5/5/11

Libros con ciencia


Unha proposta da biblioteca escolar do CEIP Graxal (Cambre, A Coruña): actividade voluntaria, no recreo, arredor de "libros con ciencia"... porque ler hoxe é ler todo tipo de textos en todo tipo de soportes con todo tipo de finalidades... e as bibliotecas escolares o están facendo posible.

Ver toda a información no blogue da biblioteca: Librolandia.be

3/5/11

Unha marea que se estende... + madriñas e padriños lectores

Seguen chegando noticia de bibliotecas escolares galegas que botan a andar (ou repiten) esta iniciativa, e que aseguran resultados excelentes. Velaquí máis exemplos:

2/5/11

+ lecturas compartidas....

Que ben se le na herba!!! Velaquí outro exemplo de apadriñamento lector/amadriñamento lector, desta vez no CEIP Frián-Teis (Vigo, Pontevedra), tamén co gallo do Día do Libro.
+ información no blogue da biblioteca do centro: O lar de Frianciño.

Tamén nos chega noticia do CEIP O Ramo (Fene, A Coruña), do ben que o pasaron as nenas e os nenos do colexio, nunha actividade máis de amadriñamento/apadriñamento lector.

E como non hai dous sen tres, velaquí as fermosas imaxes da actividade Eu leo para ti, celebrada no CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña).

Outra forma de celebrar o Día do Libro

No CEIP Eduardo Pondal (Vigo, Pontevedra) celebraron o Día do Libro cunha práctica de lectura xa bastante estendida nas bibliotecas escolares galegas: a lectura de contos por parte do alumnado maior aos máis pequenos do cole. Un exemplo de convivencia coa lectura como mediadora... un exemplo de fomento da lectura, como práctica socializadora. Parabéns a toda a comunidade educativa que fai esto posible!

29/4/11

Lecturas en abril en centros de ensino galegos.





Lectura continuada de poesía, para facer vivir a Palabra, un 14 de abril, no IES Ribeira do Louro (O Porriño, Pontevedra).

Pola súa parte, os nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) marcharon con Ulises rumbo a Ítaca, nunha lectura continuada da Odisea para celebrar o Día do Libro. Velaquí a súa crónica desta viaxe: "Chegamos a Ítaca"

13/4/11

O lugar da lectura: Día Mundial do Libro

Achégase paseniño o 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos dereitos de Autor, en declaración da UNESCO. As bibliotecas escolares galegas celébrano reivindicando os espazos para a lectura, condición imprescindible para facilitar esta actividade, que precisa sosego, tempo, calma, libros e lectores activos.

"O lugar da lectura" é tamén un fermoso texto que o poeta Carlos Negro escribiu para as Bibliotecas Escolares de Galicia. Con este texto, e imaxes da Asesoría de Bibliotecas, vén de editarse un marcapáxinas especial co fin de celebrar este Día Mundial do Libro.


MARCAPÁXINAS

4/4/11

Memoria dun neno labrego



Co gallo da celebración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, son moitos os centros que están a programar actividades e facendo revivir a Balbino, o protagonista, coma neste caso, na voz dos propios lectores de hoxe. Alumnado e profesorado do IES Pino Manso (O Porriño, Pontevedra) está realizando lecturas deste texto, que gravan en vídeo nun proxecto de gran interese, poñéndolle voz e cara a un libro fundamental na historia e no presente da literatura infantil e xuvenil galega, na literatura galega sen cualificativos. No blog da biblioteca podemos acceder aos distintos capítulos. Pola súa parte, no CEIP Frian-Teis (Vigo, Pontevedra) aproveitaron o Día Internacional do Libro Infantil para dedicar a súa actividade a Memorias dun neno labrego e ao seu autor.

Abril, mes dos libros

O mes de abril é un fervedoiro de actividade nas bibliotecas escolares galegas. A modo de exemplo, esta PROGRAMACIÓN PARA O MES DE ABRIL, do CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra), onde o libro e a lectura son os auténticos protagonistas...

31/3/11

2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil


Velaí chega abril, chamando á porta cos seus petos cargados de libros... moi moderno el, trae tamén libros electrónicos, non o vaian tachar de antigo... libros en fin, para nen@s e moz@s, pero de calidade... é iso o que lle pedimos a Abril sempre.... + información aquí

15/3/11

Lipdub sobre a biblioteca escolar e a CDU no IES Fontem Albei



O Equipo de Biblioteca do
IES Fontem Albei (A Fonsagrada, Lugo) vén de subir á Rede este magnífico lipdub no que participa toda a comunidade educativa, e que xorde como iniciativa gozosa de formación de usuarios da biblioteca. Como din os seus responsables, nada está posto ao azar.
"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para, ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas. "
Parabéns mil a toda a comunidade educativa!!!

15/2/11

Profesorado e lectura

Desde o curso 2009/2010 están a circular polos centros galegos unhas maletas viaxeiras que a Asesoría de Bibliotecas Escolares (Consellería de Educación) facilita en préstamo temporal, en colaboración cos Centros de Formación e Recursos. Unha destas maletas está dedicada á lectura. Contén publicacións de referencia no ámbito do fomento da lectura e da aprendizaxe de competencias avanzadas de lectura.
No blogue da
Biblioteca do IES Pedro Floriani, de Redondela (Pontevedra) podemos ver como un centro educativo aproveita e enriquece esta iniciativa, con propostas dos diferentes departamentes, desde a súa convicción de que "toda profesora, todo profesor é profesor/a de lectura". A información sobre a actividade no centro, por mor da presenza da "maleta de lectura" é de gran interese.

10/2/11

"Ler e escoitar", en banda deseñada

Velaquí a visión de Lucía Martínez, alumna do IES Sánchez Cantón (Pontevedra), sobre o proceso de participación no concurso de Lectura en voz alta, LER E ESCOITAR, no que varias compañeiras súas chegaron á fase final e mesmo unha delas, Clara, acadou o segundo premio na modalidade individual da súa categoría. Lucía emprega unha ferramenta dixital para a creación de banda deseñada, que están aprendendo a utilizar no seu centro, bitstripsforschools e que ao parecer, dá moi bos resultados.