18/3/13

"Leixapren" ou tamén, "deixaprén", bookcrossing á galega...

Desde o CEIP Frián-Teis, de Vigo, chéganos esta nova dun bookcrossing destinado ás nais e pais do alumnado, ao que lle poñen o nome de LEIXAPREN. E a nós ocórresenos que realmente podería ser un "DEIXAPRÉN", e así entre todos acabamos de atoparlle un nome galego a esta actividade que xa ten percorrido moitos centros e moitas institucións culturais do país... e que siga... Parabéns pola iniciativa!

15/3/13

Unha biblioteca con maxia


 
Os mozos e mozas do IES As Barxas (Moaña, Vigo), con Luz, a súa profesora de Educación Plástica, e a colaboración de Romina, unha alumna de 2º de BAC, habitual colaboradora da biblioteca do centro, elaboraron esta videocreación sobre a súa biblioteca, unha biblioteca con maxia. Parabéns!!!

14/3/13

Guía de lecturas sobre gastronomía e outras artes

O IES Fraga do Eume, de Pontedeume (A Coruña) é un centro cunha "escola de hostelería" no seu prgrama de ensinanzas, de longa traxectoria na comarca do Eume. O centro convoca un concurso de cociña e coctelería, o prmeio Xosé Rodríguez-Moldes Rey, na súa decimo cuarta edición. A biblioteca escolar colabora, nesta ocasión, coa edición dun boletín especial sobre gastronomía e outras artes, con libros e películas seleccionados para tal ocasión. A lectura, a narrativa, o cine, a información, axudan a poñer en valor, en valor cultural, unha actividade tan específica e, ao tempo, tan importante para o alumnado implicado, e para a comunidade educativa no seu conxunto. Parabéns!

13/3/13

Muller e poesía, 8 de marzo e Rosalía


Presentación elaborada por Anxos Rial, da biblioteca do IES de Poio, co gallo do 8 de marzo e o 150 aniversario de Cantares Gallegos: acentos, intencións, vontades que se unen atravesando a xeografía para render homenaxe á Rosalía de Castro.

Rimas de amor, ou as familias contan... e riman!

Desde o CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra), chéganos esta recompilación de rimas amorosas, de rimas creadas por nais e pais para as súas crianzas, a proposta da biblioteca. Unha biblioteca escolar que ten moi claro desde hai tempo que só coa complicidade das familias podemos medrar como lectores, que as familias forman parte desa comunidade educativa á que a biblioteca escolar ha dar apoio, orientación, recursos e oportunidades de lectura, de aprendizaxe e de convivencia. E que os froitos, inda que tarden, aparecen...