19/11/13

Presentación mundial de libros nas bibliotecas escolares


A biblioteca Fiz Vergara Vilariño do IES Gregorio Fernández de Sarria, foi o lugar escollido para a presentación do libro A peito descuberto (Análise e edición da obra poética de Fiz Vergara Vilariño) de Yago Rodríguez Yáñez. Acompañaban ao autor neste acto Luis López Melle, Eduardo Rey,  Jaime Félix López Arias e Alfonso Blanco Torrado en representación da AC Xermolos de Guitiriz, editora do libro. 
Agradecen á Galería Sargadelos e á Imprenta Galicia que elixiran a biblioteca escolar para esta presentación e polo seu traballo na elaboración de carteis, invitacións e marcapáxinas.
E nós detacamos, tamén, a participación do alumnado do centro na lectura de poemas de Fiz vergara Vilariño.
Realmente, as bibliotecas escolares, son lugares privilexiados para calquera actividade de difusión cultural e de promoción da lectura. Podemos asegurar que foi un luxo ver tanto público, tan interesado e participativo nesa presentación.

5/11/13

Intercambio de lecturas no CEIP Santiago Apóstolo (Mugardos)

3º lendo a Educación Infantil by Slidely Slideshow

Tamén no CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos iniciaron xa as súas actividades de intercambio de lecturas. Nesta ocasión, o alumnado de 3º de Primaria preparou lecturas axeitadas para as nenas e nenos de Educación Infantil. Souberon moi ben captar a atención dos pequenos, á vista destas imaxes.
Pola súa parte, o alumnado de 6º de Primaria empregou o Kamishibai para esta actividades. A apertura do teatriño xaponés espertou o interese das nenas e dos nenos e o conto contado parece que gustou, se observamos as súas cariñas. 
 

KAMISHIBAI PARA E. iNFANTIL by Slidely Slideshow

Son moitas as habilidades que poñen en xogo as nenas e nenos que participan neste tipo de actividades, todas elas imprescindibles: atención, coidado, selección de textos, expresión oral, respecto polo outro por unha parte, saber escoitar e poñer atención pola outra...  Ben dirixidas, son actividades cun alto potencial educativo.

4/11/13

Lecturas compartidas o antes posible

 
Non hai que agardar a que chegue o Día do Libro para organizar xornadas ou sesións de lecturas compartidas... porque non hai como empezar o curso lendo cos "colegas" o libro que máis nos gusta. Velaquí o exemplo do CPI dos Dices - Rois (Rois, A Coruña). 

29/10/13

"Sobre mortos e tumbas". Escolma poética do IES San Paio (tui)

Tempo de enfrontar a morte e de incorporala dunha forma saudable para poder, tamén, vivir dunha maneira máis consciente. Tempo de defuntos. Velaquí a escolma poética que baixo o título de SOBRE MORTOS E TUMBAS, e arredor da morte, prepararon desde a biblioteca do IES SAN PAIO, de Tui (Pontevedra).http://www.edu.xunta.es/centros/iessanpaio/ Unha excelente selección de textos e imaxes, un documento "para gardar", para ler e debullar.

Primeira consulta do CMAL (Centro Médico de Asistencia Lectora)

 
Chéganos esta gravación da primeira consulta do CMAL, o Centro Médico de Asistencia Lectora recentemente inaugurado na biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal (Pontevedra)Paga a pena ver a profesionalidade de médico e enfermeiros, e o interese dos pacientes!!

As fórmulas que realmente contaxian as ganas e o desexo de ler, as que crean lectores, son aquelas que se poñen en xogo desde o entusiasmo e o coñecemento, e este é un bo exemplo de ámbalas dúas cousas. Parabéns!
 

25/10/13

Nace o primeiro CMAL (Centro Médico de Asistencia Lectora) no Rosal

A biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) vén de inaugurar o CMAL, Centro Médico de Asistencia Lectora, nun dos seus recunchos. O CMAL prestará asistencia nos recreos a partir do 25 de outubro. Esta iniciativa que xurdiu dunha anécdota cun alumno, tal e como contan no blogue da biblioteca, recolle unha idea moi fértil que leva tempo movéndose no mundo da animación á lectura, pero que nesta ocasión cobra corpo dunha forma moi potente e integrada na dinámica da biblioteca escolar, como un servizo permanente. 
Parabéns ao profesorado do centro pola iniciativa, e a toda a comunidade educativa por poder contar con este novo servizo. 

Colaboración entre librería e biblioteca escolar

Neste momento de confusión polo que pasa todo o sector do libro, algunhas librerías están vendo posibilidades de actuación diferentes, e "están poñéndose as pilas". é o caso da librería Khátedra de Ourense que envía aos colexios unhas "maletas de papel", con libros en préstamo para o alumnado. A biblioteca comprométese a facer unha valoración.  Tras o período de préstamo, ofrecen os libros cun 10% de desconto. Así nolo contan desde o CEIP Filomena Dato (Barbadás, Ourense)

15/10/13

"Falamos de ler"

 
Desde o CEIP San Marcos, de Abegondo (A Coruña), chéganos este vídeo, aloxado no blogue do Club de Lectura do colexio,  no que o alumnado de 4º de primaria realiza entrevistas a outros nenos e outras nenas e aos adultos presentes no centro, arredor do libro e a lectura. Impagable como documento no ámbito da sociolingüïstica. Un traballo estupendo da rapazada. Parabéns!

23/9/13

Literatura Infantil e Alfabetización Incial - 2. Teresa Colomer

 
2ª parte da intervención de Teresa Colomer.
"Un tiempo, un tiempo para leer. Los niños necesitan un tiempo para leer (...) Es en la escuela dónde se necesita un tiempo autónomo de lectura silenciosa, tranquila, dónde los niños van a ir leyendo y aumentando sus habilidades de lectura". 

Máis claro imposible: Hora de ler.


Literatura e alfabetización inicial. Teresa Colomer.

 
A profesora Teresa Colomer imparte unha conferencia sobre Literatura Infantil e Alfabetización Inicial nun Ciclo de Desarrollo Profesional, Literatura Infantil, Alfabetización Inicial y Didáctica, en Argentina (2010).  

A  segunda parte da conferencia pode verse neste enlace: 
http://www.youtube.com/watch?v=TtcduLrIt98

Sempre é un privilexio acceder á palabra de Teresa Colomer, investigadora e gran defensora da presenza da literatura infantil na escola, non cun sentido utilitarista (este libro vale para este tema ou aquel outro), senón cunha función formadora, cunha función educadora e de desenvolvemento persoal.

12/9/13

Lecturas compartidas para comezar con bo pé

No CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra) aproveitaron os recursos da biblioteca escolar para programar unha boa forma de comezar o curso: cunha actividade de lectura compartida
"Comeza o curso escolar e a nosa primeira proposta para este ano foi botar man da lectura compartida , para calmar nerviosismos, capturar tempos de escoita e tender lazos afectivos con cada grupo de alumnos e alumnas." 

10/9/13

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2013/2014

Publicada no Portal Educativo a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en apoio do funcionamento de clubs de lectura, para o curso 2013/2014. Poden presentar solicitude de axuda os centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas e de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas). O prazo de presentación de solicitudes remara o vindeiro 11 de outubro de 2013

Durante o curso 2012/2013 recibiron axuda para o funcionamento do club de lectura un total de 222 centros públicos galegos. Cómpre detallar que na meirande parte destes centros funcionan varios grupos de lectura, en función de idade e intereses. Da mesma forma, aproximadamente un 25% destes centros conta cun grupo de lectura de adultos. En total, unhas 7.000 persoas, entre profesorado, alumnado, persoal non docente e familias, compartindo experiencia lectora.... construíndo sociedade lectora.