15/2/12

"La biblioteca en la triple matriz de la lectura"




José Antonio Millán: "La biblioteca en la triple matriz de la lectura", unha achega de moito interese no contexto da IV Jornada Profesioanal de la Red de Bibliotecas del Instituto Cervantes, celebrada en Madrid en decembro de 2011. NESTE ENLACE están dispoñibles todos os vídeos desta xornada, centrada na lectura dixital e o papel que poden desempeñar as bibliotecas entre os contidos dixitais e os lectores.

1/2/12

"Sí que te gusta leer"

A Secretaría de Estado de Cultura (Ministerio de Educación, Cultura e Deporte), está a difundir na Rede unha campaña de lectura destinada a mozos e mozas de 14 a 18 anos, baixo o lema SÍ QUE TE GUSTA LEER (pero igual no lo sabes). Cunha presentación atractiva, a páxina da campaña ofrece xogos, enlaces interesantes e un concurso para os participantes. Parte da idea de que os que afirman que non lles gusta ler, aínda así están a ler todo o día nos seus "artefactos" favoritos e nas actividades cotiás. Son lectores aínda que non lean libros. E desde aí, trata de levalos á outro tipo de lecturas. De interese para bibliotecas escolares.

27/1/12

Imprescindible Juan Mata no congreso Familias lectoras



Video streaming by UstreamOs días 21 e 22 de xaneiro, celebrouse en Granada o congreso Familias lectoras en red, organizado pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía, en colaboración co Ministerio de Educación. Ao congreso asistiron fundamentalmente familias (pais, nais, avós lectores, nenas e nenos), e tamén profesorado procedente dos distintos recunchos de Andalucía.
A conferencia inaugural correu a cargo de Juan Mata, profesor da Universidade de Granada e unha referencia fundamental no ámbito da formación lectora e do fomento da lectura. A súa intervención é imprescindible para abordar cuestións de lectura e familia no centro escolar, para re-pensar a importancia da formación dos lectores. Recoméndase o seu visionado (a conferencia iníciase no minuto 3,30).

Lecturas pola Paz




Unha das funcións da biblioteca escolar é a de seleccionar materiais para apoiar os programas e as actividades do conxunto do profesorado dun centro. O calendario civil proporciona tamén oportunidade para visibilizar libros, películas, discos, textos dixitais... sobre un contido determinado. O Día Escolar pola Paz e da Non Violencia é unha desas datas que o profesorado aproveita para avanzar na educación en valores do alumnado, e as bibliotecas escolares para dar a coñecer materiais axeitados para a formación nunha cultura de Paz.


As bibliotecas escolares galegas difunden bancos de recursos e unhas coidadas seleccións de libros ou películas para o tratamento destes contidos. Pódense ver algúns exemplos AQUÍ

21/12/11

Punto de lectura para nais e pais

Procurar a complicidade das familias e a súa colaboración na formación dos lectores pódese facer de moitas maneiras. As bibliotecas escolares galegas van incorporando espazos específicos para pais e nais, ben no interior da biblioteca ou ben nalgún outro espazo próximo, gañando así para a lectura eses recunchos ás veces esquecidos.


No CPI de Panxón (Nigrán, Pontevedra) veñen de inaugurar este Punto de lectura para as familias, un espazo creado con moito gusto, con respecto e dignidade. A invitación non pode ser máis clara: "se ti les, eles len". Ademais, a información chega a todas as casas a través da Guía de lecturas Nadal 2011

12/12/11

Unha oportunidade para a formación dos lectores e das lectoras

A presenza dunha feira do libro no entorno próximo ao centro educativo pode facilitar actividades de gran interese na mediación cos novos lectores .

Nos primeiros días de decembro, a cidade de Pontevedra acolleu a Feira das Industrias Culturais de Galicia, CULTURGAL, e o profesorado responsable da biblioteca do
IES Sánchez Cantón, desta cidade, aproveitou para realizar unha experiencia de formación de lectores visitando a feira e participando en varias actividades, ao tempo que se entrevistaban con libreiros alí presentes. O alumnado participante foron os membros do club de lectura TINTA VIVA, que levaban un tempo preparando esta iniciativa.

No seu blogue podemos coñecer a experiencia de forma máis detallada.

10 decembro: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!

Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


7/12/11

Lecturas compatidas no CEIP de Andrade


No blog RAIOTECA, da biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), podemos coñecer unha experiencia de participación das familias en actividades de fomento da lectura e de formación dos novos lectores. "Lecturas compartidas" é unha fórmula moi probada xa en moitos centros escolares, e tal como nola contan aquí, pode ser vir para seguir animando a outros centros a poñela en práctica.

A implicación das familias é imprescindible, pero tamén hai que facilitala, vehiculizala, favorecela... creando espazos e tempos que a fagan posible.

2/11/11

Bibliotecas Escolares en Tránsito. Congreso en Compostela

Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito. Santiago de Compostela 10, 11 e 12 de noviembre.

Organizan: Ministerio de Educación e Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Nunha actividade asociada ao congreso, os Encontros Biblitoecas Escolares en Tránsito, para posibilitar a participación de profesorado galego da Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. En total, 500 asistentes que poñerán en común inquedanzas e reflexións en relación coa biblioteca escolar que está a definir as súas funcións e o papel que ten que xogar na escola do Século XXI.

Programa

10/10/11

Boa campaña publicitaria a favor da lectura



Atopado en Biblioaponte, blogue da biblioteca escolar do IES de Ponteceso, e procedente de Litteratum.com

28/9/11

Cartaz de Bibliotecas Escolares de Galicia 2011-2012

Emma Ríos, ilustradora galega do mundo da banda deseñada, interpreta o lema escollido para este curso 2011/2012: Biblioteca escolar, última xeración.
Este cartaz chegará aos centros nos primeiros días de outubro, co fin de difundir a biblioteca escolar entre os distintos sectores da comunidade educativa.

+ información sobre Emma Ríos en Banda Deseñada, o portal do Consello da Cultura Galega dedicado ao cómic galego e aos seus autores.