24/5/12

A lectora de portugués, tamén conta!

A presenza de lectores ou lectoras de idiomas nos centros é unha oportunidade que se pode aproveitar tamén para ampliar o espectro das lecturas que ofrece a biblioteca. Así o entenderon no CEIP A Sangriña, de A Guarda (Pontevedra), unha poboación xa moi próxima a Portugal. Neste centro contan cunha lectora de portugués que se prestou para narrar un conto neste idioma aos nenos e nenas de infantil. Así nolo contan no seu blogue e nós difundímolo porque é unha práctica de interese que ben pode inspirar outras iniciativas. Parabéns ao profesorado implicado, e parabéns aos nenos e nenas que puideron disfrutar do conto A QUE SABE A LÚA con outros matices. 

22/5/12

Curtas de conto I - CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos

 
Froito da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a CRTVG e OQO Editora, chegou aos centros unha iniciativa de creación de curtas a partir de contos que está dando resultados sorprendentes. Velaquí unha mostra: as nenas e os nenos do CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos (A Coruña) recrearon desta forma o conto A Vella Lulula (Mar Pavón e Alessandra Cimatoribus). Segundo o profesorado do centro "foi laborioso, pero en ningún momento aburrido. A cantidade de cousas que estes nenos e nenas aprenderon ( e as profes tamén, xa que partimos de 0) non se poden enumerar. A satisfacción polo producto final no que todos e todas colaboraron é o mellor dos premios posibles."

NESTA PÁXINA pódese acceder ás diferentes curtas elaboradas por colexios de toda Galicia participantes nesta iniciativa.

14/5/12

Unha lección de vida no IES O Mosteirón, de Sada

O blogue A ESPERELA, da Biblioteca escolar do IES O Mosteirón (Sada, A Coruña) recolle a crónica dunha experiencia educativa en toda regra, da que participaron os alumnos e alumnas de 3º e 4ª de ESO e 1º de BAC: a visita de Martín Varela Dourado, deportista, especialista en ténis en cadeira de rodas. Non hai máis que ler esta crónica, ver o vídeo e sobre todo, LER OS COMENTARIOS dos mozos e das mozas que asistiron á charla de Martín, para entender o alcance desta actividade. Parabéns ao profesorado que o fixo posible!!!

Unha mostra máis do que está pasando en institutos públicos de Galicia, contra vento e marea... ensino público de calidade!

11/5/12

Lecturas compartidas desde o IES Sanxenxo, veteráns...

Os mozos e mozas do IES Sanxenxo (Sanxenxo, Pontevedra), levan xa tres anos con esta experiencia de lecturas compartidas coas nenas e nenos de centros próximos. O CEIP de Dorrón, do CEIP A Florida e do CEIP de Portonovo, todos do concello de Sanxenxo, recibiron a visita das súas madriñas e dos seus padriños de lectura e viviron momentos gratos cun libro como intermediario. Non hai máis que velos! 

7/5/12

¿Cando foi a última vez?

 
Nova entrega da campaña de fomento da lectura do IES LAMA DAS QUENDAS, de Chantada (Lugo). Parabéns por implicar á comunidade, por contar coa xente, e aproveitar a retranca, o humo propio, esa sabedoría...

Canapés literarios no CEIP A Pedra, de Bueu

Desde o CEIP A Pedra (Bueu, Pontevedra) chégannos noticias doces: OS CANAPÉS LITERARIOS, unha actividade de fomento da lectura das que "abren" as gañas de ler. + Información AQUÍ

2/5/12

Recomendacións de lectura desde o IES Ribeira do Louro (O Porriño)

+ Apadriñamentos lectores, desta vez no Porriño

As mozas e mozos do IES Ribeira do Louro, de O Porriño (Pontevedra) tamén exercen de madriñas e padriños de lectura, desta vez co alumnado do CEIP Antonio Palacios, do mesmo concello, coa colaboración da Biblioteca Escolar deste centro e da Biblioteca Pública Municipal. Parabéns por esta iniciativa que, máis aló dos beneficios en relación coa lectura de grandes e pequenos, promove actitudes de convivencia e de cidadanía. Das competencias e habilidades que se poñen en xogo neste tipo de actividades, poderíase falar moito tamén... unha vez máis, educación integradora, educación de calidade no ensino público galego. 

APADRIÑAMENTO LECTOR 2012 on PhotoPeach

Ladaíña para a lectura

No CEIP Lois Tobío (Viveiro, Lugo) elaboraron, coa participación conxunta de todo o alumnado do centro, esta LETANÍA PARA A LECTURA, un exercicio de escritura creativa ao servizo da lectura. 
Por outra parte este centro xunto con outros seis do concello de Viveiro, coa colaboración do propio concello, veñen de realizar unha exposición conxunta titulada DE ONTE A HOXE, LEMBRANDO O PASADO, coa participación das familias.