Dentro das iniciativas do programa HORA DE LER, para o fomento da lectura en centros de ensino, distribuíuse recentemente, entre as bibliotecas do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares, este "Pase ao Liberespazo": un material para que os mediadores poidan empregar para motivar a lectura entre o alumnado, adaptándoo á súa dinámica de atención á biblioteca así como de creación e consolidación de hábitos de lectura. A edición destes "pases" está subvencionada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e pode descargarse da Rede. + INFORMACIÓN AQUÍ
2/4/13
Canal Lector, unha nova ferramenta ao servizo da lectura
Nace CANAL LECTOR, o novo portal dedicado ao mundo do libro e da lectura, da man da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, en colaboración coa Federación de Gremios de Editores de España e co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Este Canal Lector, evolución do anterior Sol (Servicio de Orientación de Lectura), incorpora múltiples recursos para mediadores, sexa no entorno educativo ou familiar, e constitúe un instrumento de gran interese para localizar recursos para a biblioteca escolar e manterse ao tanto das últimas novidades referentes á lectura na sociedade da información, entre outros contidos que integra. É tamén unha fonte de recursos para o fomento da lectura, entre os que queremos destacar o KARAOKLEC, que marca un camiño para a elaboración de materiais audiovisuais motivadores da lectura, especialmente sobre textos de tradición oral e poesía (algunhas bibliotecas escolares galegas xa están realizando videos deste tipo para motivar a lectura entre o seu alumnado, pero parécenos unha actividade que aínda pode dar moito de si, se pensamos sobre todo en termos de normalización lingüística).
Etiquetas:
fomento da lectura,
información,
lectura,
libros,
mediadores,
recursos
18/3/13
"Leixapren" ou tamén, "deixaprén", bookcrossing á galega...
Desde o CEIP Frián-Teis, de Vigo, chéganos esta nova dun bookcrossing destinado ás nais e pais do alumnado, ao que lle poñen o nome de LEIXAPREN. E a nós ocórresenos que realmente podería ser un "DEIXAPRÉN", e así entre todos acabamos de atoparlle un nome galego a esta actividade que xa ten percorrido moitos centros e moitas institucións culturais do país... e que siga... Parabéns pola iniciativa!
Etiquetas:
familias,
fomento da lectura,
libros
15/3/13
Unha biblioteca con maxia
Os mozos e mozas do IES As Barxas (Moaña, Vigo), con Luz, a súa profesora de Educación Plástica, e a colaboración de Romina, unha alumna de 2º de BAC, habitual colaboradora da biblioteca do centro, elaboraron esta videocreación sobre a súa biblioteca, unha biblioteca con maxia. Parabéns!!!
14/3/13
Guía de lecturas sobre gastronomía e outras artes
O IES Fraga do Eume, de Pontedeume (A Coruña) é un centro cunha "escola de hostelería" no seu prgrama de ensinanzas, de longa traxectoria na comarca do Eume. O centro convoca un concurso de cociña e coctelería, o prmeio Xosé Rodríguez-Moldes Rey, na súa decimo cuarta edición. A biblioteca escolar colabora, nesta ocasión, coa edición dun boletín especial sobre gastronomía e outras artes, con libros e películas seleccionados para tal ocasión. A lectura, a narrativa, o cine, a información, axudan a poñer en valor, en valor cultural, unha actividade tan específica e, ao tempo, tan importante para o alumnado implicado, e para a comunidade educativa no seu conxunto. Parabéns!
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
fomento da lectura,
gastronomía,
guías de lectura
13/3/13
Muller e poesía, 8 de marzo e Rosalía
Presentación elaborada por Anxos Rial, da biblioteca do IES de Poio, co gallo do 8 de marzo e o 150 aniversario de Cantares Gallegos: acentos, intencións, vontades que se unen atravesando a xeografía para render homenaxe á Rosalía de Castro.
Etiquetas:
muller,
poesía,
Rosalía de Castro
Rimas de amor, ou as familias contan... e riman!
Desde o CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra), chéganos esta recompilación de rimas amorosas, de rimas creadas por nais e pais para as súas crianzas, a proposta da biblioteca. Unha biblioteca escolar que ten moi claro desde hai tempo que só coa complicidade das familias podemos medrar como lectores, que as familias forman parte desa comunidade educativa á que a biblioteca escolar ha dar apoio, orientación, recursos e oportunidades de lectura, de aprendizaxe e de convivencia. E que os froitos, inda que tarden, aparecen...
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
familias,
fomento da lectura,
poesía
26/2/13
Lector grande, lector pequeno... a propósito de Rosalía
Son moitas as actividades de colaboración entre distintos centros educativos que se están a poñer en marcha tendo a lectura e os libros como nexo de unión. A ningún docente se lle escapa o potencial educativo que gardan este tipo de iniciativas, e só as resistencias organizativas, as dificultades que conleva o traslado nun país coma o noso, ou a rixidez pedagóxica aínda tan estendida, impiden maior número de experiencias. Pero tamén é certo que a difusión deste tipo de actividades dá paso a novas iniciativas. Nesta ocasión, o alumnado da Escola de Educación Infantil de VIDE (As Neves, Pontevedra) e os mozos e mozas do IES Pazo da Mercé (As Neves, Pontevedra) compartiron espazo e palabra. A palabra, os versos de Rosalía de Castro, para festexar á escritora no seu 176 aniversario, e para lembrar os 150 anos do seu libro CANTARES GALLEGOS. Velaquí a súa crónicas: EEI DE VIDE
21/2/13
Cantares fronte a adversidade
Froito da colaboración de dúas bibliotecas escolares, a do IES de Poio (Poio, Pontevedra) e a do IES Ribeiras do Louro (O Porriño, Pontevedra) xorde esta CONSTELACIÓN POÉTICA: CANTARES FRONTE Á ADVERSIDADE, para conmemorar os 150 anos da publicación do libro CANTARES GALLEGOS, de Rosalía de Castro, obra fundamental para o renacemento da lingua galega.
Etiquetas:
fomento da lectura,
lecturas,
Letras Galegas,
Rosalía de Castro
18/2/13
"Amo os libros porque..."
Porque os sentimentos se poden expresar e hai que aprender a facelo... tamén o amor aos libros. Velaquí unha actividade no CEIP Bormoio-Agualada (Coristanco, A Coruña) que busca fomentar a lectura pero que tamén serve para facer pensar os porqués das cousas... e para aprender a explicado en poucas palabras.
Etiquetas:
fomento da lectura,
lecturas,
libros
15/2/13
Os libros de bicos... bicos de libro!
Xaneiro e febriro acubillan datas que permiten incidir en certos aspectos da educación psico-afectiva, na educación emocional, na educación ao fin, do alumnado. E a biblioteca sempre estará apoiando, cos seus recursos e as súas propostas, aquelas actividades que permitan avanzar a nenas e nenos no coñecemento de si mesmos, dos seus afectos, dos seus sentimentos, da forma de expresalos e de poñerlles nome, e do xeito de vivilos da maneira máis saudable posible. Velaquí un exemplo de actividade globalizada, educadora, integradora e feliz: CONTOS DE BICOS. CRA DE RIBADUMIA (Ribadumia, Pontevedra)
Etiquetas:
afectividade,
educación,
guías de lectura,
lectura
4/2/13
Agustín Fernández Paz lembra a Rosa Park
Agustín Fernández Paz lembra no seu blog a unha muller que coa súa valentía axudou a mudar moitas cousas na sociedade do seu tempo. E faino unha vez máis hoxe, aproveitando a data do 4 de febreiro, porque se cumpren cen anos do nacemento de Rosa Park. Unha visita ao Blog de Agustín daranos referencias literarias e cinematográficas sobre a figura de Rosa Park, un síimbolo positivo que cómpre difundir entre os máis novos como exemplo de dignidade e de afán de xustiza.
Etiquetas:
Agustín Fernández Paz,
cine,
cómic,
sociedade lectora
Suscribirse a:
Entradas (Atom)




