19/10/08

Cánta xente para falar de lectura e de bibliotecas escolares!


Iso é o que manifestan os especialistas que veñen de fóra e fican abraiados diante do elevado número de profesoras e profesores que se reúnen ano tras ano en Compostela, cando chega outubro. Celebráronse esta fin de semana os II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, que reuniron a 970 participantes, para falar de BIBLIOTECAS PARA LER E APRENDER, o lema duns encontros adicados principalmente á exposición de experiencias de alto interese que se están levando a cabo por todo o territorio galego. Houbo tamén conferencias e risas a esgalla na "lectura de conclusións" a cargo de Ohiulari Clawn.

Na imaxe, o momento no que Xoaquín C. Freixeiro, responsable da biblioteca escolar do CEIP Condela de Fenosa (O Barco, Ourense) fala sobre o Proxecto lector e os clubs de lectura do seu centro.

1/10/08

De lectores expertos...

Entre as últimas lecturas, as novelas de Petros Márkaris e o seu comisario Jaritos, un afeccionado á lectura dos dicionarios... En Suicido Perfecto
atopamos a seguinte perla:
"Agora xa sei qué se entende por lector experto. Non é o que le moi á présa ou con moita atención. É o que sabe en qué fixarse e qué pasar por alto".

28/6/08

Mediadores e clubs de lectura

Son docentes, traballan en centros de ensino secundario dispersos por Galicia adiante, moitos deles integran ou coordinan os equipos de biblioteca escolar dos seus centros, reúnense periódicamente cun grupo de alumnos e alumnas, ás veces con outros profesores, pais e nais, persoal non docente... para falar de libros e de experiencia lectora en clubs de lectura de carácter voluntario para os participantes. Son mediadores de lectura, educadores, cidadáns preocupados pola construción dunha sociedade lectora... e predican co exemplo e co traballo cotián... Reuníronse o pasado 25 de xuño en Santiago de Compostela, convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de bibliotecas escolares), nunha Xornada de Clubs de Lectura.

25/6/08

Xornada dos Clubs de lectura en Santiago

Hoxe, 25 de xuño, estase a celebrar na EGAP (Escola Galega de Administración Pública), de Santiago de Compostela, unha Xornada de Clubs de lectura, que reúne aos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura presentes en 104 centros de ensino secundario de toda Galicia.
Esta actividade, organizada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), pretende ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e iniciativas, un espazo para a reflexión conxunta sobre as potencialidades desta fórmula de fomento da lectura entre os adolescentes e as comunidades educativas dos institutos de ensino secundario. É tamén un tempo para celebrar o éxito dunha convocatoria que soubo recoller as inquedanzas dun bo número de docentes implicados e apoiar as súas iniciativas.
O programa conta coa presenza de dúas persoas de referencia no panorama español: Blanca Calvo, directora da Biblioteca Pública do Estado de Guadalajara, unha das fundadoras do Seminario de Literatura Infantil e Xuvenil desa cidade, impulsora do Maratón de los cuentos, unha das citas ineludibles do ámbito do fomento da lectura no Estado; Pep Bruno, escritor, narrador e impulsor de clubs de lectura e de escritura con mozos e mozas, tamén estára presente nas sesións da tarde. Complétase a xornada con dúas mesas de experiencias: pola mañá de clubs de lectura nos que só participa alumnado e profesorado implicado, e pola tarde, de clubs de lectura abertos ao resto da comunidade escolar, pais, profesorado, ex-alumnos e persoal non docente.
Será unha xornada dedicada aos libros e a lectura. Se contamos con que cada profesor implicado pode representar, como mínimo, a unha media de 15 alumnos/as, as 120 persoas implicadas representan unha incipiente (o no tanto) "masa crítica" do que é hoxe a lectura por propia vontade en Galicia, a que paga a pena porque é libre, a que crea sociedade lectora, a que merca libros nas librerías das súas respectivas localidades e demanda e xestiona bibliotecas escolares activas que mercan libros, tamén, nas mesmas librerías para manter actualizadas as súas coleccións....

24/6/08

Lecturas recomendadas para o verán

Tempo de vacacións... as bibliotecas escolares publican as súas recomendacións de lectura para este verán. Os mediadores seleccionan títulos novos e non tan novos, pero necesarios, e os ofrecen con pequenas reseñas ás veces, con gana sempre de contaxiar o gusto polos libros. Exercen, pois, unha das súas funcións: a de orientar para unha viaxe máis segura polo bosque dos excesos que é hoxe o panorama editorial. Unha visita polo blogues das diferentes bibliotecas escolares amplía o acceso a guías de lectura e listados por idades. Boas lecturas!

13/6/08

Hora de ler... un exemplo

Os materiais do programa de fomento da lectura, Hora de Ler, están sendo utilizados nos centros escolares a criterio do profesorado, con distintos resultados en función, especialmente, da implicación destes mediadores e do carácter innovador e activo das prácticas pedagóxicas cotiás nas que integran estes materiais. Un exemplo é o que publica no seu blogue Pasa Páxina, a biblioteca do CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña: un percorrido fotográfico polas ilustracións dos libros lidos, realizadas no seu "caderno de debuxo" os lectores e lectoras de educación infantil. As nenas e os nenos len, e len moito, e agasállanos cunha visión particular dos seus personaxes preferidos, eses que forman parte xa do noso imaxinario colectivo: Elmer, a toupiña, Frederick...
Recomendable tamén a información no mesmo blogue sobre a participación de pais e nais na biblioteca, compartindo lecturas... implicándose.

5/6/08

Libros escollidos


A Fundación Germán Sánchez Ruipérez é unha referencia fundamental para os mediadores pero, sobre todo, é unha referencia útil.
Vén de publicar unha selección de títulos de literatura infantil e xuvenil, editados no periodo 2006-2007, escollidos con criterios de calidade pola Red de Selección de Libros Infantiles y Juveniles, un grupo de expertos relacionados con este tipo de literatura nas catro linguas do Estado.

2/6/08

Xornada dos Clubs deLectura

O 25 de xuño terá lugar en Santiago de Compostela unha Xornada dos Clubs de Lectura, destinado ao profesorado que coordina os clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario e que foran seleccionados na convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para incentivar e apoiar estas iniciativas, no presente curso 2007/2008. Hai un total de 104 clubs de lectura en funcionamento, algúns deles con varios grupos e participación dos distintos sectores da comunidade educativa.
Nesta xornada poderánse coñecer algunhas destas experiencias, tal e como recolle o programa.

29/5/08

A lúa anda por Malpica....


As nenas de nenos de 1º curso de Primaria do CEIP Milladoiro, de Malpica (A Coruña) len contos a eito..... e debuxan a lúa que dá xenio vela..... Velaquí o vídeo que fixeron cos seus debuxos e as súas voces sobre o texto ¿A que sabe a lúa?, de Michael Grejniec, texto publicado en galego por Kalandraka.
Máis información sobre estas e outras actividades arredor da lectura que se levan a cabo neste centro, pódese ver no blogue da biblioteca escolar: Biblioteca.Milladoiro.Malpica




24/5/08

Ler debía ser prohibido

Na Lusofonía Blogueira haiche moito que ver... velaí un pequeno vídeo para a promoción da lectura, atopado no blogue de Alcameh, compañeira desta pequena rede social que imos tecendo arredor do libro e a lectura...
"Ler poder tornar ás persoas perigosamente máis humanas"


Campanha de incentivo à leitura idealizada e produzida por: Deborah Toniolo, Marina Xavier, Julia Brasileiro, Igor Melo, Jader Félix, João Paulo Moura, Luciano Midlej, Marcos Diniz, Paulo Diniz, Filipe Bezerra. (Alunos do 2ºano - turma pp02/2003 - do curso de Publicidade e Propaganda da UNIFACS - Universidade Salvador).

11/5/08

Foto tomada na Feira Internacional do Libro de La Habana, febreiro 2008
Na súa columna semanal do diario El País (sábado 10/05/08), Manuel Rivas presenta un texto impecable, "El tanatorio", no que unha vez máis é quen de debuxar, apenas cunhas pinceladas, unha situación social ben definitoria da Galicia que estamos a vivir: "No hace mucho, en un municipio orensano, hubo un debate vecinal y una votación para decidir el destino de una subvención de fondos europeos. El dilema era una biblioteca... o un tanatorio. Una variante del derecho a la autodeterminación. En realidad, la alternativa de la biblioteca surgió en el último momento, a propuesta de las dos muchachas más jóvenes del lugar. Entendían que si se optaba por una biblioteca, con su bibliotecaria y todo, no sólo se abría un espacio donde estar vivo, y vivir otras vidas, sino que también se emitía una señal hacia el futuro. ¿Cómo se va a morir un pueblo donde hay biblioteca y bibliotecaria? En la votación hubo una marmórea mayoría a favor del tanatorio."

9/5/08

As mochilas viaxeiras andan a dar froito

Xa levan uns meses movéndose polo país, dos centros escolares ás casas, das casas aos centros, unhas mochilas moi lidas: as mochilas viaxeiras. Unha iniciativa que xa estaban a levar a cabo en moitas bibliotecas escolares, sempre con grande éxito entre as familias.
A modo de exemplo, dúas breves informacións desde centros que participan desta experiencia: