21/5/07

Clubs de lectura

O colectivo Acatrotintas propón, na Guía do profesorado Ler o mundo - 1º C. ESO, a creación de clubs de lectura nas bibliotecas escolares, con diversas modalidades, segundo o contexto:

Formar un club de lectura na biblioteca consiste, basicamente, en atraer un grupo de rapaces e rapazas que desexen compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso. O espazo natural para ao club de lectores será a biblioteca escolar, e os tempos axeitados para a súa celebración dependen das posibilidades de cada grupo (recreos, tempos non lectivos). O número de integrantes non debe ser excesivo: entre cinco e quince lectores, como máximo.

O elemento vertebrador do club de lectores é a persoa mediadora. Indiscutiblemente, ten que ser unha persoa lectora, que estea disposta a ocupar parte do seu tempo en promover unha actividade deste tipo. Non ten por qué ser un profesor das áreas de lingua, nin tampouco o responsable da biblioteca. A súa función inclúe dende a selección dos títulos para ler, a elección da mellor forma para conseguir os exemplares destes títulos, a organización das sesións, a publicidade desta proposta, a oportunidade das diversas convocatorias, o control dos tempos, a moderación dos participantes e a difusión das achegas do grupo, se é o caso. Debe, ademais, facerse permeable ás opinións e preferencias dos participantes, integrando os seus gustos e propoñendo, á vez, temáticas e autores que lles pemitan avanzar como lectores.
(...) Pero nun centro educativo poderían poñerse en xogo outra fórmulas máis abertas: por exemplo, propoñer dende a biblioteca, e coa participación dos lectores que así o decidan, unha serie de títulos para ler ao longo dun período escolar, normalmente, un título por mes, difundir a través de todos os medios (taboleiro, páxina web, panfletos, blog...) o "título do mes" e posibilitar o acceso aos exemplares propostos. As persoas máis implicadas (equipo da biblioteca, persoa coordinadora, lectores, máis interesados) motivarán comentarios sobre a obra lida nos espazos e tempos informais (cafetería, corredores, patio...), integrando no posible a toda a comunidade escolar. Deste xeito, irase creando un ambiente proclive ao feito lector, polos elementos afectivos e de vínculo que se poñen en xogo. simultaneamente, a biblioteca proporcionará soportes (impresos, electrónicos, radiofónicos...) para a comunicación de opinións, comentarios, e recomendacións sobre os libros lidos. Esta forma aberta de club de lectores funciona con éxito nalgúns centros escolares.
Colectivo Acatrotintas

No hay comentarios: