30/6/17

Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria)

Así de alegres posan cos seus diplomas com voluntarios/as na biblioteca escolar o grupo de colaboradores da biblioteca do IES Vilalonga, de Sanxenxo. Tamén en secundaria hai rapaces e rapazas dispostos a colaborar e a dedicar parte do seu tempo en beneficio do ben común que é unha biblioteca escolar dun instituto. No blogue da biblioteca podemos comprobar que traballaron moito e traballaron ben. O IES Vilalonga é un dos 71 centros inscritos nesta acción do programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS durante o curso 2016/2017. Recibiron diploma/certificado de horas de voluntariado un total de 803 alumnos e alumnas de ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de idiomas ou conservatorios. Esta programa é unha colaboración entre a Consellería de Educación (CCEOU), a través da Dirección Xeral de Centros e RRHH e a Consellería de Política Social (Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado).

22/6/17

Voluntari@s de lectura do CEIP Ramón Falcón formándose con Charo Pita

O CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei (Lugo), foi seleccionado pola calidade das súas actividades, xunto con outros sete centros participantes na acción Voluntariado de lectura-A, dentro do programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS, da Consellería de Cultura, Educación e O.U. para o ano 2016/2017.  Este centro elixiu, entre a oferta dispoñible, disfrutar de dous obradoiros coa actriz, narradora oral, escritora... Charo Pita. Velaquí a crónica desta mañá de traballo no que os voluntarios e voluntarias tiveron ocasión de mellorar os seus recursos para a LECTURA EXPRESIVA e para a NARRACIÓN ORAL. Parabéns!

 +información, no blogue da biblioteca, a Falconteca

21/6/17

Lectura é empoderamento

Un libro é un arma cargada, segundo Ray Bradbury... e un profesor consciente do seu papel como mediador de lectura é quen de aprender ao seu alumnado a forma de usala en beneficio propio e de toda a sociedade. Lectura é empoderamento e iso demostrárono os mozos e mozas que ateigaron o pasado sábado o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela na X Xornada dos Clubs de lectura; demostrárono tamén as mozas e o mozo que colaboraron con Óscar López (Página 2) no taller "Libros e TV: como facer un programa piloto sobre libros e lectura", no que colaboraron tamén Ledicia Costas e Violeta Moon, unha moza booktuber, de orixe galega, e un cámarda de cine que aportou as orientacións técnicas (mejores planos, iluminación...).

+ información sobre esta xornada de lectoras e lectores, AQUÍ  e AQUÍ

12/6/17

A praia das Catedrais, Augas Santas, na literatura galega

Fermosísimo documento  o que nos chega desde a biblioteca do IES Ribadeo Dionisio Gamallo (Ribadeo, Lugo), como resultado dun proxecto do alumnado da materia "Literatura galega e sociedade", unha selección de testos literarios que teñen a actual praia das Catedrais como escenario e dos que nos chegan pequenos anacos nas voces da rapazada. Un documento para facer lectores e que ben pode suxerir lecturas agora que vén o tempo de mar, auga, sol e lecer. Parabéns pola inciativa!

5/6/17

As familias contan!

"As familias contan", contan, len, cantan, acompañan, aprenden, comparten... as familias teñen o seu espazo na biblioteca escolar, na formación dos lectores e das lectoras. Velaquí un exemplo de colaboración coa biblioteca escolar, no CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense).

Contamos moito! era o lema da campaña de "Hora de ler" con materiais específicos para o alumnado de ensino infantil que a Consellería de Educación puxera en marcha en 2006, logo dun longo ano de traballo na preparación das propostas, e que chegou a todos os centros con alumnado desta etapa ao longo de 2006 e 2007.


Ceip Saco E Arce de Slidely Gallery by Slidely Photo Gallery