17/4/07

Campaña de lectura HORA DE LER




En abril de 2006, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria iniciaba a difusión dunha campaña de fomento da lectura en centros escolares, baixo o lema HORA DE LER.

HORA DE LER ten como obxectivo fundamental facer visible as bibliotecas no espazo educativo e poñer en valor o libro e a lectura entre os máis novos.

Na primeira fase da campaña remitíronse aos centros carteis motivadores e distribuíronse entre os nenos e nenas de educación infantil, primaria e 1º ciclo de secundaria, marcapáxinas e adhesivos "ex libris" con motivos extraídos do cartel. O profesorado, pola súa parte, recibía a axenda do mediador, especialmente pensada para motivar a súa función como modelo de lectura entre o alumnado.

Para o deseño e elaboración dos materiais creouse un grupo de traballo, denominado Acatrotintas, formado por catro docentes con experiencia nos distintos niveis educativos aos que van destinados (Mayte Leis, Cristina Novoa, Magdalena de Rojas e Juana Vázquez); todas as imaxes son da autoría do ilustrador galego Óscar Villán.