Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia.
Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo.
De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela.
25 de novembro.
Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia.
En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais.
Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado.
25 de novembro
Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.
AS BIBLIOTECAS ESCOLARES,
OS CENTROS DE ENSINO,
@S DOCENTES...
DICIMOS
NON Á VIOLENCIA!!!!
(Texto colectivo)
24/11/07
25 de novembro: non á violencia de xénero!
18/11/07
Algo máis que alimentar a imaxinación, que tamén.
"Hai un terreo no que, para eles, o libro é máis importante que o audiovisual: o terreo no que permite acceder á ensoñación e no que permite construírse a si mesmo. A lectura pode mesmo resultar vital cando teñen a impresión de que algo os singulariza: unha dificultade afectiva, a soidade, unha hipersensibilidade, todas estas situacións que comparte moita xente, pero que moi a miúdo se negan. Os libros se ofrecen a eles, en maior medida a elas, cando todo semella estar pechado: as súas feridas e as súas esperanzas secretas outros souberon dicilas, con palabras que os liberan, que desvelan a aquel ou aquela que non sabían que eran".
Michèle Petit: Nuevos acercamientos a los jóvenes y la lectura.
9/11/07
Incentivos a Clubs de Lectura en centros educativos de secundaria
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación publica unha convocatoria pola que se incentiva a creación de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas especiais. Os proxectos que se seleccionen recibirán contías destinadas á cubrir os costes derivados da posta en marcha e o funcionamento do club de lectura e pretende apoiar ao profesorado que escolle esta estratexia para o fomento da lectura entre o alumnado adolescente, podendo participar tamén outros membros da comunidade escolar.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de novembro.
Máis información: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog
Etiquetas:
animación á lectura,
bibliotecas,
club de lectores,
Hora de ler,
lectura,
mediadores
4/11/07
Novembro soleado, tempo de ler ao aire libre
Ler..., ler nos parques, no xardín, no balcón, na praia, á sombra das árbores... Buscar o sosego, a soidade, o silencio, os espazos necesarios para por en práctica,como lectores, o que propoñemos a outros en tanto que mediadores... Axudar a neutralizar co noso silencio tanto ruído e tanta troula baleira e anonadante...
3/11/07
Outras formas de ler
Porque diso se trata... de non seguir o camiño trillado que xa sabemos a onde nos leva (a crear resistencias nos rapaces con respecto á lectura, a que abandonen o hábito cando xa parecía que o tiñan ben pillado, a perdelos como lectores...). Ler para coñecer. Ler para poder recomendar. Perder o medo a xogar, a inventar, a crear... propoñer outros autores, outros xéneros, outros temas... axudar a entrar nos clásicos doutra forma (e non a pelo), modificar prácticas tediosas, falar de libros, falarlles dos nosos libros, crear clubs de lectura, escoitar as súas preferencias... escoitalos... abrir fronteiras e deixar que entre o aire e a vida nas aulas, nas clases de literatura... que entre a literatura... facerlle caso a Steiner cando nos di:
O que necesitamos son lugares; por exemplo, unha mesa e unhas cadeiras arredor onde poidamos volver a aprender a ler, a ler xuntos.
George Steiner
Etiquetas:
animación á lectura,
educación,
lectura,
mediadores
2/11/07
"A galega" faise eco dos blogs das bibliotecas escolares
O programa Libro Aberto, da televisión galega, na súa emisión do 29 de outubro presentou unha breve reportaxe sobre o fenómeno dos blogs nas bibliotecas escolares de Galicia. O programa entrevista a Antonio Alonso, unha das persoas que iniciou esta andaina dende A Nosa biblioteca, o blog da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos.
Etiquetas:
bibliotecas,
blogs,
educación,
medios audiovisuais
Suscribirse a:
Entradas (Atom)