28/6/08

Mediadores e clubs de lectura

Son docentes, traballan en centros de ensino secundario dispersos por Galicia adiante, moitos deles integran ou coordinan os equipos de biblioteca escolar dos seus centros, reúnense periódicamente cun grupo de alumnos e alumnas, ás veces con outros profesores, pais e nais, persoal non docente... para falar de libros e de experiencia lectora en clubs de lectura de carácter voluntario para os participantes. Son mediadores de lectura, educadores, cidadáns preocupados pola construción dunha sociedade lectora... e predican co exemplo e co traballo cotián... Reuníronse o pasado 25 de xuño en Santiago de Compostela, convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de bibliotecas escolares), nunha Xornada de Clubs de Lectura.

25/6/08

Xornada dos Clubs de lectura en Santiago

Hoxe, 25 de xuño, estase a celebrar na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, unha Xornada de Clubs de lectura, que reúne aos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura presentes en 104 centros de ensino secundario de toda Galicia.
Esta actividade, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), pretende ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e iniciativas, un espazo para a reflexión conxunta sobre as potencialidades desta fórmula de fomento da lectura entre os adolescentes e as comunidades educativas dos institutos de ensino secundario. É tamén un tempo para celebrar o éxito dunha convocatoria que soubo recoller as inquedanzas dun bo número de docentes implicados e apoiar as súas iniciativas.
O programa conta coa presenza de dúas persoas de referencia no panorama español: Blanca Calvo, directora da Biblioteca Pública do Estado de Guadalajara, unha das fundadoras do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil desa cidade, impulsora do Maratón de los cuentos, unha das citas ineludibles do ámbito do fomento da lectura no Estado; Pep Bruno, escritor, narrador e impulsor de clubs de lectura e de escritura con mozos e mozas, tamén estára presente nas sesións da tarde. Complétase a xornada con dúas mesas de experiencias: pola mañá de clubs de lectura nos que só participa alumnado e profesorado implicado, e pola tarde, de clubs de lectura abertos ao resto da comunidade escolar, pais, profesorado, ex-alumnos e persoal non docente.
Será unha xornada dedicada aos libros e a lectura. Se contamos con que cada profesor implicado pode representar, como mínimo, a unha media de 15 alumnos/as, as 120 persoas implicadas representan unha incipiente (o no tanto) "masa crítica" do que é hoxe a lectura por propia vontade en Galicia, a que paga a pena porque é libre, a que crea sociedade lectora, a que merca libros nas librerías das súas respectivas localidades e demanda e xestiona bibliotecas escolares activas que mercan libros, tamén, nas mesmas librerías para manter actualizadas as súas coleccións....

24/6/08

Lecturas recomendadas para o verán

Tempo de vacacións... as bibliotecas escolares publican as súas recomendacións de lectura para este verán. Os mediadores seleccionan títulos novos e non tan novos, pero necesarios, e os ofrecen con pequenas reseñas ás veces, con gana sempre de contaxiar o gusto polos libros. Exercen, pois, unha das súas funcións: a de orientar para unha viaxe máis segura polo bosque dos excesos que é hoxe o panorama editorial. Unha visita polo blogues das diferentes bibliotecas escolares amplía o acceso a guías de lectura e listados por idades. Boas lecturas!

13/6/08

Hora de ler... un exemplo

Os materiais do programa de fomento da lectura, Hora de Ler, están sendo utilizados nos centros escolares a criterio do profesorado, con distintos resultados en función, especialmente, da implicación destes mediadores e do carácter innovador e activo das prácticas pedagóxicas cotiás nas que integran estes materiais. Un exemplo é o que publica no seu blogue Pasa Páxina, a biblioteca do CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña: un percorrido fotográfico polas ilustracións dos libros lidos, realizadas no seu "caderno de debuxo" os lectores e lectoras de educación infantil. As nenas e os nenos len, e len moito, e agasállanos cunha visión particular dos seus personaxes preferidos, eses que forman parte xa do noso imaxinario colectivo: Elmer, a toupiña, Frederick...
Recomendable tamén a información no mesmo blogue sobre a participación de pais e nais na biblioteca, compartindo lecturas... implicándose.

5/6/08

Libros escollidos


A Fundación Germán Sánchez Ruipérez é unha referencia fundamental para os mediadores pero, sobre todo, é unha referencia útil.
Vén de publicar unha selección de títulos de literatura infantil e xuvenil, editados no periodo 2006-2007, escollidos con criterios de calidade pola Red de Selección de Libros Infantiles y Juveniles, un grupo de expertos relacionados con este tipo de literatura nas catro linguas do Estado.

2/6/08

Xornada dos Clubs deLectura

O 25 de xuño terá lugar en Santiago de Compostela unha Xornada dos Clubs de Lectura, destinado ao profesorado que coordina os clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario e que foran seleccionados na convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para incentivar e apoiar estas iniciativas, no presente curso 2007/2008. Hai un total de 104 clubs de lectura en funcionamento, algúns deles con varios grupos e participación dos distintos sectores da comunidade educativa.
Nesta xornada poderánse coñecer algunhas destas experiencias, tal e como recolle o programa.