26/2/13

Lector grande, lector pequeno... a propósito de Rosalía

Son moitas as actividades de colaboración entre distintos centros educativos que se están a poñer en marcha tendo a lectura e os libros como nexo de unión. A ningún docente se lle escapa o potencial educativo que gardan este tipo de iniciativas, e só as resistencias organizativas, as dificultades que conleva o traslado nun país coma o noso, ou a rixidez pedagóxica aínda tan estendida, impiden maior número de experiencias. Pero tamén é certo que a difusión deste tipo de actividades dá paso a novas iniciativas. Nesta ocasión, o alumnado da Escola de Educación Infantil de VIDE (As Neves, Pontevedra) e os mozos e mozas do IES Pazo da Mercé (As Neves, Pontevedra) compartiron espazo e palabra. A palabra, os versos de Rosalía de Castro, para festexar á escritora no seu 176 aniversario, e para lembrar os 150 anos do seu libro CANTARES GALLEGOS. Velaquí a súa crónicas: EEI DE VIDE

21/2/13

Cantares fronte a adversidade

Froito da colaboración de dúas bibliotecas escolares, a do IES de Poio (Poio, Pontevedra) e a do IES Ribeiras do Louro (O Porriño, Pontevedra) xorde esta CONSTELACIÓN POÉTICA: CANTARES FRONTE Á ADVERSIDADE, para conmemorar os 150 anos da publicación do libro CANTARES GALLEGOS, de Rosalía de Castro, obra fundamental para o renacemento da lingua galega.

18/2/13

"Amo os libros porque..."

Porque os sentimentos se poden expresar e hai que aprender a facelo... tamén o amor aos libros. Velaquí unha actividade no CEIP Bormoio-Agualada (Coristanco, A Coruña) que busca fomentar a lectura pero que tamén serve para facer pensar os porqués das cousas... e  para aprender a explicado en poucas palabras.

15/2/13

Os libros de bicos... bicos de libro!

Xaneiro e febriro acubillan datas que permiten incidir en certos aspectos da educación psico-afectiva, na educación emocional, na educación ao fin, do alumnado. E a biblioteca sempre estará apoiando, cos seus recursos e as súas propostas, aquelas actividades que permitan avanzar a nenas e nenos no coñecemento de si mesmos, dos seus afectos, dos seus sentimentos, da forma de expresalos e de poñerlles nome, e do xeito de vivilos da maneira máis saudable posible. Velaquí un exemplo de actividade globalizada, educadora, integradora e feliz: CONTOS DE BICOS. CRA DE RIBADUMIA (Ribadumia, Pontevedra)

4/2/13

Agustín Fernández Paz lembra a Rosa Park


Agustín Fernández Paz lembra no seu blog a unha muller que coa súa valentía axudou a mudar moitas cousas na sociedade do seu tempo. E faino unha vez máis hoxe, aproveitando a data do 4 de febreiro, porque se cumpren cen anos do nacemento de Rosa Park. Unha visita ao Blog de Agustín daranos referencias literarias e cinematográficas sobre a figura de Rosa Park, un síimbolo positivo que cómpre difundir entre os máis novos como exemplo de dignidade e de afán de xustiza.