas para Clubs de Lectura. Curso 2012/2013

Club de lectura. IES Pedra da Aguia. Ponte do Porto-Camariñas

Ata o 15 de outubro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de axuda para o funcionamento de clubs de lectura no curso 2012/2013, para centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. Hoxe, 4 de setembro, publícase no Portal Educativo a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que regula a concesión destas axudas.

No curso 2011/2012 houbo un total de 217 centros que tiveron clubs de lectura en funcionamento, con apoio desta iniciativa da consellería, encadrada no programa HORA DE LER para o fomento da lectura en centros de ensino.