21/5/10

"Mesa de intercambio"

O Club de lectura "As Campaíñas", do CPI Aurelio M. Rey García, de Cuntis (Pontevedra) montaron no vestíbulo do centro unha "mesa de intercambio" de libros, revistas, películas, discos... O fermoso cartel que publicita esta actividade foi realizado polo alumnado de 1º de ESO baixo a dirección da profesora de Plástica, Hortensia. Trátase dunha actividade motivadora que axuda a que "rulen" os libros e os recursos culturais, e a crear ambientes lectores nos centros educativos.

10/5/10

Ler a Novoneyra

Bailan libres os poemas de Novoneyra sobre os muros en escolas e institutos de todo o País. As bibliotecas escolares galegas son espazos de imaxinación e Casas da Palabra que, nestes días, se enchen dos versos e das voces da xente nova. Velaquí un exemplo de toda a actividade lectora que, a partir da figura de Uxío Novoneyra, autor do Día das Letras Galegas 2010, se está a vivir nos centros educativos galegos.

4/5/10

Tratamento da información e competencia dixital

O poder da imaxe... todo un discurso sobre a necesidade de implicar ás familias na educación dos nenos e nenas como usuarios da información. A publicidade lévanos anos de vantaxe á hora de comunicar...

Os mozos non len poesía...

Ese é un dos tópicos máis comúns cando se fala de lectura e de xente nova... tópico que se esnaquiza cando se bota unha ollada ás bibliotecas escolares galegas, nas que a poesía está presente un día si e outro tamén. Velaquí un poeta, Carlos Negro e velaquí os mozos e mozas do club de lectura A árbore vermella, do IES Xesús Taboada Chivite, de Verín (Ourense). Un encontro grato coa poesía, mediadores sensibles e eficaces, bos libros e tempo para disfrutalos. Espazos e tempos para a lectura, tamén de poesía, nos centros educativos. Convidamos a ver a crónica deste encontro: Visitounos Carlos Negro.

23/4/10

Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

Son moitas as experiencias de interese que se están a levar a cabo nas Bibliotecas Escolares de Galicia co gallo do Día do Libro. Non podemos referenciar todas, pero unha visita aos blogs destas bibliotecas (Primaria ou Secundaria) pode servir para coñecer a intensa actividade lectora que se leva a cabo nos centros. Hoxe chéganos noticia dunha delas que, pola súa emotividade e pola súa potencialidade, queremos destacar. As palabras de Bea, a responsable da Biblioteca do CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas (Pontevedra), son ben clarificadoras:
"Onte pola tarde visitamos co CLUB DE LECTURA o Centro de Día da Terceira Idade para compartir con eles un tempo de lectura. Foron momentos moi entrañables cos seus aplausos, comentarios e palabras e incluso cos seus silencios. Cando rematamos coas lecturas eles tamén quixeron deleitarnos con algúns poemas e contos. Preparáronnos unha tarda de chocolate durante a mañán e entre bocado e bocado falamos con algúns deles sobre os seus netos e incluso os que non tiñan sentíronse por un día avós.
Pedíronnos que voltáramos a visitalos e nós invitámolos a ir ao noso cole.
Hoxe que tivemos xuntanza do Club de Lectura aproveitamos para valorar a actividade e pódovos dicir que todos os comentarios foron positivos, é como se medraran un pouco máis por dentro. (...) Penso que foi unha boa maneira de celebrar o día do libro."

22/4/10

PREMIO DA AELG


O pasado sábado a Asociacin de Escritores en Lingua Galega fixo entrega dos seus premios. Nesta modalidade estes eran os finalistas...
Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)
1. Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros
2. Lúa do Senegal, de
Agustín Fernández Paz
3. O Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade, de Xesús Manuel Marcos
4. Valados, de Agustín Fernández Paz
E ... resultou ganador
LÚA DO SENEGAL de Agustín Fernández Paz
De
XornalGalicia.com tomamos o seguinte fragmento:
"(...) Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta.
Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da prota-gonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.(...)"

19/4/10

Día Mundial do Libro 2010 - I


Co gallo da celebración do Día Mundial do Libro 2010, Ano do Libro e da Lectura de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria difunde o texto que Juan Mata escribiu como agasallo para a Rede de bibliotecas escolares de Galicia e para conmemorar este día.
O autor repara na función dos lectores como axentes que poden contaxiar as ganas de ler, pero aposta por unha actitude honesta e humilde: "Sempre preferirei a discreción do exemplo á barafunda dos discursos. Se me presento ante un grupo de nenos limítome a abrir un álbum ilustrado e lelo con delicadeza e fervor, se estou en fronte de adolescentes non lles falo nin como un colega nin como un académico senón como alguén que coa súa idade descubriu nos libros o que a vida lle ocultaba..."
Máis información, aquí


29/3/10

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil



Xa podemos acceder ao cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil que, como todos os anos, publica a IBBY (International board on Books for Young People). Nesta ocasión os autores da ilustración e do texto son os españois Noemí Villamuza e Eliacer Cansino.
A mensaxe, distribuída por OEPLI, está dispoñible nos catro idiomas do estado español; tamén en inglés.
O 2 de abril, data na que se conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, é boa ocasión para lembrar que hai sempre un libro agardando por nós... e os mediadores temos a oportunidade de axudar aos máis novos a navegar entre mares de publicacións de moi desigual calidade, aprenderlles a facer seleccións persoais, con criterio, curiosidade e valentía, para non camiñar polos vieiros marcados pola industria cultural unicamente.

18/3/10

Poesía nas bibliotecas... que falta fai...

A Palabra poética está presente sempre nas Bibliotecas Escolares galegas, pero estes días de marzo xoga nos beizos da rapazada e anda libre polos recunchos todos... palabra recitada, palabra cantada, palabra "rapeada", dita ás agachadas, bisbada... debuxada, pintada, fotografada... pero Palabra, en fin, a espertar conciencias e sensibilidades.
E por textos poéticos, que non sexa: velaquí unha selección realizada por REDE LECTURA, entre o máis interesante dos poemarios de literatura infantil e xuvenil publicados nos últimos anos.

16/3/10

Madriñas e padriños de lectura

Chegan a un tempo noticias de diferentes centros nos que se botan a andar actividades de lectura compartida, ben interesantes. Os resultados??? Algúns vense no momento... outros veranse co tempo. Pero é xa unha experiencia de convivencia arredor dos libros cun compoñente afectivo importante que, como se sabe, é un dos requisitos para as actividades que vinculan aos lectores coa actividade da lectura.
A fórmula é ben sinxela: poñer en contacto a alumnos e alumnas "maiores" con outros máis pequenos, formalizar o "apadriñamento", e dispoñer de espazos e tempos para o acto de ler. Hai xa rapaces de instituto que lles van ler aos máis pequenos no colexio próximo. A organización do profesorado con vontade de educar. O vindeiro mes de abril pode favorecer iniciativas deste tipo, pero días ten o ano nos que botalas a andar.... parabéns a todos os centros galegos que se lanzan á aventura... tras deles virán outros...

Algúns institutos que andan a organizar actividades deste tipo: IES de Sanxenxo, IES de Fene

1/3/10

Educando lectores... de manga

A biblioteca escolar do IES FONTEXERÍA, de Muros (A Coruña) manterá aberta, durante todo o mes de marzo, unha exposición sobre un tipo de cómic ben presente nas preferencias dos lectores xoves, o manga. Así nos explica a actividade prevista o responsable desta biblioteca:


"O vindeiro xoves día 4 inauguramos unha exposición sobre o manga que estará aberta durante todo este mes. Este xoves dous rapaces coñecedores e lectores deste tipo de comic explicarannos os porqués da súa afición a este xénero, ademais de amosarnos parte do material que consumen. O resto dos días haberá sempre unha mesa na Biblioteca con exemplares de manga en diversos idiomas, incluíndo o primeiro manga publicado en galego. Ademais, expoñeranse 6 paneis con información introductoria ó manga, e durante os recreos as proxeccións temáticas ilustrarán estes mesmos contidos".