24/2/15

Falardlibros, nova actividade no IES Fontexería (Muros)

Darlle voz aos lectores e ás lectoras da comunidade educativa e facilitar que poidan compartir a súa experiencia lectora co alumnado  é unha fórmula interesante para contaxiar o gusto pola lectura. A biblioteca do IES Fontexería, de Muros, pon en marcha unha nova actividade, Falardlibros, a través da cal convida a persoas da comunidade educativa que por calquera razón se sinten vinculadas a un libro que lles resulta especial, para que comparta esa experiencia de lectura co alumnado do centro. O lugar: a biblioteca. O tempo: un recreo. Destinatarios: o alumnado do centro. Protagonista: calquera membro da comunidade educativa e o libro por el ou ela escollido. 

Na imaxe vemos a primeira convocatoria desta actividade na que Antón Díaz, profesor de Tecnoloxía no centro falará sobre un libro de Oliver Sacks: El tío Tungsteno.

9/2/15

Hora de escoitar outra versión dos feitos

É hora de escoitar as razóns dos "malos" dos contos. Axúdannos as nenas e os nenos de 6º de primaria do CEIP Milladoiro, de Malpica, que estiveron estudando "o punto de vista" como técnica narrativa, poñéndose no lugar do outro, argumentando... Ademais, segundo afirma a súa profesora, traballando competencia dixital (descarga de arquivos, uso de lugares de aloxamento na nube, publlicación de arquivos de son, confección de listas de distribución...) 

Nesta entrada do blogue  de 3º ciclo, aloxado no blogue da biblioteca  podemos acceder a outros exemplos nas voces dos seus creadores, todos eles sorprendentes.