O 2 de abril ten un significado moi marcado para os mediadores do libro e da lectura, ao conmemorarse o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen. O Día Internacional do Libro Infantil está xa moi presente nas programacións de bibliotecas e centros escolares. Pero é tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, recoñecido así pola Asemblea das Nacións Unidas en 2008.
"O autismo é unha discapacidade permanente do desenvolvemento que se manifesta nos tres primeiros anos de idade. A taxa do autismo en todas as rexións do mundo é alta e ten un terrible impacto nos nenos, as súas familias, as comunidades e a sociedade", podemos ler na páxina web da ONU.
As bibliotecas escolares, atentas á realidade dos centros e das nenas e nenos que lles dan vida, van incorporando nas súas programacións algunhas actividades para dar resposta e cobertura en materia de lectura aos nenos e ás nenasque presentan esta discapacidade (tamén ás súas familias), poñendo así en práctica esa "atención á diversidade" tan difícil ás veces de concretar en feitos. Vemos algúns exemplos
- Na biblioteca do IES Ribeira do Louro (O Porriño) están adquirindo materiais destinados ao alumnado con trastorno do espectro autista e ás súas familias. Velaquí unha guía dos materiais cos que conta a biblioteca, elaborada en colaboración cunha nai implicada: Pinterest sobre neurodiversidade (a imaxe desta entrada corresponde a este material)
- A biblioteca do CEIP Frián-Teis (Vigo) propón unha serie de recursos para coñecer mellor este trastorno que presentan algúns alumnos e alumnas do centro. e que pode resultar útil a calquera docente. Así mesmo, esta entrada do seu blogue recolle exemplos de materiais que poden favorecer a lectura a este alumnado.
- No blogue da biblioteca do IES Pazo da Mercé (As Neves) lembran tamén esta data e achegan materiais relacionados cun caso concreto de autismo, "A canción de Manuel"
No hay comentarios:
Publicar un comentario