Mostrando entradas con la etiqueta blogs. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta blogs. Mostrar todas las entradas

21/3/14

Entregados os premios questasleyendo.org 2013 en Compostela


O pasado 19 de marzo, o auditorio da Biblioteca de Galicia acolleu o acto de entrega dos premios do concurso questasleyendo.org correspondente ao ano 2013 e a participantes do Estado Español. Este concurso é convocado pola OEI, a Organización de Estados Iberoamericanos para la Ciencia la Educación y  la Cultura e pretende crear unha rede de lectoras e lectores entre os mozos dos países iberoamericanos que puxeron en marcha blogs persoais relacionados cos libros e a lectura. 

A organización escolleu Galicia para a entrega de premios polo alto número de participantes desta comunidade, e porque tanto o blogue gañador como catro dos dez blogues finalistas son de mozos e mozas galegos. Tamén acudiron ao acto as cinco autoras do blogue finalista "Sueños de papel en una ciudad de tinta", que xunto coa súa profesora fixeron a viaxe desde Madrid ata Compostela, coa ilusión que describen nesta entrada do blogue.

Presidiron o acto Fabiola Sotelo, en representación da OEI, María Jesús Gil, da fundación SM (patrocinadora do concurso) e o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, responsable das políticas de bibliotecas escolares e fomento da lectura en contexto educativo, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

Inés Miret, responsable de ¿Qué estás leyendo? moderou unha mesa redonda coa participación dos dous irmáns autores do blogue finalista, Libros Lectureka!,  e un representante de cada un dos blogues finalistas presentes no acto, e na que compartiron experiencias, opinións e sentimentos sobre os libros e a lectura.

Xa está aberto o prazo do concurso ¿Qué estás leyendo? correspondente a 2014, desta vez destinado a lectores entre 15 e 17 anos, e que ten como premio unha viaxe a Bos Aires, para un encontro entre os gañadores dos diversos países iberoamericanos. O prazo de inscrición dos blogues remata o 30 de xullo.

26/11/12

"Un lector". Blogue de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz é un dos autores máis lidos por nenos e nenas, mozas e mozos deste país e de algúns outros aos que chegan as traducións dos seus libros. É un privilexio poder contar coa súa presenza tamén na Rede. Impecable a súa páxina: http://agustinfernandezpaz.eu/ na que podemos acceder a datos biográficos, relación das súas obras, textos diversos sobre lingua, lectura ou bibliotecas (na sección de "ensaios") e noticias sobre el e a súa obra na prensa, como o recente nomeamento como Doutor Honoris Causa que lle concede a Universidade de Vigo, un máis dos múltiples recoñecementos que este autor está a recibir por todo o país. 
Desde esta páxina, tamén podemos acceder ao blogue de Agustín, ao que titula UN LECTOR e no que vai achegando textos belísimos sobre cousas que lle interesan moito: os libros, os cómics e o cinema. A última entrada neste blogue está dedicada a un libro e a unha película ben especiais: O festín de Babette

Outro espazo de acceso á obra de Agustín Fernández Paz é a páxina que lle dedica a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, na sección de Literatura Infantil y Juvenil: http://www.cervantesvirtual.com/portales/fernandez_paz/



12/7/11

Premio Sunshine Award 2011

Este espazo web recibiu con satisfacción, hai uns días, a sorpresa de ser agasallado con este luminoso recoñecemento, por parte do blog Caderno da crítica, a quen llo agradecemos. Cumprindo co ritual deste tipo de "premios", propoñemos outros 12 blogs que, coma este, serven para difundir o libro e a lectura, desde a óptica da escola. Blogs que mantén un profesorado comprometido coa educación dos máis novos, e coa sociedade, con profesionalidade e moito tempo persoal dedicado á formación de persoas lectoras. Entre a marea de espazos web das bibliotecas escolares galegas, velaquí unha ducia de soños e de pequenas utopías:


Biblioteca. Milladoiro. Malpica. CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña)


Pasapáxina. CEIP José Cornide Saavedra (A Coruña)



O lar de frianciño. CEIP Frián-Teis (Vigo, Pontevedra)




Raioteca. CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña)



O Recanto de Leo. CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra)




Bibliomanía. IES de Sanxenxo (Sanxenxo, Pontevedra)




O Segrel do Penedo. IES de Fene (Fene, A Coruña)



Biblioiris. IES Luís Seoane (Pontevedra)




Biblioteca do CMUS de Lugo (Lugo)




Club de lectura O Balbordo (IES Río Cabe, Monforte, Lugo)




Nós tamén navegar. Club de lectura (IES Lagoa de Antela, Xinzo de Limia, Ourense)




Biblos Vivos. Club de Lectura (IES Pedras Rubias. Salceda de Caselas, Pontevedra)

25/11/08

Cando unha bibliotecaria busca.... atopa.


Hai que ter unha gran sensibilidade e unha gran profesionalidade, saber moi ben que é o que cómpre ofrecer aos usuarios da biblioteca, aos lectores... para seguir sorprendendo en cada proposta, pola calidade e a dignidade dos contidos, facendo educación de calidade día a día desde a biblioteca escolar. Falamos do equipo da biblioteca escolar do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra... que ofrece no seu blogue MESTURAS, esta entrada impecable nun día como o 25 de novembro, contra a violencia de xénero.

Para coñecer outras propostas das bibliotecas escolares galegas neste día, convidamos a visitar os seus blogues (Primaria ou Secundaria). Algúns exemplos, aquí.

29/5/08

A lúa anda por Malpica....


As nenas de nenos de 1º curso de Primaria do CEIP Milladoiro, de Malpica (A Coruña) len contos a eito..... e debuxan a lúa que dá xenio vela..... Velaquí o vídeo que fixeron cos seus debuxos e as súas voces sobre o texto ¿A que sabe a lúa?, de Michael Grejniec, texto publicado en galego por Kalandraka.
Máis información sobre estas e outras actividades arredor da lectura que se levan a cabo neste centro, pódese ver no blogue da biblioteca escolar: Biblioteca.Milladoiro.Malpica




6/2/08

Clubs de lectura tamén en Primaria


Tamén os lectores máis novos poden participar dun club de lectura... E para mostra, o Club de lectura no CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas (Pontevedra), que xa iniciaron a súa andaina, mesmo no mundo virtual.
Outro club de lectura con algúns meses de funcionamento é o do CEIP Quintela de Moaña (Pontevedra), que conta cun apartado específico no blogue da biblioteca, e no que podemos atopar comentarios interesantes sobre libros e lecturas.

2/11/07

"A galega" faise eco dos blogs das bibliotecas escolares


O programa Libro Aberto, da televisión galega, na súa emisión do 29 de outubro presentou unha breve reportaxe sobre o fenómeno dos blogs nas bibliotecas escolares de Galicia. O programa entrevista a Antonio Alonso, unha das persoas que iniciou esta andaina dende A Nosa biblioteca, o blog da biblioteca do IES As Mariñas de Betanzos.