28/1/13

Tempo de lectura e resultados de avaliación diagnóstica

En datas recentes, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo públicos os resultados da Avaliación Diagnóstica correspondente ao curso 2011/2012 (probas realizadas a alumnado que cursaba ese ano 4º de primaria e 2º de ESO). Aínda que non é nada novo para os mediadores e as mediadoras de lectura, confirma que aquel alumnado que dedica máis tempo diario a lectura é o que obtén mellores resultados na área de competencia lingüística, sendo estas diferenzas moi acusadas no alumnado de 2º de ESO. 

Este dato avala as prácticas dos centros educativos que inclúen no seu Proxecto Lector de Centro a "hora de ler", como un tempo diario, mínimo, dedicado á lectura. E as avala, porque aínda que esta cuestión sexa obrigatoria en ensino primario (30 minutos diarios dedicado á lectura), dependendo de como se leve a cabo pode ser mesmo contraproducente. 

Pero os centros que introducen a fórmula da "lectura silenciosa sostida" ou outras fórmulas de lectura individual dun libro que se queira ler, sen ter que responder a cuestionarios nin realizar actividades  escritas (aínda que se poidan comentar e  mesmo avaliar perfectamente o alcance destas lecturas), é dicir, cando introducen a lectura por pracer en horario lectivo, están dando unha oportunidade aos nenos e nenas, aos mozos e mozas, para poder dedicarlle un tempo a ese tipo de lectura, que non teñen doado no resto do día (demasiado ruído, horarios e rutinas pouco favorables á lectura nos ámbitos familiares de moitos deles). Así pois, organizar unha "hora de ler" nos centros educativos é traballar pola competencia lingüística do alumnado. Sempre o foi, pero cada día que pasa existen máis argumentos a favor deste tipo de iniciativas. 

25/1/13

Apadriñamentos lectores na Quinta dos Libros

A práctica dos "apadriñamentos lectores" está xa moi asentada nalgúns centros da Rede de Bibliotecas Escolares Galegas. A sistematización desta actividade supón un avance que permitirá ver resultados dunha actividade que contén, como unha semente, enerxía educativa de alto voltaxe, porque as nenas e os nenos non só están practicando habilidades de lectura, tamén habilidades sociais, de coidado do outro, de escoita, de prestar atención ao compañeiro, sexa grande ou pequeno, de pensar no outro, nas súas necesidades e intereses (cando se escolle un libro para ler); as imaxes por si soas dan contan do interese que prestan uns e outros a esta experiencia... Nesta ocasión é a Quinta dos libros, a biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal (Pontevedra) quen nos convida a coñecer a súa actividade de fomento da lectura, que é tamén de educación en valores, de educación para a convivencia.

24/1/13

Hora de... "ler en paz"


Traballar para unha Cultura de Paz non é cousa de un día, pero a proximidade dunha efeméride como é o Día Escolar da Paz e a Non Violencia (30 de xaneiro), é unha oportunidade cando se traballa con obxectivos claros e se aproveitan todos os momentos escolares para a súa consecución. Velaquí un exemplo: unha mirada avezada pode distinguir unha chea de "intencións educativas" detrás desta proposta de lectura, QUEREMOS LER EN PAZ, da biblioteca da Escola de Educación Infantil (EEI) Barrionovo, de Arteixo (A Coruña).  
 

18/1/13

Entrevista a Agustín Agra (escritor)

A presenza dos autores nos centros pode ser unha oportunidade para traballar distintas competencias e habilidades. Un exemplo é esta entrevista realizada por dous alumnos a Agustín Agra, autor do libro Trampa de luz que previamente tiñan lido e traballado en clase todo o alumnado de 1º de ESO do IES Porto do Son (Porto do Son, A Coruña). Unha vez rematado o encontro co autor, con algunha sorpresa incluída, realízase a entrevista que gravan outros dous alumnos. E velaquí os resultados.

14/1/13

Poesía de inverno na biblioteca

Tema sinxelo, recursos escasos pero suficientes, traballo cotiá de aprendizaxe da lectura... entramos na biblioteca da EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña), para asistir a esta sesión de "poesía de inverno".