12/12/08

Lecturas para o tempo de inverno

Xa se albiscan as vacacións de Nadal e, desde hai uns días, as bibliotecas escolares galegas veñen facendo públicas as súas recomendacións de lectura para este tempo de inverno. Son seleccións de títulos en función das idades dos lectores ou segundo outros criterios; son seleccións/eleccións (e ningunha selección é neutral, responde ao coñecemento e ás finalidades de cada quen), feitas polo profesorado que forma os equipos de biblioteca, e difúndense entre os distintos integrantes das comunidades educativas... chegan ás familias en formatos dunha gran dignidade. Contribúen á difusión da lectura, pero tamén contribúen a estabilidade da rede de librerías do noso país, e á construcción dunha sociedade lectora.
Pódense consultar algúns exemplos na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.

4/12/08

Cando a lectura é noticia

Ten que vir a ministra a Galicia, se cadra, para que a lectura sexa noticia nos telexornais. O pasado 24 de novembro, co gallo da presenza da ministra de Educación en Galicia e da súa defensa das bibliotecas escolares e da lectura presente en todos os medios, a tve acudía a Monforte de Lemos, ao IES Río Cabe, para dar testemuña do que alí ocorre: a existencia dun club de lectura, BALBORDO, que xunta a grandes e pequenos arredor dos libros.
Pasaron uns días xa e non foi ata hoxe que editaron un pequeno vídeo como resultado da súa visita ao centro. Como ben se di nesta pequena grabación, en Galicia hai un cento de clubs de lectura funcionando en centros de ensino secundario... e vai haber máis!!!