10/6/14

Hora de ler, un tempo para a lectura libre no horario lectivo

HORA DE LER on PhotoPeach  
Velaquí un exemplo de ambiente lector que se vive nunha boa parte de centros educativos galegos que puxeron a andar xa hai tempo a "hora de ler", un tempo para a lectura libre dentro do horario lectivo. HORA DE LER dá nome ao programa da administración pública galega para o fomento da lectura no contexto educativo, e foi este o termo que escolleron os centros para ese "tempo para a lectura" contemplado na normativa curricular desde 2007. Pero xa antes, concretamente a partir dos primeiros encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares en 2006, comezara a difundirse a iniciativa exitosa nun centro de A Coruña, o CEIP Emilia Pardo Bazán, que viña empregando a fórmula da "lectura silenciosa sostida", procedente das escolas anglosaxonas. A inclusión do tempo para a lectura en primaria (30'diarios) e a elaboración dos Proxectos lectores de centro axudou a espallar esta iniciativa, que hoxe se leva a cabo en practicamente todos os centros de primaria de Galicia e uns cincuenta institutos de ensino secundario. 

Desta forma, Galicia, leva xa tempo poñendo en práctica unha das recomendacións do Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización que a Unión Europea deu a coñecer en 2012: "Reservar un tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura a para as actividades de libre lectura, permitindo que os alumnos elixan os seus materiais de lectura e establezan o seu propio ritmo de lectura". 

As imaxes corresponden á "hora de ler" no CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño)

No hay comentarios: