27/4/09

Barómetro de hábitos de lectura - 1º trimestre 2009

A Federación de Gremios de Editores de España vén de publicar o Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros, correspondente ao primeiro trimestre deste ano 2009. Cómpre facer unha lectura detida deste documento, se se quere avanzar na mediación cos lectores e lectoras máis novos. Se ben é certo que se confirma o dato referido aos lectores entre 10 e 13 anos, tramo no que o 91,2% se consideran lectores (e dos que o 81% afirma ler libros diaria ou semanalmente), resulta moi inquietante revisar o listado de libros máis lidos. Acaso habería que incidir na calidade dos textos que se poñen a disposición destes lectores, pois trimestre tras trimestre a lectura destes listados resulta descorazonadora... tantos esforzos para esto???!!!! Non se pode dicir que o profesorado non propicie a lectura: o 96,8% dos nenos e nenas desta idade afirma que len porque os seus profesores os animan a ler.
Calquera mediador en temas de lectura debera coñecer ben este documento.... dá pistas para seguir traballando e presenta interrogantes de interese para quen queira velos, entre eles ese 0,4% de lectores en galego.

22/4/09

Día do Libro 2009

O libro está presente a cotío nas bibliotecas escolares galegas, pero nestes días, son moitas as actividades que se están a levar a cabo para poñer en valor a lectura, co gallo da conmemoración do Día Mundial do Libro e os Dereitos de Autor, auspiciado pola UNESCO. Exemplo deste fervedoiro de actividades podémolo ver nestes centros:

Máis información, na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia

2/4/09

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares



Os vindeiros 16/17 de abril celebraranse en Santiago os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2008/2009. Reuniranse responsables das bibliotecas integradas neste programa da Consellería de Educación co fin de intercambiar experiencias e materiais, e continuar a súa formación en ámbitos diversos como a literatura infantil e xuvenil, a integración das TIC nas prácticas lectoras e escritoras, ALFIN e competencia informacional, os proxectos documentais, ou as posibilidades do programa Meiga, máis aló da súa función como aplicación informática común para as bibliotecas públicas e escolares.

As bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe e de construción da sociedade lectora, aproveitan os recursos da Rede sen esquecer que os vínculos que se crean nos encontros presenciais, son fundamentais para seguir traballando, sabéndose parte dunha corrente máis ampla que empuxa, que empuxa... parte dunha "masa crítica", tamén, no ámbito educativo.

1/4/09

LIX a exame



A Fundación SM vén de publicar o seu Anuario sobre el libro infantil y juvenil 2009, un instrumento esencial para os mediadores que atopamos nel, cada ano, estatísticas de lectura, análise de tendencias, artigos especializados e unha oportunidade de autoformación. Benvido o novo anuario.