A presenza de lectores ou lectoras de idiomas nos centros é unha oportunidade que se pode aproveitar tamén para ampliar o espectro das lecturas que ofrece a biblioteca. Así o entenderon no CEIP A Sangriña, de A Guarda (Pontevedra), unha poboación xa moi próxima a Portugal. Neste centro contan cunha lectora de portugués que se prestou para narrar un conto neste idioma aos nenos e nenas de infantil. Así nolo contan no seu blogue e nós difundímolo porque é unha práctica de interese que ben pode inspirar outras iniciativas. Parabéns ao profesorado implicado, e parabéns aos nenos e nenas que puideron disfrutar do conto A QUE SABE A LÚA con outros matices.
24/5/12
22/5/12
Curtas de conto I - CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos
Froito da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a CRTVG e OQO Editora, chegou aos centros unha iniciativa de creación de curtas a partir de contos que está dando resultados sorprendentes. Velaquí unha mostra: as nenas e os nenos do CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos (A Coruña) recrearon desta forma o conto A Vella Lulula (Mar Pavón e Alessandra Cimatoribus). Segundo o profesorado do centro "foi laborioso, pero en ningún momento aburrido. A cantidade de cousas que
estes nenos e nenas aprenderon ( e as profes tamén, xa que partimos de 0) non se
poden enumerar. A satisfacción polo producto final no que todos e todas
colaboraron é o mellor dos premios posibles."
NESTA PÁXINA pódese acceder ás diferentes curtas elaboradas por colexios de toda Galicia participantes nesta iniciativa.
NESTA PÁXINA pódese acceder ás diferentes curtas elaboradas por colexios de toda Galicia participantes nesta iniciativa.
Etiquetas:
campañas de fomento da lectura,
cine,
contos
14/5/12
Unha lección de vida no IES O Mosteirón, de Sada
O blogue A ESPERELA, da Biblioteca escolar do IES O Mosteirón (Sada, A Coruña) recolle a crónica dunha experiencia educativa en toda regra, da que participaron os alumnos e alumnas de 3º e 4ª de ESO e 1º de BAC: a visita de Martín Varela Dourado, deportista, especialista en ténis en cadeira de rodas. Non hai máis que ler esta crónica, ver o vídeo e sobre todo, LER OS COMENTARIOS dos mozos e das mozas que asistiron á charla de Martín, para entender o alcance desta actividade. Parabéns ao profesorado que o fixo posible!!!
Unha mostra máis do que está pasando en institutos públicos de Galicia, contra vento e marea... ensino público de calidade!
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
cidadanía,
educación
11/5/12
Lecturas compartidas desde o IES Sanxenxo, veteráns...
Os mozos e mozas do IES Sanxenxo (Sanxenxo, Pontevedra), levan xa tres anos con esta experiencia de lecturas compartidas coas nenas e nenos de centros próximos. O CEIP de Dorrón, do CEIP A Florida e do CEIP de Portonovo, todos do concello de Sanxenxo, recibiron a visita das súas madriñas e dos seus padriños de lectura e viviron momentos gratos cun libro como intermediario. Non hai máis que velos!
7/5/12
¿Cando foi a última vez?
Nova entrega da campaña de fomento da lectura do IES LAMA DAS QUENDAS, de Chantada (Lugo). Parabéns por implicar á comunidade, por contar coa xente, e aproveitar a retranca, o humo propio, esa sabedoría...
Canapés literarios no CEIP A Pedra, de Bueu
Desde o CEIP A Pedra (Bueu, Pontevedra) chégannos noticias doces: OS CANAPÉS LITERARIOS, unha actividade de fomento da lectura das que "abren" as gañas de ler. + Información AQUÍ
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
fomento da lectura
2/5/12
+ Apadriñamentos lectores, desta vez no Porriño
As mozas e mozos do IES Ribeira do Louro, de O Porriño (Pontevedra) tamén exercen de madriñas e padriños de lectura, desta vez co alumnado do CEIP Antonio Palacios, do mesmo concello, coa colaboración da Biblioteca Escolar deste centro e da Biblioteca Pública Municipal. Parabéns por esta iniciativa que, máis aló dos beneficios en relación coa lectura de grandes e pequenos, promove actitudes de convivencia e de cidadanía. Das competencias e habilidades que se poñen en xogo neste tipo de actividades, poderíase falar moito tamén... unha vez máis, educación integradora, educación de calidade no ensino público galego.
APADRIÑAMENTO LECTOR 2012 on PhotoPeach
Ladaíña para a lectura
No CEIP Lois Tobío (Viveiro, Lugo) elaboraron, coa participación conxunta de todo o alumnado do centro, esta LETANÍA PARA A LECTURA, un exercicio de escritura creativa ao servizo da lectura.
Por outra parte este centro xunto con outros seis do concello de Viveiro, coa colaboración do propio concello, veñen de realizar unha exposición conxunta titulada DE ONTE A HOXE, LEMBRANDO O PASADO, coa participación das familias.
30/4/12
Os mozos e mozas do IES Poeta Díaz Castro de Guuitiriz van ler polas escolas próximas...
Un ano máis, os mozos e mozas de ESO do IES Poeta Díaz Castro (Guitirz, Lugo) aproveitan o Día do Libro para visitar colexios próximos (Lagostelle, Parga, A Castellana) e facer unha intervención lectora coas nenas e nenos de Infantil e 1º Ciclo de Primaria. No seu blogue podemos ler o proceso de preparación, ver un vídeo sobre a actividade e moitas fotografías.
Outro ano máis celebramos o día do libro compartindo
contos e lecturas cos pequenos dos colexios de Lagostelle, Parga e A Castellana.
Escollemos, coa axuda dos profesores dos colexios, unha serie de contos
axeitados para cada nivel (infantil e 1º ciclo de primario) e distribuímos os
contos entre os nosos alumnos. Durante a semana anterior cada lector preparou o
seu conto tendo en conta a idade á dos nenos que o ían escoitar. Nos colexios
organizamos os pequenos en grupos de tres de xeito que cada un dos lectores foi
pasando por diferentes grupos e lendo o seu conto. Cremos que non resultou mal e
que foi unha boa experiencia para os nosos
alumnos.
Parabéns por esta iniciativa.
Etiquetas:
apadriñamentos lectores,
fomento da lectura,
lectores,
mediadores
Recomendacións musicais no IES Pino Manso, de O Porriño
Libros na Aula de Música, música na Biblioteca... Mozas e mozos do IES Pino Manso (O Porriño, Pontevedra) recomendan (á súa maneira) libros de ópera que veñen de ler coa guía do profesorado de Música. Esta iniciativa exemplifica unha nova vía de colaboración entre áreas de aprendizaxe e biblioteca, cando se traballa para a mellora das competencias básicas do alumnado.
A expresión oral é unha das habilidades nas que cómpre incidir co alumnado actual, neste momento en que a linguaxe correcta non é un valor en alza nos medios de comunicación nin nos grupos sociais nos que acostuman a moverse. Bó é que o centro educativo poña toda a súa imaxinación e todos os seus medios para enfrentar un aspecto básico da competencia en comunicación lingüística. Os libros, en toda a súa variedade, poden ser bos instrumentos para traballar neste ámbito.
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
fomento da lectura,
música
27/4/12
As familias e a biblioteca escolar, unha colaboración afortunada.

A importancia da implicación das familias na formación dos novos lectores e da novas lectoras é unha cuestión incontestable. Xa en 2007 a, daquela, Consellería de Educación e O.U., editaba uns materiais destinados á busar a complicidade de pais e nais nesta fermosa tarefa de contaxiar o hábito da lectura aos máis pequenos, cuns materiais incluídos no programa HORA DE LER baixo o lema ¡CONTAMOS MOITO!
Co desenvolvemento dos Proxectos Lectores de Centro nos últimos anos, son moitas as bibliotecas escolares que inclúen actividades destinadas directamente ás familias ou nas que estas teñen total protagonismo. Nestes días, e co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, chégannos noticias de varias destas actividades, que pola súa diversidade e polo seu interese, salientamos aquí:
- EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña): NA SEMANA DO LIBRO ABRIMOS A BIBLIO... A CONTACONTOS (as nais como narradoras)
- CEIP Quintela (MOaña, Pontevedra): As nais colaboradoras da biblioteca preparan agasallo sorpresa pra o Día Mundial do Libro.
- CEIP de Foz nº 1 (Foz, Lugo): TEATRO NO DÍA DO LIBRO: O BELO DURMINTE (As nais e os pais fan teatro)
- CEIP de Cervo (Cervo, Lugo): Mamás e papás contan en Infantil 3 anos - Mamás e papás contan
Etiquetas:
bibliotecas escolares,
familias,
fomento da lectura,
Hora de ler,
Infantil
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
